O Follas Verdes, un equipo de trinta e tantos

Ergueuse hai un lustro sobre a base de dous irmáns e sete amigos da infancia que querían seguir xogando ao fútbol

Plantel de Follas Verdes. RAFA FARIÑA
photo_camera Plantel de Follas Verdes. RAFA FARIÑA

Hai cinco anos os fillos de José Luis Estévez Iglesias liárono para montar un equipo de veteráns. Daquela os mozos competían no Eiriña Atlético, que estaba atravesando pola crise que acabou coa súa desaparición hai dúas temporadas.

José Luis rexenta unha famosa librería da cidade, Follas Verdes, e acolleu de boa gana a idea de exercer como patrocinador e tamén como presidente do equipo, coa fin de controlar o investimento realizado e tamén a actividade dos rapaces. "A quen colleron por banda para que lles pagara as camisetas?", explica o propio implicado con bo humor.

O conxunto acabou converténdose nun piar familiar. Unha boa ocupación para os sábados á tarde. Desde o primeiro día está formado por deportistas con algo máis de trinta anos. Dous irmáns, seu pai como presidente e sete amigos da infancia que foron espallando os seus tentáculos cara outras amizades coa fin de compoñer un colectivo no que o bo ambiente fose unha prioridade por enriba doutros valores.

A filosofía é clara: divertirse está por diante de gañar. De feito, non existen plans de ascenso a curto nin a medio prazo. Si, máis ben, de continuidade no mesmo grupo que ocupan actualmente, o 2 de Segunda División, recoñecido tradicionalmente como un dos máis igualados e entretidos, no que xogan inseparables clásicos da competición coma o Figueirido, o Terra de Montes ou o San Adrián. Actualmente, o Follas Verdes ocupa a decimo primeira posición da táboa, con 24 puntos, con vantaxe de abondo con respecto aos catro últimos. "Estamos en Segunda. A idea é quedar aí. O tema é pasalo ben", explica o xefe do clan, orgulloso do bo comportamento en xeral do conxunto e da boa organización dos seus compoñentes.

No caso do once pontevedrés, que se trasladou de Príncipe Felipe a xogar a Chan do Vilar, en Figueirido, por tema de dispoñibilidade horaria, a organización é perfecta. A escadra dispón de 27 futbolistas con licencia, pero entre eles se distribúen para poder acudir aos partidos no número adecuado para que non haxa poucos trocos nin tampouco demasiados, co obxecto de que os que participen en cada partido non acaben asifixiados por exceso de minutos, nin aburridos por escaseza de eles. Ultimamente o once tamén acusou algunha que outra lesión.

No seo do plantel non se admiten rebeldes. Nun lustro de existencia, a entidade só tivo que prescindir de forma unilateral dun xogador por mal comportamento cos adversarios.

E é que Veteráns é máis para facer amizades que enemistades. Diso está convencido Estévez Iglesias, que coñeceu moi boa xente na liga, non só no seu propio vestiario, senón entre os adversarios.

Un dos últimos en demostralo foi a última adquisición da escadra, un xogador que cumpriu 30 anos a semana pasada e solicitou a alta no equipo, a pesar de que só vai gozar dun par de meses de Liga. E é que, ao final, case tódolos que forman parte desta Liga concordan nunha cousa, en que "paga a pena meterse neste mundiño".

Follas Verdes
Año de fundación: 2015
Campo: Chan do Vilar
Concello: Pontevedra
Grupo: Segunda, grupo 2

 

Comentarios