O Team Farto prepárase para o ano do seu gran salto

O conxunto pontevedrés incrementará o seu orzamento e consecuentemente a calidade e profundidade do seu plantel, incorporando a un nutrido grupo de corredoras estranxeiras
Diana Pedrosa durante unha proba da temporada 2021. LANDER LÓPEZ
photo_camera Diana Pedrosa durante unha proba da temporada 2021. LANDER LÓPEZ

Que ninguén imaxine que o Club Ciclista Farto vai gañar o Challenge by La Vuelta nin o Giro Rosa. Tampouco vai ser iso. Pero o salto de calidade do bloque azul e branco fai que a súa próxima temporada se presente ilusionante.

O conxunto pontevedrés anunciou este xoves a súa continuidade, por segunda temporada consecutiva, como equipo UCI Continental, a segunda categoría do ciclismo profesional feminino.

Farao cun crecemento exponencial fundamentado nun importante incremento do orzamento anual. A Xunta de Galicia e o Xacobeo continuarán a respaldar un proxecto no que o Concello de Pontevedra terá máis forza e a Deputación de Pontevedra multiplicará o seu apoio.

Ademais, haberá novos patrocinadores, tanto como fontes de financiación como especializados en material deportivo, marcas de roupa e productos alimentación e suplementación.

"Estamos moi ilusionados", asegura Brais Dacal, director deportivo do conxunto pontevedrés, ante o segundo ano no mundo do profesionalismo. "O obxectivo é rondar ou rematar preto do trixésimo posto na clasificación da UCI por equipos e que non nos falte fuelle no remate da temporada como sucedeu este ano, no que se cadra notamos a nosa falta de experiencia".

No pasado curso, o conxunto estivo á fronte do ranking de equipos nacionais durante un tempo e rematou en torno á quincuaxésima praza do internacional.

O CC Farto pretende ademais ampliar e diversificar o seu calendario, facelo máis internacional para gozar de máis presenza no pelotón e tamén mediática.

Para facelo, contará cun plantel máis amplo, con máis efectivos e de máis calidade. O mercado internacional terá especial presenza nas ringleiras do colectivo. "Contaremos con corredoras máis consistentes", coa fin de optar a triunfos en determinadas probas e, sobre todo, ser máis competitivas e gozar de máis visibilidade e presenza nas carreiras.

Ademais, será un grupo renovado canto á idade. A media será de dous ou tres anos menos con respecto ao do curso que vén de rematar. Un dato moi significativo que demostra unha aposta decidida para asentar ao equipo no profesionalismo.

Comentarios