Van Wijk, o faro que guía o Mundioma Marín Peixegalego

O pívot neerlandés é o líder estatístico do equipo marinense promediando 20 puntos, 11,5 rebotes e 32,5 créditos de valoración nos catro últimos partidos
Van Wijk no partido contra o Chantada. DAVID FREIRE
photo_camera Van Wijk no partido contra o Chantada. DAVID FREIRE

Todo o mundo contaba coa súa solidez, experiencia e profesionalidade e poucos agardaban estatísticas de estrela. Pero Kevin van Wijk está a achegar o pack completo ao Mundioma Marín Peixegalego

O pívot de Ourense é o gran referente do conxunto marinense nos últimos enfrontamentos, tanto en intenxibles, algo que entraba dentro do guión pola fama e traxectoria que lle precedían na súa dilatada traxectoria no COB, como en cifras.

Os seus números nos últimos catro encontros convérteno no mellor xogador da liga nese mesmo treito da competición e permítenlle afianzarse como o segundo home máis valorado do grupo AB, só superado polo xogador franquicia do Xiria de Carballo, Pau Isern, que cumpriu un primeiro trimestre do torneo rutilante, por enriba dos 25 créditos de media por envite.

Nas catro citas máis recentes, Van Wijk promediou 20,25 puntos, 12,5 rebotes, 8,5 faltas recibidas e 32,5 créditos por enfrontamento en máis de 32 minutos e medio.

Na última cita, fronte o Óbila Ávila Auténtica, sumou 35 de valoración, despois de 21 puntos, 12 rexeites capturados e 12 faltas recibidas. O único pequeno pero na súa actuación foron os tiros libres (errou catro dos once intentados) e, por suposto, a derrota do equipo, non imputable á súa achega persoal e máis ben á mala defensa do equipo e a falta de inspiración e claridade ofensiva de meirande parte dos seus compañeiros.

O mellor partido no apartado estatístico ata agora do neerlandés foi diante de Chantada, co liderado en xogo na Raña na penúltima xornada, antes do parón de Nadal. Daquela, o pívot chegara aos 36 créditos para ser a máxima valoración desa tirada no grupo AB. Meteu 21 puntos e capturou 17 rebotes para liderar o colectivo.

Unha semana antes, contra o Chantada, fixera dobre dobre, con 19 puntos e 10 rebotes, para un total de 32 créditos. 

Van Wijk é segundo en valoración total (21,42), segundo en rebotes (9,83), segundo en rebotes defensivos (7,83), terceiro en minutos disputados (32:24), terceiro en faltas recibidas (6) e terceiro en porcentaxe de tiros de dous (62%). Cifras que se resinten dun inicio de liga algo menos brillante no apartado estatístico.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios