O talento está preto da casa

O Pontevedra aposta pola proximidade e confecciona un plantel con máis dun 60% de futbolistas nados en Galicia

Javi Pazos (esquerda) e Churre (dereita), dous dos once xogadores galegos que ten o novo Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Javi Pazos (esquerda) e Churre (dereita), dous dos once xogadores galegos que ten o novo Pontevedra. DAVID FREIRE

Non hai tanto tempo, o Pontevedra contaba nas súas filas cun gran número de xogadores de todas partes de España e tamén do estranxeiro. Os brasileiros Yuri e Igor, o asturiano Alejandro Vázquez ou o catalán Xavi Moré son bos exemplos de futbolistas que se asentaron no conxunto granate pese a non ter nacido en Galicia.

Os tempos, sen embargo, cambiaron. Chegou a crise, o Pontevedra descendeu e a Segunda División B, en xeral, perdeu moito poder adquisitivo para contratar futbolistas de lonxe. Tanto o conxunto granate como moitos outros tiveron que reconstruirse con xente próxima xeográficamente. Así, non é raro que agora o equipo pontevedrés teña confeccionado un primeiro plantel cun 61,1% de futbolistas galegos, máis dun 10% máis que a tempada pasada.

A pasada campaña, de feito, o conxunto pontevedrés firmou a súa peor actuación dende a súa volta a Segunda División B. E precisamente tiña tan só un 50% de galegos con ficha do primeiro plantel. Agora, a dirección deportiva do cadro granate volveu apostar polo acento galego para reforzarse. Tanto, que once dos 18 xogadores do primeiro equipo –non se conta a Juan y Jesús, por exemplo, ao non estar todavía claro o seu rol– naceron en Galicia. Só Ualaloca, Nacho López, Nacho Lorenzo, León, Javi López, Álex González e Berrocal son de fóra.

Este 61,1% é a porcentaxe miás parecida ao 65% de futbolistas galegos que tiña o equipo na tempada 2016-2017, a mellor dende a súa volta ao fútbol de bronce. Na 2015-2016, a do retorno a Segunda División B, a herdanza de Terceira División pesou moito e, por iso, Luisito tivo un plantel cun 76,2% de futbolistas nados nesta rexión.

DISTINTAS ÉPOCAS. Como se comentou previamente, os cambios no fútbol impediron a moitos equipos traer xogadores de lonxe. Antes, con todo, non era nada raro. Por exemplo, hai once anos, no verán de 2007, xusto antes da última tempada antes de recoñecerse como tal a crise económica en España, o Pontevedra, comandado por Xavi Gracia, contaba tan só con catro xogadores galegos no seu plantel: Luciano García, Fran Castaño, Fran Rico e Óscar Guimeráns. É dicir,unicamente un 17,3% do plantel nacera en Galicia. Está claro, polo tanto, que os tempos cambiaron moitos e agora está Segunda División B é moi diferente a aquela.

Como xa quedou claro o ano pasado, ter moitos xogadores de fóra non garante para nada o éxito. Por iso, o Pontevedra volve apostar por un bo número de futbolistas moi coñecidos no fútbol galego -como Churre, Romay ou Pedro–. O talento está preto da casa.

Comentarios