Un Pontevedra CF sen suplentes

Luismi xa empregou a tódolos futbolistas do seu plantel excepto o mancado Pibe e o porteiro Rubén Ualoloca

Nacho López, un dos fixos de Luismi, conduce o balón mentres o adestrador lle dá ordes a un compañeiro. ADG-MEDIA
photo_camera Nacho López, un dos fixos de Luismi, conduce o balón mentres o adestrador lle dá ordes a un compañeiro. ADG-MEDIA

Luismi non acaba de definirse por un once inicial concreto para afrontar os primeiros partidos de Liga. Ou é iso ou é que confía en tódolos seus futbolistas para desempeñar diferentes roles nos encontros.

Sexa cal sexa dos dous motivos o que pese máis, o caso é que o preparador vigués xa meteu a xogar a tódolos futbolistas do primeiro plantel excepto a dous: o mancado Pibe e o porteiro Rubén Ualoloca. Pero ademais diso, o adestrador do Pontevedra tamén apostou como titulares por tódolos seus homes excepto os dous mencionados e Juan, que ten un duro rival no lateral dereito con Nacho López.

Iso non impide que Luismi teña futbolistas de cabeceira. Edu Sousa, como porteiro que é, disputou os tres enfrontamentos de liga íntegros.

O capitán non foi o único. Víctor Vázquez tamén completou os 270 minutos que se levan xogado ata o momento, ao igual que Manuel Jorge Romay, nas diferentes demarcacións nas que tivo actuar.

Ademais deles tres, outro xogador foi titular en tódalas citas, aínda que acabou sendo substituido o sábado: Kevin Presa. O ponteareán completou dous duelos, pero foi reemprazado no Mariano González.

Houbo outro factor que propiciou que tódolos futbolistas acabasen tendo máis protagonismo: as baixas. Polo de agora, houbo tres ausencias por lesión, dúas por enfermidade e outra por sanción nos tres envites que se levan disputados. Esa situación favoreceu a entrada dentro de once inicial de Campillo no centro da defensa. Foi un dos dous últimos homes en facerse coa titularidade, xunto con Jesús Barbeito.

Os que terán que estar fóra do equipo durante un tempo son Adrián León e Nacho Lorenzo. As súas ausencias obrigaron trocos, do mesmo xeito que a baixa de Pibe nas primeras tres semanas do campionato tamén reduciu as variables que tiña Luismi e conduciu a un obrigado reparto de minutos de Álex González, Pedro Vázquez e Javi López nas bandas.

Deles tres, o último perdeu o partido inaugural do torneo da regularidade debido ao cumprimento da sanción que arrastraba do Lleida, da última xornada de temporada anterior, mentres que o vigués sufriu un problema gastrointestinal que o deixou fóra de combate na segunda xornada, contra a Cultural. Ese problema estomacal tamén deixou sen convocar a Campillo daquela.

Máis alá da influenza das baixas nas aliñacións, parece que Luismi ten claro que no seu Pontevedra non hai suplentes.

Ponferradina, novo líder

Pedro Vázquez láiase polo gol que lle anularon en Navalcarnero. ADG-MEDIA
Pedro Vázquez láiase polo gol que lle anularon en Navalcarnero. ADG-MEDIA
 

A Ponferradina é o novo líder do grupo I da Segunda División B despois do seu triunfo contra o Guijuelo do pasado sábado (1-0). O conxunto berciano dispón de sete puntos despois de tres xornadas, tres máis có Pontevedra e un máis có Celta B, anterior primeiro clasificado e que foi derrotado de xeito inesperado na mañá deste domingo contra o San Sebastián de los Reyes.

Non foi a única sorpresa da xornada. A Cultural Leonesa perdeu o seu segundo partido consecutivo fronte ao filial do Las Palmas, no Reino de León (0-1). Os canarios ocupan agora mesmo a cuarta posición.

O Fuenlabrada é agora o segundo clasificado da categoría. O cadro do Sur de Madrid conseguíu o seu segundo triunfo da temporada, ao bater (1-0) ao Deportivo Fabril, que ocupa a zona de descenso.

O peor conxunto da Liga, polo de agora, é o Rápido de Bouzas. Os vigueses caeron na casa do Valladolid B, o próximo visitante de Pasarón, por 1-0 e son pechacancelas con cero puntos.

Un grupo de catro equipos teñen cinco puntos, resultantes dun triunfo e dúas igualadas. O Navalcarnero, o xa mencionado Sanse, o Castilla, que na mañá deste domingo empatou contra o Adarve (0-0) e o Coruxo. O bloque de Jacobo Montes repartiu puntos co Internacional de Madrid (1-1) a domicilio.

A igualdade da categoría queda patente na cantidade de igualadas que se levan producidas ata a data. Como exemplo, nesta xornada houbo cinco en dez encontros. Dous conxuntos contan tódolos seus duelos por igualadas: o Adarve e o Atlético de Madrid B.

Os vermellos e brancos empataron, desta volta, contra o Unionistas de Salamanca (1-1), que ocupa os postos centrais da clasificación cos mesmos catro puntos có Pontevedra. Os granates son novenos nunha táboa con moito equilibrio.

O único partido do domingo á tarde saldouse coa igualada do Salmantino e o Burgos (0-0). Non foi unha xornada prolífica: só doce dianas.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios