Tres xeracións unidas pola billarda

Gharaboto e Valpaços Terra Quente poden presumir de contar coa representación de tres xeracións de palanadores dunha mesma familia dentro do seu equipo.
Marga, Luis González, Elena e Antía. RAFA FARIÑA
photo_camera Marga, Luis González, Elena e Antía. RAFA FARIÑA

MOITAS PERSOAS que practicaron deporte na súa vida estarán de acordo en que en algúns dos seus equipos xeraron unha especie de familia. Un vínculo semellante é o que conseguiron crear os xogadores da Liga Nacional de Billarda, onde reina o bo ambiente, o compañeirismo e sobre todo, os lazos de sangue.

Este é un deporte onde a captación basease no boca a boca e que mellor forma de facelo que animando os teus achegados a unirse ao clube. Por iso, a Conferencia Rías Baixas destaca especialmente pola gran cantidade de familias que nela participan, como parellas, pais e fillos, irmáns ou amigos de toda a vida.

Unha das máis numerosas é a composta por tres xeracións en Gharaboto, encabezada por Luis González e Marga Puente. Os seus fillos tamén participan, a súa nora, a súa neta, vamos, que non quedou persoa na familia sen probar este deporte.

"Eu empecei hai once anos aquí, basicamente polo meu fillo que nos animou a mín e ao resto da familia", comentou Luis. Normalmente veñen el e a súa muller, dous dos seus fillos e a súa neta, pero é que tamén teñen unha filla en Algeciras con dúas netas que cando veñen de visita tamén se apuntan ás xornadas.

O seu fillo, coñecido como Luis Piru, recoñeceu ser o causante de que a súa familia acabase xogando á billarda: "Eu en 2009 estaba en Francia vivindo e ía volver para Galicia. Naquela época eu seguía a prensa para ver o que pasaba por aquí e nun xornal dixital había noticias da billarda e dixen 'ostras tenme boa pinta'".

Todos comezaron a raíz de que os animase o primeiro membro en apuntarse á LNB.

Cando Piru volveu á súa terra non dubidou en contactar coa LNB para comezar a xogar. Foi cando veu que había unha xornada preto da súa casa, cando convidou ós seus pais a que o foran ver, pero a tentación foi tan grande que eles tamén acabaron xogando.

A súa irmán, Elena, non tardaría moito en unirse tampouco. Nun torneo que había preto da súa casa, achegouse para presencialo e interesouse. A raíz desa, tamén foi seguido e cando a súa filla naceu, Antía, tamén se uniu á festa.

A esta familia non se lle da nada mal este deporte, de feito, todos eles lograron subirse ao podio da súa categoría nalgunha das xornadas deste curso. Nos seus primeiros anos, Luis Piru conseguiu proclamarse campión da Conferencia Sur tres anos consecutivos, e un deles, na tempada 2012/2013, cando el gañou, o seu pai quedou subcampión.

Elena, pola súa parte, logrou meterse no podio da final de Santiago ata en tres ocasións, conseguindo o bronce en todas elas. Con respecto á Conferencia, a de Gharaboto terminou primeira da clasificación feminina na tempada 2011/12, onde un ano despois se proclamaría subcampiona.

VALPAÇOS. Outra familia con representación en tres xeracións encóntrase no equipo de Vigo, Valpaços Terra Quente. Taxeiro e Belmira foron os primeiros en unirse a Liga, pero ese mesmo ano tamén o fixeron a súa filla e a súa neta, Tania e Adriana.

Taxeiro tamén afirmou que soubo da existencia da competición de billarda por medio dun xornal. Alí veu que había unha xornada en Marín, entón díxolle á súa muller "imos alí a ver si é como cando eu xogaba de neno". E así foi, era tal cal o recorda. Como ese día non acudiran con roupa cómoda, esperaron á seguinte xornada, cando xa comenzaron e se uniron ao equipo da súa zona.

A súa neta tamén empezou con eles, e pouco despois a súa filla, que nese momento se atopaba traballando. Os catro se uniron á Valpaços no 2012 e dende entón asistiron seguido á competición. Pero a cousa non acaba aquí, xa que este ano un novo membro da familia debutou na Conferencia, Brais, o neto de Belmira e Taxeiro, que con só tres anos xa apunta a que pode ser un gran palanador do equipo violeta.

O desta familia é un bo exemplo de que a idade non inflúe a hora de xogar mellor ou peor, de feito, as puntuacións desta tempada dos catro xogadores superan a centena. Practicamente todos acudiron na maioría das ocasións ás finais de Santiago, e algún deles logrou subirse o podio.

Adriana, a máis nova da familia proclamouse campiona infantil na liga 2016/2017, pero é que tan só un ano despois conseguiu o primeiro posto na categoría feminina absoluta, superando tanto á súa nai, terceira, como á súa avoa. Esta última tempada, a benxamina de Valpaços coronouse vencedora a Conferencia Rías Baixas e subcampiona da LNB.

Ademáis, dende que se instaurou na liga a clasificación feminina por equipos, Valpaços logrou en dúas ocasións o triunfo nesa categoría, sendo determinantes as puntuacións de Belmira, Adriana e Tania. Aínda que esta tempada o primeiro posto deféndeo Gharaboto, as de Vigo sitúanse nunha meritoria segunda posición.

Comentarios