Superviventes granates

O plantel do Pontevedra pechou a primeira semana de adestramentos sen contratempos físicos e cunha boa resposta por parte de tódolos xogadores
Roberto Valdés xunto a Luisito no primeiro adestramento da pretemporada, en Pasarón
photo_camera Roberto Valdés xunto a Luisito no primeiro adestramento da pretemporada, en Pasarón

Os xogadores do Pontevedra Club de Fútbol superaron con boa nota a primeira semana de traballo intenso ás ordes de Luisito, Pepe Rico e Roberto Valdés. O preparador físico do club granate amosou a súa satisfacción polo bo rendemento ofrecido pola meirande parte dos deportistas do colectivo granate, a pesar da esixencia que adoita supor un regreso á actividade intensa para os deportistas.

"Despois de nove sesións seguidas, catro delas dobres, o esforzo comézase a notar nas pernas e acumúlase algo de fatiga nos futbolistas, pero estamos moi satisfeitos de como adestraron esta semana", expresou Valdés, que durante as seis semanas de preparación estival ten un papel moi destacado na elaboración das tarefas que deben realizar os xogadores do Pontevedra C.F.

Valdés destacou a resistencia dos seus pupilos, que non só tiveron unha notable predisposición ao esforzo, senón que ademais exhibiron unha boa condición física. "Tivemos problemas leves de sobrecargas que lles impediron rematar algunha sesión a Marcos Álvarez e Miguel Ángel, pero en principio todo vai segundo o previsto, cun nivel de esixencia elevado e cunha moi boa resposta por parte dos deportistas".


"Ata as 20 sesións, o normal é que a cabeza do futbolista queira ir por un lado e as pernas vaian por outro"


Un factor axuda a que a actitude sexa moi positiva. Hai fame e ambición, hai moita mocidade, con ilusión deportiva e disposta a dalo todo desde o primeiro día. "Temos un plantel nunha idade ideal para soportar este tipo de traballos. Son futbolistas, ademais, con moita forza, impetuosos, e iso contaxia ao grupo".

Valdés admitiu que non tódolos membros do colectivo estaban habituados ao nivel de esixencia. Non personaliza en ningún momento, pero houbo algún xogador que chegou a vivir veráns ás ordes de equipos da Liga de Fútbol Profesional que non pasara por nada semellante. "Hai de todo. Algún está algo sorprendido. Hoxe (por este sábado) chegáballe ben. Tódalas temporadas son intensas e duras. Despois depende dos métodos de traballo doutros sitios e dos campos nos que estea habituado a exercitarse cada un".

Valdés pídelles paciencia aos deportistas para o proceso de aclimatación, que require un tempo. "Levamos dez sesións. Ata que cheguemos ás 20, o normal é que a cabeza dos futbolistas queira ir por un lugar e as pernas, ao final, lles vaian por outro".

Un aspecto vital para o responsable da área física do Pontevedra é previr lesións. As pretemporadas son moi dadas a xerar contratempos, sobre todo musculares.

"Imos tocar madeira, porque na primeira semana saíu moi ben e non houbo ningún percance que nos trastocase os plans e nos obrigase a baixar o ritmo. Se tivesemos seis ou sete xogadores con sobrecargas, que é posible, porque hai momentos nos que os levas ao límite e non todos son quen de soportar o traballo, xa sería diferente. Pero afortunadamente, agora mesmo o peor que temos son algunhas ampolas, sobrecargas musculares, problemas comúns e en pequenas doses. O 95 do plantel está adestrando. É un bo sinal e algo no que avanzamos".

"Non nos podemos queixar neses senso, esta semana. Excepto o luns da presentación, que foi moita calor, o resto da semana foi excelente de temperatura. Mesmo á mañá en Pasarón, adestrar con 20 graos e chuvia é unha gozada. Calquera equipo quereríao. O normal é que no verán galego alternemos bo tempo e calor con días coma estes pasados"

Comentarios