domingo. 13.06.2021 |
El tiempo
domingo. 13.06.2021
El tiempo

Toni Otero, o sexto director deportivo do século

Arriba Javi Rico, Sergio Martín e Roberto Feáns. Sobre esta liña, Argibay con Mirón, Milo con José Manuel Fernández e Toni Otero
Arriba: Javi Rico, Sergio Martín e Roberto Feáns. Sobre esta liña, Argibay con Mirón, Milo con José Manuel Fernández e Toni Otero.
Javi Rico, Sergio Martín e Roberto Feáns adicáronse só a esa faceta, mentres que Argibay e Milo a alternaron co cargo de adestradores

Toni Otero pasará a ser o cuarto director deportivo específico do Pontevedra Club de Fútbol no que vai se século e o sexto responsable desa parcela da entidade. A historia demostra que se trata do cargo máis comprometido e polémico, do que adoitan sinalarse os erros e poucas veces os acertos.

Os antecesores no cargo durante o século XX confirman que Toni Otero estará exposto a unha importante presión no club granate cando os resultados deixen de acompañar ao primeiro equipo.

Ademais dos directores deportivos específicos, a entidade concedeu plenos poderes na elaboración do plantel a algúns adestradores que asumiron a dobre función.

Así comezou o milenio, cun baleiro no cargo que se encargou de subsanar Raúl González como máximo responsable do banco do Pontevedra, no primeiro exercicio completo de Nino Mirón como presidente. O dirixente, habituado a levar negociacións de forma directa con moitos xogadores, tiña moito peso na constitución dos conxuntos, asesorado por xente da casa e do fútbol.

Sen embargo, pronto se decatou da necesidade de ter unha persoa adicada especificamente. E recorrou a un exfutbolista, Javi Rico.

Rico encarna bastante ben o perfil do director deportivo granate do século XXI: exxogador, con pasado no club e coñecedor da categoría sobre a que vai traballar, por ter competido en ela. Só lle faltou ser galego para ter tódalas características do director deportivo granate medio. Desde o final da primavera de 2002 ata o remate da temporada 2007-08, Rico traballou para o club, aínda que non sempre como responsable da área deportiva.

A súa figura foi controvertida e moi criticada durante moitos anos. Mirón recibía os eloxios e Rico as críticas. Estivo así ata que se viu obrigado a dimitir en xaneiro de 2005, cando o Pontevedra cesou a José Aurelio Gay. Argibay acaparou entón a figura de home forte da parcela deportiva, cun equipo de traballo no que se atopaba o propio Rico: Argibay adestraba, confeccionaba o equipo en base aos informes elaborados polo equipo de traballo e aos seus propios e mesmo negociaba altas e baixas.

Así, ata que en marzo de 2007, momentos despois de gañar a Copa Federación, foi destituido. Rico retornou a asumir as funcións de Director Deportivo durante o que restou desa campaña e a seguinte.

Durou o mesmo tempo que Xabi Gracia no banco: en xuño de 2008 marcharon ámbolos dous motu propio. Xerouse un baleiro no que Mirón debeu volver asumir responsabilidades en materia deportiva, xunto co novo adestrador, Rafa Sáez. Pero nada máis comezar a campaña, entrou en escena o vicepresidente executivo Julio Vázquez Teruelo, que exerceu de home para todo. Foi durante un breve periodo de tempo, ata febreiro, pero tivo tempo para realizar fichaxes no mercado de inverno.

Ao remate daquel curso 2008-09, o Pontevedra restruturouse completamente coa chegada dun novo director xeral, Fran Crujeiras, e co nomeamento de Sergio Martín como director deportivo. Martín permaneceu no cargo durante un período de tempo moi convulso, co club nunha situación económica complicada que acabou coa dimisión forzada de Mirón como presidente e a chegada de Mauricio Rodríguez Boullosa ao cargo. Ocupou o cargo dúas campañas.

Co descenso consumado, Milo Abelleira foi fichado para ser adestrador e director deportivo primeiro, durante dous cursos, e únicamente director deportivo na temporada 2013-14, cando Nando e Manu Fernández foron os adestradores. Se Rico e Sergio Martín resultaran controvertidos, Milo superounos a ámbolos dous. O técnico acabou sendo despedido e gañándolle un xuizo ao Pontevedra que implicou o pagamento de cifras que o converten nun dos técnicos mellor pagados da historia do club.

E despois de Milo, Feáns. Tamén no ollo do furacán case sempre. Nunca foi aceptado por un importante sector da afección e foi moi criticado, particularmente nos momentos malos. Os resultados negativos do equipo sempre parecían apuntar cara a súa persoa. O desgaste que padeceu acabou provocando a súa demisión esta campaña e o paso a un novo responsable de área, Toni Otero.

Toni Otero, o sexto director deportivo do século
Comentarios
ç