O Mundioma Marín Peixegalego deberá poñer sobre a mesa toda a súa experiencia en play-offs para intentar facer fronte ao grupo da morte na fase de ascenso a LEB Prata.
Entre os seus homes, ata catro atesouran experiencia nas grandes citas. O que viviu máis éxitos é o capitán Jacobo de Benito, que estivo nos tres últimos saltos de categoría do colectivo marinense: o pleno histórico de EBA a LEB Prata en 2018, o ascenso sorprendente de LEB Prata a LEB Ouro na campaña seguinte e o máis modesto de Nacional a Liga EBA da temporada 2020-21.
Para o base é o cuarto intento de salto de categoría co Peixegalego e, aparentemente, o máis complicado. Ademais, competiu en outro, sen éxito, co Chantada, tamén de EBA a Prata.
De Benito é un dos que máis experiencia ten en retos de ascenso do Peixe, pero non é o único.
Kevin van Wijk pode presumir duns cantos éxitos no baloncesto español e, sobre todo, dunha gran cantidade de intentos de salto de categoría. O máis recente, a temporada pasada co COB contra o Mollet, o Clavijo e finalmente o Navarra, serviulle para subir cos ourensáns a LEB Ouro.
O neerlandés participou nun intento de ascenso a ACB desde LEB Ouro, frustrado para o equipo da cidade das Burgas na campaña 2018-19. Tamén o fixo co Breogán na campaña 2014-15, precisamente contra o COB, que logrou o salto á ACB fronte aos lucenses, pero non foi quen de cumprir os esixentes requisitos económicos para ocupar a praza na máxima competición.
O pívot do Peixe viviu dous play-offs co Oviedo (2013-14 e 2015-16), nos que o seu equipo foi eliminado en cuartos de final e en semifinais. A súa ampla experiencia conclúe en Melilla, ante un cadro co que tamén xogou un play-off frustrado na 2016-17.
Tamén Zach Monaghan, a grande incógnita dos marinenses para esta cita, estivo no play-off de ascenso a ACB co Leyma Coruña. Na 2015-16 chegou ao quinto partido da serie semifinal polo ascenso cos herculinos. Ao ano seguinte, desta volta en cuartos de final, o Coruña volvía ser eliminado na carreira polo ascenso, no quinto partido. O mesmo lle aconteceu na 2017-18 ao bloque coruñés. Na 20-21 caía en semifinais, no terceiro e último partido da serie. Outra vez en cuartos de final, no curso pasado, o Leyma de Monaghan quedaba polo camiño.
Dos demais membros do colectivo, cabe sinalar o ascenso logrado a LEB Prata polo Ponferrada no que militaba Juan Castro. O conxunto berciano logrou o salto de categoría a LEB Prata na campaña 2018-19 co pontevedrés nas súas ringleiras. Foi un ascenso despois de ser campión do grupo AB, campión de conferencia A na final contra o Ardoi e campión do seu grupo de ascenso e, consecuentemente, ascendido.
Javi Domínguez estaba no plantel do Peixegalego que participou na fase de ascenso a LEB Prata, de forma infructuosa, na temporada 2012-13, aínda que a súa presenza no equipo foi testemuñal, xa que tiña 18 anos.
Álvaro Filgueira, Dramell Hogan e Pablo Castro estiveron no ascenso a EBA de 2021, pero están ante a primeira fase destas características das súas vidas.
Ese é o Mundioma Peixegalego deste curso. De Benito compara cos outros dous play-off que viviu, e este aseméllase ao de Villarobledo. "Este ano é parecido ao de LEB Prata, diría eu. Somos os tapados, clasificados como terceiros de grupo. Iso pode beneficiarnos. Iso si, o Peixe non poderá contar coa colaboración da presión da Raña. Xogar na casa axuda e moito. O ano que ascendéramos na casa, notárase e ben", sostén o capitán, que é un punto de apoio para os novatos, aínda que lembra que Javi Llorente "é un experto nisto. Sabe como se xoga, o nivel das arbitraxes, a presión ambiental... Deixa poucas dúbidas. Xa o di todo".