O Teucro continúa co seu via crucis visitando Ciudad Real

O equipo de Irene Vilaboa, xa descendido, visita a un rival que se atopa no límite das posicións de permanencia
HQR BALONMANO TEUCRO ALARCOS JUGADAS AMBIENTE BANQUILLO PABELLON MUNICIPAL DE LOS DEPORTES
photo_camera Unha acción do Teucro - Alarcos da primeira volta da segunda fase. GONZALO GARCÍA/ARQUIVO

O pesadelo do Teucro fai parada esta tarde en Ciudad Real. O conxunto de Irene Vilaboa visita este sábado ás 19.00 horas, no Pavillón Puerta de Santa María, ao Balonmano Alarcos, o representante dunha cidade que, como a ribeira do Lérez, presume dunha notable tradición no 40x20.

A situación dos manchegos está lonxe de ser cómoda, pero nunca é tan dramática como a do Teucro. O anfitrión dos azuis depende del mesmo para obter a permanencia e ten fundadas esperanzas de obter ese obxectivo, dentro dun ano ben duro, no que un so gol lle impediu estar agora mesmo pelexando no grupo do ascenso. Circunstancias do destino, agora o Alarcos ocupa a quinta praza do sector por evitar o descenso e está empatado a puntos co sexto, posición que condea a baixar.

Na entidade azul todo son malas novas, como para confiar nas súas posibilidades de bater ao Ciudad Real. Só o bo nome da profesión e a imaxe dos xogadores que teñen que labrarse un futuro son elementos que obrigan, cando menos, á oposición de resistencia perante o contrincante desta sesión.

O conxunto azul leva sen gañar desde que bateu ao Novás no Municipal en febreiro

O Teucro leva sen puntuar desde que bateu ao Novás na casa en febreiro e nas últimas semanas volveu ser o equipo incapaz de competir, lastrado por todo tipo de desgrazas, que amosou nos primeiros meses de curso. 

A lesión e saída de Vinicius e a nova intervención cirúrxica de Marko Dzokic súmanse á grave lesión de Miguel Sío para debuxar un panorama aterrador, como último ingrediente do desastre institucional azul. 

O club segue inmerso nun eterno proceso electoral no que non se vislumbra un presidente futuro, aderezado polos constantes problemas económicos irresolutos. A iso hai que agregar o notable desenraizamento coa sociedade, os danos que a Covid produciu no colectivo durante estes dous anos e, como última nova, a fuxida sen permiso de Víctor Deco para presenciar a final da Copa do Rei de fútbol. Can vello é todo carrachos.

Comentarios