Víctor, Rufo e Álex, líderes de 2020

O zagueiro foi o único xogador que disputou tódolos minutos dos partidos oficiais do ano, seguido polo capitán e por Rufo. O dianteiro madrileño foi o máximo goleador dos últimos doce meses, seguido polo estremo cántabro
Gon HQR! FÚTBOL. COPA DO REI. PONTEVEDRA - CARTAGENA, jueves, 17 dic · 20:00–22:00
photo_camera Álex González, Rufo e Imanol García adicando o triunfo copeiro a Romay. GONZALO GARCÍA

O ano no que menos partidos oficiais se disputaron desde hai sete décadas, Víctor Vázquez confirmouse como o futbolista máis empregado polos dous adestradores granates que sentaron no banco, Rufo como o mellor goleador e Álex González, capitán, como o máis presente en tódalas facetas do xogo, tamén noa negativa, a disciplinaria.

O enfrontamento de Copa do Rei contra o Cartagena puxo fin a un 2020 que comezou convulso e acabou con ilusión e esperanza, non só na sociedade, senón tamén na casa granate. Entre Carlos Pouso e Jesús Ramos aliñaron a 36 futbolistas diferentes nos 20 envites que houbo unicamente.

Só un futbolista disputou tódolos minutos, Víctor Vázquez. O marinense está consolidado en Pasarón como non o estivo en ningures. E o seu rendemento e regularidade convérteno en indispensable para tódolos adestradores que pasaron polo banco pontevedrés. Xogou os 1620 minutos de Liga e os 164 de Copa que se levaron a cabo no que vai de ano (cabe lembrar que o duelo contra o Ibiza fora adiado en decembro de 2019 pola chuvia, despois da disputa de 16 minutos, co cal os outros 74 se completaron o 8 de xaneiro de 2020).

Táboa

Alex González foi o segundo en partidos e minutos completados. O capitán perdeuse dous duelos por sanción. Nos demais pisou o céspede, aínda que foi substituido con moita frecuencia, como adoita ocorrer cos homes de banda. Álex é ademais o home máis amoestado do colectivo. Viu seis cartóns amarelos e sufriu unha expulsión por cartón vermello directo.

Houbo 45 amoestacións nas que foron castigados os deportistas de Pasarón. Dúas delas foron ao mesmo home no mesmo enfrontamento. Sana Ndiaye foi o excluido por ese motivo. Mentres que Álex e Charles foron os que viron cartón vermello directo.

Trinta e seis futbolistas disputaron algún minuto durante o ano natural nos 20 partidos oficiais que se levaron a cabo

O terceiro futbolista con máis participación é outro dos piares fundamentais do colectivo e dos referentes para a afección. Rufo. Ademais de todo, Rufo é o primeiro goleador do equipo durante 2020. Oito goles para o madrileño, seis na pasada liga, dous no que vai desta. Ningún en Copa, iso si.

En total, participaron tres porteiros diferentes, a cifra máis elevada no equipo nos últimos anos, xa que se produciu troco completo na porta: de Edu Sousa e Brian Jaén a Mario Fernández e Alvaro Cortés: 14 goles encaixados polo tudense, historia xa do club, 10 por Mario e un por Álvaro Cortés. En total, 25 tantos en contra ao longo do ano. Os goles a favor foron un menos. Están repartidos entre dez homes diferentes. Só un zagueiro acertou co marco contrario, Eneko Zabaleta.

Entre os 36 homes que pisaron o rectángulo de xogo, só nove estiveron antes e despois do verán, é dicir, nos planteis das dúas temporadas que tiveron presenza neste ano. Nove repiten baixo a disciplina da entidade e disputaron minutos na segunda metade do curso 19-20 e na primeira do actual 20-21.

O Pontevedra marcou 24 dianas e encaixou 25 tantos en 2020, no que tres porteiros estiveron baixo paos nas dúas competicións

Ata cinco xogadores chegados desde as categorías inferiores, algúns retornados de cesións. Santi Figueroa, Martín Diz, Rivera, Antón e Iñaki, gozaron da súa oportunidade e achegaron o seu grao de area non só nos adestramentos, senón nos partidos. Rivera e Antón cambiaron de aires e xogan noutros conxuntos das Rías Baixas actualmente.

Máis alá de estatísticas e resultados, foi un mal ano para un dos capitáns granates. Manuel Romay foi o home que padeceu a peor de tódalas lesións. Nun adestramento da semana previa ao duelo contra o Deportivo da Coruña, rompeu o ligamento cruzado.

Tampouco lle foi ben a cousa a Adrián Cruz, que rematou o ano mancado, despois dun 2020 con problemas físicos. Foron os dous principais damnificados polos contratempos físicos.

Foron as novas máis tristes dun 2020 no que o equipo principiou mergullado nas dúbidas e acabou cargado de ilusión.

Comentarios