martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

Tres sistemas para tres partidos

Once inicial do Pontevedra en Boadilla. ADG-MEDIA
Once inicial do Pontevedra en Boadilla. ADG-MEDIA

Luismi empregou tres esquemas de xogo diferentes nos encontros máis recentes

Luismi nunca ocultou a súa intención de que o seu Pontevedra se adaptase ás diferentes circunstancias de cada partido (rival, superficie, necesidades propias de xogo) con diferentes aliñacións.

Os datos das tres últimas xornadas confírmano: o preparador granate levou a cabo unha renovación do once no duelo contra o Internacional de Madrid que lle fixo acredor de moitas críticas por parte dun sector da afección.

Nos tres partidos máis recentes probou con tres sistemas diferentes. Ningunha das propostas que executou lle deron resultados nos marcadores, aínda que tanto en Navalcarnero como en Boadilla o Pontevedra acumulou méritos para puntuar e mesmo gañar.

O 4-2-3-1 foi o sistema que empregou en Navalcarnero. Alí situou a Jesús a carón de Kevin Presa para intentar frear as ofensivas do adversario. Javi López, Romay e Álex González foron os compoñentes da liña de medias puntas e Arruabarrena o dianteiro centro que saíu de inicio. No centro da zaga actuaron Campillo e Víctor Vázquez, flanqueados por David Castro e Nacho López nos laterais. O equipo da cidade do Lérez empatou (1-1).

En Pasarón, contra o Valladolid B, Luismi procurou outro esquema para dar cabida a tódolos seus homes de calidade na banda. Recorreu aos tres centrais: Nacho López, Víctor Vázquez e David Castro. Jesús e Kevin continuaron no centro do campo e Javi López e Álex González actuaron de carrileiros. Romay e Pedro Vázquez foron os enlaces con Arruabarrena.

A escadra foi incapaz de superar liñas xogando polo chan e durante 70 minutos o seu fútbol foi moi pobre. O acceso ao terreo de xogo de Javi Pazos, Álex Fernández e Mouriño supuxo unha mellora no xogo que Luismi quixo prolongar contra o Internacional, contra o que empregou tanto a Fernández como a Mouriño de cara.

O pasado domingo, o Pontevedra fixo o mellor partido ofensivo do curso: Luismi empregou a Álex Fernández como pivote e colocou por diante a Mouriño e Romay, con Javi López e Pedro Vázquez nos exteriores e Berrocal arriba, no lugar do mancado Arruabarrena. O bo xogo non se traduciu no marcador e as críticas dalgúns afeccionados arreciaron contra Luismi pola suplencia de Kevin e Álex González e, sobre todo, polos constantes trocos de equipo inicial. Calquera crítica quedaría no esquecemento se os resultados fosen favorables neses partidos.

Tres sistemas para tres partidos
Comentarios
ç