A última bala do Pontevedra

O equipo granate garantiría a permanencia na Segunda División B se derrotase ao Atlético de Madrid B no Cerro del Espino ou se empatase e non vencese o Toledo contra o Fabril no Salto del Caballo

Álex Fernández mirando ao ceo no partido contra o Unión Adarve. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Álex Fernández mirando ao ceo no partido contra o Unión Adarve. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A pólvora mollada do ataque do Pontevedra contra o Unión Adarve condena ao equipo de Pasarón á pelexa pola permanencia ata o último día da Liga. O equipo granate ten todo ao seu favor para conseguir a salvación na categoría, xa que depende del mesmo para logralo. Mesmo sen vencer o duelo podería garantir a permanencia durante unha campaña máis, aínda que iso xa empezaría a requerir que se producisen marcadores noutros escenarios.

O Pontevedra tamén ten algunhas posibilidades de seguir na Segunda B aínda que perdese na última xornada. Sen embargo, para iso precisaría que se dese unha carambola a catro bandas.

Vencendo, o Pontevedra sumaría os 45 puntos e sería inalcanzable para os seus contrincantes.

Se empata, chegaría a 43 tantos e comezarían a funcionar as calculadoras. A igualada garantiríalle, como mal menor, a participación na promoción pola permanencia. Pero ademais, se o Toledo non gaña na súa casa contra o Fabril, tería segura a súa continuidade na Segunda B.

A explicación é sinxela: os granates teñen perdido o coeficiente particular cos toledanos, pero gañado co Coruxo, o outro equipo que podería alcanzar os 43 puntos. No caso dun triple empate entre manchegos, vigueses e pontevedreses, descendería o Coruxo, promocionaría o PCF e seguiría na Segunda B o Toledo.

No caso dunha derrota contra o Atlético de Madrid B o equipo de Luismi quedaría con 42 puntos e a súa dependencia dos demais campos sería absoluta. Nese caso influiríanlle os marcadores de catro campos distintos. O cadro de Pasarón precisaría que non gañasen nin o Toledo, nin o Coruxo, nin a Gimnástica Segoviana. No caso dos segovianos existe unha excepción: que o Racing de Ferrol se leve o triunfo tamén. Nesa situación produciríase un triple empate entre segovianos, ferroláns e granates do que sairía beneficiado o equipo de Pasarón. O Toledo e o Coruxo seguirían sen poder gañar.

PLAY-OUT. Para que o Pontevedra dispute o play-out hai varias opcións: a primeira, un empate combinado co triunfo do Toledo.

Con derrota do equipo da cidade do Lérez, deberían suceder varias das premisas analizadas no parrágrafo anterior, no que se explicaba o caso da permanencia directa. É dicir: que só gañen o Coruxo, o Toledo ou a Gimnástica Segoviana, ou que só gañen un dos dous primeiros e o fagan tamén a Gimnástica e o Racing de Ferrol. Dese xeito, un dos catro superaría ao PCF, o outro quedaría con menos puntos e o Racing de Ferrol e a Gimnástica alcanzarían os mesmos 42 que o PCF. Ese triple empate sería beneficioso para os intereses pontevedreses.

O Pontevedra ten 162 opcións de salvación directa sobre 243 combinacións (o 66%) e 63 de 243 de xogar o play-out (26%).

Comentarios