O gran referente do boxeo da comarca é o Team Thunder de Marín. Fundado por Aarón González e Alberto Teijeiro en 2015, o club subiu como a espuma desde o seu nacemento, malia os efectos da pandemia, que o frearon e impediu que acadase as 200 licencias xa en 2020.
Actualmente conta con 160 fichas aproximadamente, distribuidas en catro sedes: o pavillón da Raña de Marín, o Macesport de Pontevedra, o Work Out de Bueu e o pavillón de Baltar de Portonovo, aínda que as obras lles fai trasladarse ao pavillón de Vilalonga momentaneamente.
Preto da metade das púxiles do club son rapazas. Non se impoñen límites de idade: hai deportistas entre catro anos e máis de 50.
Marín é o centro neurálxico desde o que se expandiu a entidade, pero Sanxenxo é unha das sedes que mellor funciona, con en torno a medio centenar de practicantes. Precisamente, en Sanxenxo levouse a cabo o primeiro campionato Galego organizado polo propio Thunder en colaboración co Concello, cunha grande aceptación e medio millar de seareiros nas veladas.
A nivel de captación da entidade vai crecendo para abastecer aos rapaces que están en proceso de aprendizaze. Pero ademais, o Team Thunder é moi competitivo. Aarón González, campión de España e Goyo Rubio, outro dos grandes a nivel nacional e campión galego, son os dous representantes do Thunder na máxima categoría nacional.
Pero ademais, Joana Jiménez é campioa de España xúnior, unha rapaza de etnia xitana que racha barreiras a puñetazos. Ademais, Amancio Martínez é campión galego promesas.
O Thunder non é só gañar ou acumular número de deportistas. É algo máis. Aspira a ser un elemento máis no proceso educativo dos seus deportistas. "Queremos un boxeo diferente ao que se coñece pola televisión, que os nosos deportistas poidan aprender unha filosofía de vida, uns valores, unha forma de afrontar a realidade: como na vida, temos que loitar ante os obstáculos, hai xente que te anima, pero nos momentos da verdade estás só para afrontar os problemas. Caemos e erguémonos... Esta maneira de velo axuda a afrontar a nosa vida".
Ademais, por suposto, o boxeo ofrece unha clara sensación de evasión dos problemas, de desafogo e a nivel físico é un deporte moi completo.
Dentro da idea de integración do club, inclúese a apertura de portas a rapaces con problemas de bullying ou a deportistas con síndrome de down. "O boxeo pode axudar a gañar en seguridade e autoestima, a que os rapaces crean neles mesmos".
Como todo deporte, axúda a relacionarse e a realizar actividade física. O club fai unha chamada á responsabilidade: evita o contacto físico ata certas idades e vai implantándoa paseniñamente, co afán de evitar lesións nos nenos.
Outro dos aspectos nos que traballa o club é o valor dos seus adestradores. Os técnicos máis veteráns da entidade fórmanse e forman coa fin de que os boxeadores acaben sendo adestradores. E todo vai orientando a un sistema de traballo uniforme, un método propio que permite que os mesmos aspectos se leven a cabo simultáneamente nas diferentes sedes, de maneira que iso lle conceda flexibilidade xeográfica a deportistas que poidan mudar puntualmente de sede.