Sufrimento ata o último día con victoria en Euskadi

O Teucro sae dos postos de descenso tras gañar, pero xogará a permanencia contra o Sarrià, o Ikasa e o Disiclín Lalín nun final de temporada condicionado polos adiamentos
Marko Dzokic intentando lanzar a portería durante un partido desta temporada. RAFA FARIÑA
photo_camera Marko Dzokic intentando lanzar a portería durante un partido desta temporada. RAFA FARIÑA

A evolución dos acontecementos condeará á Sociedad Deportiva Teucro a loitar pola permanencia ata o último día, nunha competición marcada pola igualdade, os adiamentos de partidos por mor da Covid-19 e os desequilibrios propios do calendario no treito final de competición.

O conxunto preparado por Irene Vilaboa ocupa a terceira posición, con 15 puntos, un máis dos que teñen o BM Madrid, o Amenabar e o Sarrià. O equipo vasco disputou tres partidos menos debido a un gromo da Covid no seu plantel, mentres que o Sarrià ten un encontro pendente perante o Trapagarán, escadra que precisaría un milagre para salvar a categoría.

O cadro azul sumou cinco puntos nos primeiros seis partidos da fase pola permanencia, resultantes dos triunfos contra o BM Madrid no Municipal e o Trapagarán antes de onte, e o empate na casa contra o Zamora. Perdeu perante o Zamora e o Amenabar a domicilio e fronte ao Málaga na casa.

A escadra de Irene Vilaboa precisa un treito final de campionato con poucos erros para poder conservar a categoría. Ten por diante dous partidos esixentes: un en Málaga, contra o líder do grupo da permanencia, que está virtualmente salvado, e outro contra o Amenabar, que leva varias semanas sen competir debido aos efectos da Covid.

Os teucristas recibirán, tamén, ao Trapagarán no Municipal e pecharán cun duelo que pode ser dramático contra o BM Madrid na última xornada.

O Sarrià fixo o que ningún equipo do grupo A logrou: gañar en Málaga e bater ao Amenabar. Pero tamén caeu nos dous envites ao BM Madrid.

Ten un calendario favorable, cos dous duelos contra o Trapagarán (o adiado é este sábado), na casa contra o Zamora e o Málaga (cando se midan, os andaluces probablemente estean salvados) e fóra fronte ao Amenabar.

O BM Madrid ten dous partidos asequibles, fronte aos practicamente descendidos Bordils e Sant Marti, e dous que poden marcar o futuro: fóra contra o Disiclín Lalín e a final do último día co Teucro.

De gañar ese partido e puntuar contra o Amenabar o domingo, o Disiclín Lalín adiantaría ao propio BM Madrid. Despois tería que ir a Zamora, recibir ao Amenabar e acabar en Málaga.

O Amenabar, con tres partidos adiados, o citado do Lalín, e os que ten contra os desafiuzados Sant Martí e Bordils, dispón dunha situación moi vantaxosa, a pesar de ter os mesmos puntos có Teucro, para evitar sustos no treito final.

Comentarios