Tito Otero, un xubilado de récord que brilla en Hamburgo

O deportista popular buenense de 65 anos bateu a súa marca en ironman quince anos despois do seu mellor rexistro anterior

Tito Otero, xunto a súa irmá nun dos lugares máis emblemáticos de Hamburgo. CEDIDA
photo_camera Tito Otero, xunto a súa irmá nun dos lugares máis emblemáticos de Hamburgo. CEDIDA

Tito Otero celebrou a súa xubilación ao grande. O veterán triatleta buenense bateu a súa marca persoal de Ironman na proba de Hamburgo. Un rexistro que databa de hai quince anos, en Franckfort. Alemaña dáselle ben.

O adestramento foi a chave para o éxito dun deportista total, que fixo traíñas cando era novo, pasou a facer maratóns co su grupo de amigos do Corredoiras, o club deportivo que fundou xunto a Manolo Otero, e rematou no tríatlon de longa distancia como penúltimo reto. 

"Agora son un yayo-flauta e teño máis tempo para adestrar", explica con bo sentido do humor Otero. Este mestre de Educación Física xubilado, pasou das dúas horas de adestramento diario a realizar sesións tanto de mañá como de tarde. 

O seu rexistro de 13 horas, 42 minutos e 33 segundos permitiulle rematar na sétima posición na súa categoría en Hamburgo, na que era a duodécima proba de distancia ironman que afrontaba. Lanzaronte, Vitoria, Suiza, Niza, Venecia, Irlanda... foron escenarios que o viron en acción.

"Foi o único Ironman no que non sufrín nada en ningún dos tres segmentos"

"Estou adestrando máis e o percorrido era plano, pero sorprendinme de batelo con tres minutos menos", explicou o buenense, que mellorou o seu rexistro particularmente no treito de bicicleta, curiosamente no que menos adestrara. "Normalmente a un Ironman vaise con 5.000 quilómetros ao ano de bici, e eu só levaba 800".

Iso si, compensou ese déficit con seis medias maratóns e algún cros. Traballou a musculatura das pernas no ximnasio e completou a preparación na piscina. "Iso axudoume. Aínda así sorprendinme, porque tiña que ir seis horas e media acoplado na bici, xa que era completamente plano. Pensei que ía rematar cun lumbago tremendo. Pero non foi así e fixen unha media de 27,5 km/hora".

As algo máis de cinco horas da maratón posterior permitíronlle redondear un rexistro magnífico e facer bos os 650 euros de inscrición da carreira.

No ironman tomaron parte arredor de dous mil deportistas. Foi iso e o público o que lle deu forza en Hamburgo e lle fixo suplir a falta de hábito de ir acoplado sobre a burra durante tanto tempo. "Fíxoseme rapidísima a bicicleta ao haber tanta xente. A maratón tamén era nun parque, con xente animando. Collín o meu ritmo e acabei ben", explica o de Corredoiras, escudo que defende de forma extraoficial en tódalas súas probas combinadas.

De feito, xa non só no tempo, senón no rendemento foi unha das mellores probas da súa vida. "Noutros ironman sufría e no quilómetro 30 da maratón dicíame: Non volvo máis. Pero neste atopeime de marabilla. Levaba bastante fondo e controlei ben o ritmo". Fixo a 6.40 minutos o quilómetro no treito a pé. O seu ritmo nunha maratón aillada é de 5.10, pero a dureza e desgaste previo dun ironman esixen unha baixada de velocidade considerable.

"Foi o único Ironman no que non sufrín nada en ningún dos tres segmentos", recoñeceu Otero, que é coma os bos viños: cada ano, mellor.

Un pioneiro que percorre o mundo co deporte
O próximo reto de Tito Otero será subir ao campamento base do Everest, a máis de 5.000 metros, dentro de tres semanas. As montañas do Himalaya, do Karakorum e dos Andes xa coñecen as andanzas del e dos seus compañeiros de grupo que percorren mundo tódolos anos, con ou sen deporte de por medio: a Amazonia, Indonesia, Kenia...calquera destino é bo para vivir unha natureza, sociedade e cultura diferentes.

O deporte case sempre lle deu vida a morracense ao que nunha das súas viaxes ao Himalaya, hai case 20 anos, lle recomendaron probar o ironman. Fixera traíñas de novo e daquela estaba coas maratóns (máis de 30 na súa vida). Ao principio creu que era unha tolería, pero asumiu o reto. 

Mercou o seu primeiro traxe de natación, despois de buscar por toda España e ir a Madrid e Barcelona en persoa. Na cidade condal atopou unha tenda que lle trouxo un de Alemaña que lle custou 650 euros. "Hoxe valen 180".

Correu o seu primeiro ironman no durísimo Lanzarote, co vento e a montaña como inimigos, seguindo un plan de adestramento de Manolo Otero: o primeiro da provincia en facelo e un dos primeiros de Galicia. "Sufrín moito, pero rematei e xa pensei no seguinte". Agora segue a facelos, e sempre sen comer na proba: vai a xeles e bebidas enerxéticas

Comentarios