Un podium de futuro

Exhibición do equipo infantil do CN Galaico no Campionato galego de longa distancia que acolleu o pasado sábado o Complexo Rías do Sur
O podium infantil feminino. CEDIDA
photo_camera O podium infantil feminino. CEDIDA

O equipo infantil feminino do Club Natación Galaico ofreceu unha exhibición no Campionato Galego de longa distancia que se celebrou o sábado na piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur. Sofía Barros foi ouro e Alba Castro bronce para liderar o bloque feminino vermello na loita por equipos, na que o Galaico logrou un segundo lugar na absoluta masculina e un cuarto posto na competición feminina. No agregado das dúas, o conxunto ponteverés finalizou con un terceiro lugar.

Sofía Barros encabezou o éxito logrado polo conxunto pontevedrés coa medalla de ouro sobre a distancia de 2.000 metros. Barros venceu nun final moi axustado coa representante do CN Rías Baixas, Lara González. Firmou un tempo de 24:45.90, polo 24:46.19 da súa principal rival. Xunto a elas, no terceiro lugar, tamén estivo outra das promesas do conxunto vermello, Alba Castro, que finalizou cunha marca de 25:16.65.

Desta maneira, o equipo pontevedrés puido gozar dun dobrete no podium da proba. A cuarta praza obtida por Mara Vidal (25:40.72) e a quinta que obtivo Gisele Rocha (25:43.28) redondearon unha extraordinaria participación das representantes do Galaico en infantil feminino.

Futuro. O Galaico presentou un equipo de futuro para competir na casa. De feito, competiu cun só nadador en absoluta. Foi Alejandro Álvarez, que finalizou no cuarto lugar, con un mellor rexistro de 37:28.65, nunha proba que foi vencida por Martín Pardo, do Fluvial de Lugo, con moita contundencia (33:27.16) case dous minutos máis rápidos que os seus perseguidores.

O bloque pontevedrés estivo formado por Sofía Barros, Gisèle Rocha, Sara Caballería, Mara Vidal, Alba Castro, Aldara Ortego e Alba Vidal en categoría feminina e Alejandro Álvarez, Pedro Barros, Iker Pérez, Adrián Méndez, André Ortego, Tomás Gómez, André Rendo, Mateo Prado e Olivier Rocha.

Os resultados da base lerezana dan folgos ao club, centrado xa nos próximos obxectivos. De feito, o CN Galaico traballa xa na organización da Copa de España de clubes, na que tomará parte a próxima fin de semana, novamente nas instalacións de Rías do Sur.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios