O recordo dunha expulsión inxusta

David Castro adestra en Pasarón. CHRISTIAN FERNÁNDEZ PORTAS

David Castro lembra o cartón vermello que lle impediu rematar o derbi contra o Celta B na primeira volta da Liga, en Pasarón

PONTEVEDRA. David Castro non sente unha motivación diferente para o derbi contra o Celta B que se disputará o domingo en Barreiro (12.00 horas), aínda que ten unha espiña cravada do partido da primeira volta. O defensa de Cuntis acabárao de xeito prematuro, por expulsión. Nunha acción sen aparente gravidade, Castro foi amoestado por golpear a Ibán Salvador. Era o segundo cartón da súa conta. As imaxes de televisión demostraron que non fixera nada punible.

Castro non quere polemizar co pasado. "Foi unha expulsión un pouco parva. Se non me chegan a botar, poderiamos gañar", explica mirando cara atrás, sen meterse no terreo do colexiado, aínda que deixa claro que a decisión non foi acertada.

"Circunstancias"
Segundo Castro, o bache do Pontevedra responde a pequenos detalles

"Non sei como se vería pola televisión, pero para min foi unha expulsión inxusta. Na xogada, non teño intención de meterlle o cóbado ou o brazo ao xogador. Simplemente inicio a carreira con normalidade e é el (Ibán Salvador) o que busca o contacto sabendo que xa eu tiña unha amarela".

O centrocampista guineano está no ollo do furacán por incorrer en provocacións aos adversarios. Na primeira volta, David Castro foi expulsado por unha acción provocada por el. A pasada fin de semana a súa vítima foi Iago, do Rápido de Bouzas. A actitude de Salvador motivou o enfado do adestrador Míchel Alonso a pasada fin de semana: "Podemos hacer una encuesta en Segunda B a ver qué piensan de este chico. No voy a dar consejos, pero aparte de lo futbolístico, es importante que eduquen a los jóvenes", dixo Alonso, molesto.

A ese respecto, David Castro prefire pasar páxina, non polemizar e atender aos aspectos meramente deportivos. "Imos xogar un partido e pensamos no rival como conxunto. Non nos fixamos en se teñen un futbolista que procede desta maneira. Cada un sabe o que ten que facer", asegurou o cuntiense, que lle resta importancia ao factor da rivalidade e está máis preocupado por romper a xeira negativa do PCF.

Castro cre que os malos resultados non responden a ningunha tendencia nin razón concreta. "Na fin de semana déronse unhas circunstancias pouco normais: unha expulsión e un gol no 90 que, de dez veces, metes un. Contra o Unionistas, un erro nun penalti e varias ocasións claras. Non creo que esteamos peor. Son situacións puntuais que nos impiden gañar os puntos".