O triunfo ante o Unicaja, primeira vía do Arxil para clasificarse para o play-off

Se o derrota, o equipo de Maite Méndez sería inalcanzable para o seu rival, ao distancialo a tres triunfos a falta de dúas xornadas para rematar a liga regular
HQR_ BALONCESTO_ LIGA FEMENINA 2_ ARXIL - BARAKALDO
photo_camera Maite Méndez saudando ás súas xogadoras antes do comezo dun partido desta temporada. GONZALO GARCÍA

O Arxil explora este sábado a súa primeira vía para acadar a clasificación para disputar o play-off de ascenso a Liga Challenge. O equipo adestrado por Maite Méndez busca o triunfo contra o Unicaja para certificar o seu pasaporte para a fase final de maneira matemática. 

Neste momento, as pontevedresas avantaxan en dous triunfos ao equipo andaluz, que é cuarto na táboa. No caso de gañaren, terán unha vantaxe de tres triunfos e o coeficiente directo, cando restarán dúas xornadas por disputar (no caso do Arxil, serían tres partidos, xa que aínda ten pendente a cita adiada contra o Melilla do 1 de abril).

Gañando, non só a praza de play-off, senón que o terceiro posto estaría practicamente garantido para o Arxil. O triunfo de este sábado evitaría que o Unicaja o atrapase e permitiríalle ter tres triunfos co quinto, Melilla, a falta de tres envites por xogar cada un dos dous equipos.

O Arxil podería concentrarse en procurar a praza máis elevada posible da competición neses tres últimos compromisos (viaxes a Melilla e Córdoba e partido na casa contra o líder, Lagunera Adareva). 

O triunfo en Melilla no partido adiado que se xogará o próximo venres 1 de abril tamén serviría ás verdes para obter o pase para a fase final 

A relevancia do duelo foi entendida desde a directiva pontevedresa, que está a realizar unha campaña para que os afeccionados pontevedreses poidan acudir na maior medida á cancha do CGTD. Os abonados do club poderán convidar a unha persoa para que presencie gratis ao choque.

O equipo verde chega á cita co antecedente favorable da primeira volta. Daquela, o Unicaja vírase sorprendido no que foi o triunfo máis brillante a domicilio do Arxil no curso (75-83). En parte, fora grazas a unha das meirandes exhibicións individuais da campaña na categoría, a cargo de Dunja Buzadzin, autora de 34 puntos.

Pero, no caso de que non consiga o triunfo, o Arxil acabaría cunha soa vitoria de distancia con respecto ao conxunto malagueño e vería reducida a súa marxe de erro non só con respecto ao propio Unicaja, senón co quinto clasificado, o Melilla, ao que debe visitar o venres da próxima semana (1 de abril), no enfrontamento adiado da segunda volta.

As pontevedresas poderían acabar fóra dos catro primeiros postos, pero tamén poden ser aínda campioas de grupo

En Melilla abriríase a segunda vía para as pontevedresas: vencer contra as melillenses a domicilio sería sinónimo de clasificación para o play-off, independentemente do que aconteza a fin de semana no partido que o bloque da cidade autónoma disputará en Barakaldo.

Se as melillenses gañasen en chan vasco e o Arxil perdese contra o Unicaja, a diferenza entrámbolos dous equipos antes do inicio do seu partido sería de dúas derrotas. 

Perder o próximo venres complicaríalle a existencia ao Arxil e facelo por máis de seis puntos (vantaxe coa que venceu no CGTD ao propio Melilla) reduciría a marxe de erro á mínima expresión.

De perder por menos de seis, un triunfo nos dous choques seguintes sería de abondo para que o Arxil se metese na fase sen agardar nada máis. Se caese por máis de seis, tería que gañar os dous últimos duelos.

As verdes teñen ata tres match ball para selar o pase ao play off. A igualdade é tanta que as verdes poden acabar quintas, pero tamén como campioas de grupo.

Comentarios