Todo queda na casa

O Pontevedra aproveita o tempo e o bo estado de Pasarón para incrementar a cantidade de sesións no seu terreo de xogo ▶O conxunto granate inicia a súa xeira de catro partidos consecutivos en Galicia. "Se gañamos, o luns todo se verá doutra maneira"

O Pontevedra gasta as últimas balas na pelexa pola promoción de ascenso. O equipo granate aproveita a mellora do tempo e do estado do céspede de Pasarón para volver exercitarse sobre o seu rectángulo de xogo.

"Todo o que sexa que poidamos adestrar aquí favorece o noso traballo", recoñece Luismi, que agardou pacientemente pola chegada da primavera para ter libre a oficina. Pasarón xa se recuperou do castigo do inverno, das chuvias, das baixas temperaturas e da falta de luz solar.

"Supón moito para nós. Cada quince días xogamos neste campo. Non é o mesmo disputar os partidos nun terreo de xogo sintético que facelo nun de herba natural. Por circunstancias non podiamos adestrar aquí, ata agora, pero o tempo que estamos a ter vainos permitir facelo un día máis á semana", anunciou o preparador vigués do cadro granate.

Os adestradores do Pontevedra dos últimos tempos diferéncianse en moitas cousas: no discurso, no estilo de xogo, no carácter... No único que se parecen todos é na conciencia da importancia de exercitarse no mesmo lugar no que se compite as fins de semana. E máis cando a alternativa é unha superficie diferente. "Non ten nada que ver pisar sobre herba natural e sobre artificial. Os xogadores nótano. Non se parece en nada".

O Pontevedra retorna ao seu fogar antes de afrontar un mes no que non sairá de Galicia. Disputará os seus dous enfrontamentos como visitante en Vigo e A Coruña. Ata para iso todo queda na casa. Os resultados que obtivo o once de Pasarón nos seus anteriores desprazamentos pola comunidade autónoma fanlle concibir esperanzas a Luismi.

"Cando fomos a Vigo foinos ben. Agardamos que xogar por aquí preto nos valla para sumar puntos, para facer bos os partidos e que poidamos manternos preto dos postos de arriba. Quedan menos xornadas e non se pode fallar. Canto máis erres, máis vidas estás perdendo para poder meterte na loita polo play-off. Somos conscientes diso".

Desde o punto de vista dos hábitos e tamén para permitir á afección granate achegarse a animar, o feito de ter duelos como visitantes preto da casa é reconfortante. "Preferimos non ter que desprazarnos e facer viaxes longas. Moito mellor, e canto máis se parezan os partidos aos da casa, por rutinas, por horarios, é moito mellor".

O club granate puxo en marcha unha nova promoción para facilitar que as bancadas de Pasarón teñan o mellor aspecto posible nos partidos que faltan para rematar a liga. Estar na casa sempre é máis agradecido cando se presenta toda a familia.

"Igual que na temporada pasada pediamos que a xente viñese ao campo porque estabamos nunha situación delicada, desta estamos nun momento para soñar todos e ilusionarnos. Pedímoslles que veñan para axudarnos a pelexar por disputar un play-off de ascenso de categoría".

O técnico do cadro de Pasarón é consciente da relevancia que ten un ascenso "a tódolos niveis, pode cambiarnos a vida. Para a cidade, para o club, para o corpo técnico, para os futbolistas, para a prensa... para todos".

E aínda que sabe que non é sinxelo, e menos despois dos últimos resultados, tamén sabe que non é imposible. "Témolo aí. É difícil, pero hai puntos para facelo e se gañamos o luns todo se verá doutra maneira diferente. Está nas nosas mans".

Para iso, o Pontevedra deberá bater a un rival moi duro. "O Guijuelo tamén está aí. A mesma ilusión que temos nós vana ter eles. Haberá momentos nos que o pasemos mal e o rival aperte. E verte empurrado pola túa xente neses intres nótase. Coa súa axuda vai ser todo máis doado. Que a xente se anime, que confíe no equipo, que nós imos dalo todo", concluíu o técnico do Pontevedra.

Oferta. Un bono para tres partidos
O Pontevedra Club de Fútbol sacou un bono para os próximos tres partidos de Liga, que o Pontevedra disputará contra o Guijuelo (o próximo domingo), o San Sebastián de los Reyes (dentro de 15 días) e o Rápido de Bouzas (dentro dun mes).

O prezo do bono que dá dereito a ter acceso a Pasarón neses tres enfrontamentos é de 45 euros para a bancada de Tribuna, 35 para a de Preferencia e 20 para calquera dos dous fondos.

Os interesados en aproveitar a promoción deberán facela efectiva nas oficinas do club granate situadas na bancada de Preferencia do campo de Pasarón. Teñen a opción de facelo este xoves ou o venres, de 9.00 a 14.00 ou de 16.00 a 19.00 horas. Tamén teñen a opción de retirar ese abono para os tres enfontamentos na Tenda oficial do club, o mesmo domingo, entre as once da mañá e as 14.30 horas.

O mellor ambiente
A entidade granate agarda que o campo de Pasarón ofreza o mellor ambiente posible o domingo na primeira das tres citas, perante o Guijuelo, nun enfrontamento que pode ser vital para os intereses do bloque da cidade do Lérez na súa pelexa pola promoción de ascenso ou, no seu defecto, por unha praza da Copa do Rei.

Comentarios