O Teucro busca a sorpresa no partido adiado contra o Amenabar

O equipo azul busca este xoves a súa segunda vitoria do curso no encontro contra o Amenabar, sen o concurso de Álex Pereiro nin Vinicius
Caue Herrera no partido contra o Soria do sábado pasado. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Caue Herrera no partido contra o Soria do sábado pasado. BEATRIZ CÍSCAR

Coa novidosa sensación de ter gañado un partido oficial nesta temporada, a Sociedad Deportiva Teucro afronta na noite deste xoves en Zarautz (20.00 horas) o primeiro enfrontamento dos tres adiados que debe recuperar, debido aos dous gromos de Covid-19 que padeceu o plantel no que vai de campionato. O bloque pontevedrés viaxaba onte por estrada en dirección a Euskadi para medirse a un dos locais máis esixentes da competición. O Amenabar presume de ser un dos bloques máis sólidos na súa cancha. Grazas a esas virtudes, a escadra guipuzcoana ocupa a segunda posición actual da clasificación, con 13 puntos e dous partidos adiados.

No primeiro deles, o conxunto de Zarautz intentará dar continuidade á súa boa xeira como local. Leva catro triunfos e unha derrota nos cinco duelos que disputou na casa. Iso si, deses catro triunfos, tres foron realmente axustados: veñen de bater por 23-21 ao Zamora, fixeron o propio antes do parón de Nadal contra o Alcobendas, por 29-28. E antes diso, caeran o Guadalajara no comezo do curso (24-23) e a metade del o Burgos, con máis vantaxe (30-23). A única derrota en Esukadi para eles foi a que lle inflixiu o líder, Cisne.

Á igualdade dos duelos en chan vasco se aferra o Teucro para crer nas opcións de sumar puntos.

En calquera caso non será un obxectivo sinxelo para o Teucro, porque Irene Vilaboa non poderá contar co concurso de dous xogadores moi relevantes da súa primeira liña. Álex Pereiro non se desprazou co colectivo, por enfermidade, mentres que Marcos Vinicius, un dos xogadores máis brillantes no último duelo ligueiro, permanecerá en Pontevedra, ao non estar inscrito na liga no momento no que debía disputarse o duelo, durante a primeira volta. Si viaxou un dos héroes contra o Soria, Kilian Ramirez

Con esas dúas baixas tan sensibles, a SD Teucro intentará amosar a súa cara máis competitiva para non só sumar puntos, senón tamén confianza na súa terminal pelexa por conservar o seu posto en División de Honor Plata.

PARTIDO
Amenabar: Ostolaza, Ander Atorrasagasti, Ortiz, Unanue, Balenciaga, Manterola, Lerchundi, Berazadi, Beristain, Etxabe, Aitor Atorrasagasti, Vallejo, Zulaika y Mikel Aguirrezabalaga.
SD Teucro: Kilian Ramírez, Rau, Dzokic, Areias, Moreno, Ricki, Dávila, Álex Sánchez, Víctor Deco, Álex Gómez, Pedro Sánchez, Iago Rodríguez, Víctor Deco, Caue Herrera y Sergio Blond.
Árbitros: Romero Cruz y Romero Cruz. Cancha: Aritzbatalde Udal Kiroldegia.
Hora: 20.00 horas.

Comentarios