O tempo, inimigo de Luque para saír da Cultural

O xogador terá dificultades para obter a carta de liberdade da Cultural Leonesa de forma inminente ►
O Pontevedra amósase escéptico ao respecto de que o futbolista acabe saíndo do club de orixe e móvese noutras direccións
Luque presionado por Romay no último partido do Guijuelo en Pasarón, en 2019. RAFA FARIÑA
photo_camera Luque presionado por Romay no último partido do Guijuelo en Pasarón, en 2019. RAFA FARIÑA

O tempo será un dos principais inimigos para que Julián Luque fiche polo Pontevedra no mercado de inverno. O xogador coñece do interese do club granate por facerse cos seus servizos, aínda explicou que carece de ningún tipo de proposta formal para vestir de granate. Por outra parte, a Cultural Leonesa non está en disposición de permitirlle saír neste momento. O club leonés podería abrirlle a cancela de saída nas próximas semanas. Sen embargo, para entón podería ser tarde para que chegase a Pasarón.

Ante as dificultades que implicaría a espera polo futbolista, o Pontevedra segue a moverse coa fin de facerse co medio centro versátil que sustitúa a Romay e lle dea variables no xogo a Jesús Ramos ante a ausencia de Adrián Cruz.

Julian Luque é un centrocampista que destaca pola súa visión de xogo e calidade técnica e que pode ocupar a demarcación de medio centro, a de volante ou mesmo a de media punta. O problema para o xogador da Cultural Leonesa, que non estaba a ser titular no Reino de León pero si a ter minutos con frecuencia, é que o seu club actual non ten intención de deixalo saír de forma inmediata.

"Luque é un xogador excelente, pero que está a xogar coa Cultural Leonesa e ten contrato en vigor coa Cultural Leonesa", manifestou a ese respecto o responsable da parcela deportiva do Pontevedra, Roberto Feáns, que segue a traballar en outras variables, concedendo poucas opcións á do xogador madrileño, debido á súa situación, aínda que sen desbotalo de forma categórica.

O club manexa varias opcións, aínda que ninguna delas está próxima a concretarse. Por un lado, dispón en carteira de homes que sacian as súas expectativas, como ocorre co caso de Luque. Pero todos eles están atados polos seus clubs. Por outro lado, a entidade baralla algúns xogadores que poden obter a carta de liberdade por non contar para os seus equipos, pero que non resultan inicialmente tan atractivos e ocuparían un rol non tan relevante dentro do equipo.

O Pontevedra non pecha definitivamente ningunha porta, despois de recuperar a Borja Martínez para o seu centro do campo e dispoñer de máis efectivos para afrontar os seguintes partidos.

A eliminación da Copa do Rei serviu para aliviar a carga de partidos, de maneira que agora o conxunto queda liberado do reto de disputar tres enfrontamentos en espazos de sete días. Ese feito concédelle algo de marxe ao club para tomar unha decisión sen precipitarse, aínda que tampouco excesiva, porque cando remate xaneiro só quedarán seis xornadas da primeira fase por disputar.

As peculiaridades do mercado de inverno complican calquera operación, xa que a cifra de futbolistas libres é limitada, está condicionada á carta de liberdade por parte dos clubs de orixe e aos tempos da propia temporada, que segue en curso.

Nesta campaña a marxe redúcese, xa que moitos equipos disputarán un 55 por cento menos de partidos con respecto a exercicios anteriores e en ningún caso disputarán tantos duelos como nun ano cun calendario completo.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios