Todo polo básquet

Mariña Vázquez realiza 500 quilómetros semanais en tren para adestrar e estudar
2020111315152450538
photo_camera Mariña Vázquez, coa mochila, o portátil e o chándal do Mafari na porta da estación de tren. GONZALO GARCÍA

Para Mariña Vázquez o baloncesto transformouse nunha vida subida a un tren. A xogadora, que milita actualmente no Mafari de Primeira Nacional, percorre semanalmente máis de 500 quilómetros sobre raís para poder adestrar e xogar coas súas compañeiras e non perder unha clase na universidade.

"Non conto nin os kilómetros nin os cartos que deixo no tren, non quero nin pensalo", admite con bo humor.

Vázquez toma catro trens semanas entre Pontevedra e A Coruña para compaxinar a súa actividade deportiva coa lectiva. A base arxilista cursa primeiro de Logopedia na cidade herculina. "Sempre quixen estudar en Pontevedra, preto da familia. Hai moita xente que está a agardar para saír a outras cidades e vivir fóra da casa cando chega a etapa universitaria. Non era o meu caso", explica Mariña, á quen a vocación arredou de Pontevedra.

"Chegar o máis arriba posible co Arxil era o meu soño desde pequena. Quería estudar en Pontevedra para ir adestrar todos os días. A miña prioridade era seguir crecendo e chegar a xogar algunha vez no LF2. E a día de hoxe segue sendo unha das miñas prioridades", asegura a rapaza, que vive a cabalo das dúas capitais de provincia do Atlántico.

"Quería estudar en Pontevedra para poder adestrar tódolos días, seguir crecendo e chegar á Liga Femenina Dos"

RUTINA ESGOTADORA. A rutina semanal de Mariña consiste en tomar un tren o luns á mañá en dirección á Coruña para comezar a semana nas aulas. O martes á tardiña colle o convoi de regreso para poder acudir aos adestramentos coas súas compañeiras. Realiza unha viaxe exprés para estar presente na sesión nocturna e non perder o ritmo.

"Nunca pensei en deixalo, aínda que si en adestrar só os venres. Pero quero mellorar e un día de adestramento parecíame pouco. Se estivese só os venres, seguramente implicase que tivese menos minutos. E non quero estancarme, senón progresar".

A sesión do martes remata ás 23.00 horas e aínda lle queda a cea e relaxar o corpo para intentar conciliar o sono. Á mañá seguinte, dependendo dos turnos das leccións, érguese cedo ou moi cedo, se ten que tomar o tren das sete da mañá. "Xa vou á clase sen pasar polo piso", explica con naturalidade. "Estou habituada a sacrificar moitas cousas polo deporte. Intento compaxinalo todo". E o venres, outra vez para casa, para adestrar e xogar onde cadre.

Na Coruña hai equipos de baloncesto feminino. Existíu a posibilidade de adestrar con algún. "Penseino, pero non quería meterme noutro grupo, encariñarme e despois ter que enfrontarme a el. Sería estraño. Agora non o vexo unha opción. No futuro, non o desboto".

"Lémbrome no pavillón do CGTD desde que teño uso de razón, sempre cun balón debaixo do brazo"

BALONCESTO NO SANGUE. A menor das Vázquez leva o baloncesto nas veas. Xa non lembra nin cando comezou. As súas orixes son lembranzas difusas axudadas polas anécdotas que lle relata a súa familia.

"Desde que teño uso de razón, lémbrome no pavillón, vendo a meu pai (Lino Vázquez) adestrar. En vez de quedar na casa, marchaba para o CGTD. A xogar debín comezar con catro ou cinco anos. Sempre me lembro cun balón debaixo do brazo".

Seus pais adestradores e súa irmá xogadora do primeiro equipo e do propio Mafari forman unha das familias con máis arraigo baloncestístico de Pontevedra. Mariña non se atreve a dicir quen é mellor, só que "Aldara sempre foi un exemplo para min. É onde me miro".

Son dúas xogadoras ben diferentes, cada unha co seu estilo. "A ela gústalle ter todo controlado, organiza moi ben e ten moita visión de xogo. Eu prefiro ir máis rápido e despois xa verei que decisión tomo", comenta.

Comentarios