Últimos días e últimas prazas: inscríbete para a Carreira da Muller 5-K

A proba conta xa con preto de 300 atletas inscritas para participar na súa primeira edición cando restan tres días para o peche do prazo para anotarse
Unha rapaza entrando en meta na Nocturna de Nadal. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha rapaza entrando en meta na Nocturna de Nadal. RAFA FARIÑA

Restan poucas xornadas para pechar as inscricións da I edición da Carreira da Muller de Pontevedra que terá lugar o próximo 15 de maio polos lugares máis emblemáticos da cidade do Lérez. A proba, pensada para tódalas mulleres, pechará o prazo para formalizar as altas o próximo domingo ás 23.59 horas. As interesadas en anotarse para poder cubrir os cinco quilómetros do circuito que unirá o punto de saída na Praza de España coa chegada no mesmo punto deberán facelo mediante a plataforma Cronotec.es.

As inscricións marchan a bo ritmo. Este xoves xa rondaban as 300 persoas. Aínda resta espazo para as mulleres que desexen participar ata acadar o límite das 500 persoas que estableceu a organización, que corre a cargo da Asociación HQR! en colaboración con Diario de Pontevedra e cos diversos patrocinadores que apoian este acontecemento deportivo único na cidade de Pontevedra: a Concellería de Deportes de Pontevedra e a Xunta de Galicia como patrocinadores principais, coa colaboración da Deputación e o patrocinio de San Marcos, Grupo Lirón, Hospital Capilar, Supermercados Froiz e Río de Galicia.

A primeira edición está a gozar dunha notable acollida e está a colmar as expectativas da organización.

Cabe sinalar que o prezo da inscrición ascende a 2 euros e 50 céntimos, sendo estes últimos destinados a gastos de xestión. Mentres, os dous euros serán empregados en causas solidarias, para accións de investigación e axuda para as mulleres con cancro de mama promovidas pola delegación de Pontevedra da Asociación Española contra el Cáncer. O total do diñeiro recadado será dobrado por Diario de Pontevedra en favor desa causa.

A primeira edición da Carreira da muller está aberta a todas as mulleres e dirixida ás mulleres. Non hai límite de idade nin esixencias de tempo. De tal maneira, as inscritas poderán afrontala dentro da súa forma competitiva ou facelo simplemente por motivo lúdico ou por adhesión á causa social. Tampouco hai límite de tempo de peche para percorrer os 5.000 metros: as atletas poderán facer o percorrido correndo ou andando se o desexan.

Iso si, as menores de 8 anos que tomen parte na cita deberán facelo acompañadas por unha persoa adulta. Os tempos das menores de 13 anos non serán tidos en conta para a clasificación competitiva e a súa carreira só terá fins participativos.

A organización concederá premios ás tres primeiras da xeral absoluta da proba e tamén para as tres primeiras de cada categoría. Ademais, concederanse galardóns para a participante máis nova que finalice a proba e á mais veterá que consiga o mesmo propósito. Tamén haberá para o equipo con máis número de participantes.

A competición terá un percorrido similar ao da Carreira das Prazas Nocturna de Nadal que corre a cargo do mesmo organizador, dentro do calendario da Festa HQR!, con saída e chegada na Praza de España. A proba terá lugar o domingo 15 de maio ás doce do mediodía. Xa restan menos de dez días para a súa celebración e só tres para o peche do prazo de inscripción na que será esta festa atlética da muller proposta con fins solidarias.

Na liña de saída estará unha das máis grandes atletas galegas de tódolos tempos, a guardesa Julia Vaquero, que exercerá como madriña do acontecemento no seu regreso á práctica do atletismo despois de 20 anos no dique seco. A súa loita de superación grazas ao deporte pode resultar inspiradora para ducias de mulleres e persoas.

Comentarios