Superman ten unha bolsa de ostomía

O pontevedrés Víctor Loira vén de rematar o seu maior reto, o Ultra Triatlón Terra Astur, proba de tres días e 36 horas de esforzo en paraxes míticas asturianas
Victor Loira coa medalla do Ultra Triatlón Terra Astur. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Victor Loira coa medalla do Ultra Triatlón Terra Astur. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Asturias máis mítica foi testemuña do último reto de Víctor Loira. O deportista pontevedrés culminou o Ultra Triatlón Terra Astur, unha proba única de tres días de duración na que os participantes deben nadar 10.000 metros e facer 140 quilómetros de bicicleta na primeira etapa, correr 300 quilómetros na bici o segundo día e cubrir unha dobre maratón para concluir. O Mirador do Fito, Arriondas ou Ribadesella presenciaron o seu éxito.

Un desafío só ao alcance de corpos e mentes privilexiadas que Loira por fin puido rematar, ao terceiro intento. No primeiro ano, "plantei a catro quilómetros da meta. Vin un compañeiro que se mareaba e non quixen seguir. Na meta preguntáronme por que abandonara. Porque quero volver para o ano". Ao segundo ano sufriu unha caída e tampouco puido rematar. E no terceiro, o pasado setembro, chegou o triunfo: entrou dentro do corte, exhausto e vencedor, acompañado por outros dous heroes dos 28 que particiron neste desafío para superdotados.

O pontevedrés é un deles. Un superdotado especial. Se hai algo que o define é a súa capacidade para superar adversidades, unha persoa única, quen de facer o que só uns privilexiados fan, cunha bolsa de ostomía pendurada do baixo abdome.

"Cando tes unha enfermidade e queres vivir, vives mellor. Pero hai que querer"

En 2002 manifestóuselle a enfermidade de Crohn, un mal que deteriora os intestinos e a función dixestiva. Despois do lóxico impacto de realidade, Loira aplicou a filosofía que o guía hoxe mesmo. "Cando tes unha enfermidade e queres vivir, vives mellor. Pero hai que querer".

Non hai ninguén no mundo que faga hoxe o que fai Víctor Loira cunha bolsa de ostomía, con só dous metros de intestino delgado e sen intestino groso. É así porque quixo. 

Hai unha década comezou a andar en bicicleta para mellorar a calidade de vida a través do deporte. E pronto se enganchou ao benestar que lle producía. Comezou con grandes retos para visibilizar a Ela, doenza que padece súa dona, Tita. 

Foi ela a que lle dixo que comezase a correr por el. Por el e polos pacientes de Enfermidades inflamatorias intestinais. E non só correr. Fundador da Asseii (Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinales e Ostomizados) xunto con un grupo de veciños da comarca presididos por Ángela Paz, transmite a súa mensaxe a través do deporte.

Conseguiron concienciación a través de charlas, a construción de baños para pacientes ostomizados e sobre todo derrubar a barreira da inconsciencia e a ignorancia.

Despois de ampliar retos en bici como dar a Volta a Galicia ou ir ata Guadalajara en verán en cinco días para promover a construción de baños para ostomizados, decatouse de que os seus cartílagos se reconstituíran malia o uso de cortisona e "engancheime a correr".

Os seus retos están cargados de mensaxe na loita pola concienciación que realizan na Asseii

Probou e xa non parou. Pero como a súa bicicleta élle compañeira inseparable, optou por facer o que leva moitos anos facendo: integrar.

Así comezou a competir en tríatlons tamén. Como o de Asturias. E onde compite sempre hai persoas dispostas a escoitar a mensaxe. Porque non só corre pola súa saúde, senón pola de outros enfermos e pola saúde social. Informa da situación das persoas con EII. Sempre desde un punto de vista de cohesión: persoas con cegueira ou xordas tamén son incluídas dentro dunha mensaxe transversal.

Nos colexios dá charlas sobre a importancia da boa alimentación e da correcta hidratación e tamén da saúde física e mental que implica o deporte, que ás veces é o mellor psicólogo que pode ter un humano. Achégalles aos rapaces como aos adultos a súa sabedoría e xa está a petar na porta de Bruxelas, sempre coa axuda de Janssen, un dos principais patrocinadores da asociación.

Entre os próximos retos que ten en mente, está o Camiño de Santiago e atravesar os Picos de Europa

Xa pensa en novos retos, en atravesar os Picos de Europa, en facer o Camiño de Santiago a pé e mesmo en facer un Ultra Camiño de Santiago, xunto con outras sete persoas, entre eles o seu amigo Mikel Otaegui, un vasco asiduo do Ultra Terra Astur coma el. Sempre coas cores de Farto, o seu patrocinador, e baixo o acocho do Pinarium, o seu club, para os que só ten boas palabras.

Como para Alejandro Gómez, o mítico fondista galego, falecido hai dous anos, que alimentou a súa paixón polo atletismo e polo canicrós. 

Poden velo dando a volta ao Morrazo en bicicleta, nadando nas praias de Marín (ámbalas dúas actividades cando pase o inverno), ou correndo polas estradas da cara Sur da ría de Pontevedra, mentres canta ou fala con el mesmo para controlar o nivel de esforzo e saber canta capacidade lle resta no peto

É un tipo que se fixo a el mesmo, que comezou a facer deporte para cuidarse despois de obter a súa diagnose e que, intentando conseguir beneficios sociais, acabou converténdose en un Superman realmente inspirador.

Unha locura de sentido común

Víctor Loira optou pola longa distancia por unha cuestión loxística: se ten que parar para cambiar a bolsa de ostomía nun 10K, a perda de tempo no cambio é case superior ao tempo de esforzo. Non compensa.

De aí que apostase polo ultra maratón, por retos enormes de gran satisfacción persoal e maior esforzo.

Porque nas súas probas, nas que sempre o acompaña a súa muller, acode cun kit especial para baleirar a bolsa de ostomía, con roupa para mudarse e evitar mollar a súa inseparable compañeira e que non se despegue.

Entre os seus trucos, inauditos, está o de non almorzar antes das carreiras, para evitar excretar nos primeiros quilómetros, encher a bolsa e ter que baleirala ou mesmo mudala. "Cando levo unha hora ou dúas de deporte, é cando empezo a comer", lembra el mesmo.

Por incrible que pareza, Loira segue adiante con ese esforzo, Para el "está todo na cabeza. Creo que é algo mental".

Faino todo sempre meditado e controlado ao milímetro. E sempre cun máximo respecto polo ambiente co que convive, que lle fai empregar guardanapos de ecolóxicos para protexer a bolsa.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios