Tiránico Guillermo García

O pontevedrés do Radio Popular Paredes Boavista repite triunfo na MTB Costa Atlántica ► A competición remata este domingo coa segunda etapa, na contorna do Lago de Castiñeiras
O momento da saída da etapa. RAFA FARIÑA
photo_camera O momento da saída da etapa. RAFA FARIÑA

Dous de dous para Guillermo García Janeiro. O pontevedrés do Radio Popular Paredes Boavista impúxose na primeira etapa da MTB Costa Atlántica, con saída e chegada en Pontevedra e que trasncorreu polas montañas das comarcas de Pontevedra e o Salnés e os concellos de Pontevedra, Poio, Meis, Meaño ou Cambados.

O ciclista da cidade do Lérez repite triunfo, despois da súa exhibición na xornada prólogo, que se disputou con formato de contra reloxo na zona monumental de Pontevedra e a zona das marismas do Lérez na noite do venres.

De tal maneira, confírmase como o home máis forte da proba e preséntase como principal candidato para facerse co triunfo tamén na terceira xornada, este domingo, cando se levará a cabo a segunda e definitiva etapa na contorna do Lago de Castiñeiras.

Coas fermosas vistas á ría como testemuñas, o pontevedrés foi o máis forte este sábado e avantaxou na liña de chegada a dous Master-40, David de Matos e Juan Pedro Trujillo en 27 e 55 segundos, respectivamente. O podio en elite masculina da proba foi completado por José Antonio Trujillo e Rubén Quintáns, que remataron a xornada no cuarto e quinto postos absolutos.

María Isabel Dávila, do Conway Trujillo, foi a mellor entre as mulleres. Como aconteceu co gañador na categoría masculina, a vencedora das mulleres repetiu éxito con respecto ao primeiro día.

Fíxoo por diante de Mónica Correia e Raquel Saqués, esta última a mellor e única participante na categoría elite feminina. As dúas primeiras foron as mellores en categoría Máster feminina.

En Máster 30 e Máster 50 masculinas, os mellores foron Jaime Rivas e Aquilino Casalderrey, respectivamente.

Na categoría de parellas, Daniel Herráez e Pablo Liñares, do Xesteiras Termas de Cuntis, foron os máis consistentes. Mentres, nas parellas Máster, impuxéronse Gonzalo Vidal e José Canosa, do Xesteiras Redmover.

Un total de 170 bikers tomaron parte na etapa deste sábado e fixeron as delicias dos afeccionados que puideron achegarse ás zonas polas que se desenvolveu a proba. As boas condicións do tempo (non choveu e o ambiente foi tépedo), facilitou o facer dos deportistas sobre un circuito fisicamente moi esixente.

Este domingo, terceiro día, disputarase a segunda e definitiva etapa cos montes do Lago de Castiñeiras como centro neurálxico e outra vez coa partida e a chegada na capital de provincia.

Comentarios