Triplete do Corredoiras

Adri Pastoriza na categoría individual, o cadro buenense por equipos e Bego en mulleres, campións da liga Rías Baixas
O equipo de Corredoiras. CEDIDA
photo_camera O equipo de Corredoiras. CEDIDA

Festa en Bueu polo triplete inminente do Corredoiras. O equipo do Morrazo venceu as tres principais categorías da billarda na Liga Nacional, na conferencia Rías Baixas, despois dunha exhibición en Nantes (Sanxenxo).

O conxunto de Bueu logrou as tres primeiras prazas da clasificación individual, con Adri Pastoriza como gañador da xornada. Pastoriza non só venceu con autoridade, senón que ademais se fixo coa mellor puntuación do día, 14 puntos. O mozo do Corredoiras é un xogador máis fiable cada día que pasa e xa avantaxa en dez puntos a Xan (164 por 154), cando só resta unha xornada. So unha hecatombe ou unha ausencia do propio Pastoriza na última xornada lle concederían opcións a Xan Rodiño.

O que si estará máis aberta será a pelexa polo terceiro lugar da xeral, xa que Piru enganchou a Che nas últimas xornadas, aínda que desta volta o Rinoceronte sumou un punto máis. Os dous teñen 140. O do Gharaboto foi finalista en chan sanxenxino, aínda que ficou fóra do podio, no cuarto lugar, porque segundo e terceiro foron dous membros da armada buenense. Manolo Outeiro logrou o segundo caixón da temporada coa segunda praza, mentres que Rícar asinou un terceiro lugar que lle permite ascender ata a quinta posición da clasificación xeral.

Cabe sinalar que o Corredoiras apenas botou en falta os diferentes problemas que padeceu unha das súas estrelas refulxentes, Charri, ao longo da temporada, debido ao gran nivel da base da escadra durante o curso. Iso vai permitir que o conxunto morracense sele a vitoria por conxuntos con suficiencia, despois dun novo triunfo parcial na casa do seu máximo adversario (42 puntos), o Lúa de Forza, que debeu conformarse coa segunda posición na xornada (32). No terceiro lugar de escadras rematou o Gharaboto (28): en idénticas posicións concluirán a temporada se non se produce algunha sorte de desgraza ou milagre.

Begoña volveu amosarse tiránica na categoría feminina. A súa regularidade incontestable fíxolle gañar a meirande parte das xornadas da temporada e liderar con man de ferro toda a temporada. No segundo posto rematou outra asidua dos postos de honra, Tania, de Valpaços Terra Quente, e no terceiro lugar concluíu Mónica, do Gharaboto.

Por último, na clasificación dos máis novos, o éxito tamén volveu ser para o de case sempre, Xián, por diante do seu máis acérrimo rival do campionato, Hugo, do Gharaboto e de Lucía, emerxente competidora do Valpaços Terra Quente.

Xián ten o título no peto, como tamén o ten o Gharaboto na clasificación de equipos femininos. Tódolos campionatos selados antes da última xornada.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios