A 4 Picos volve a Pontevedra cun novo itinerario e con ganas de "volver ao pasado"

O vindeiro 14 de maio volverá unha das probas máis recoñecidas de 'mountain bike', que reunirá a deportistas de numerosos puntos ► A inscrición estará aberta ata o vindeiro 29 de abril 
Imaxe da presentación do evento, este mércores. CEDIDA
photo_camera Imaxe da presentación do evento, este mércores. CEDIDA

O vindeiro 14 de maio volve á Boa Vila unha das probas máis recoñecidas da 'mountain bike': a Pontevedra 4 Picos BTT, que celebra o seu oitavo aniversario, e volve con ganas tralo parón motivado pola pandemia

O evento foi presentado este mércores por Josevi Cimadevila, Tino Fernández e Ana Laura, que anunciaron que desta volta cambiará o percorrido que se estaba a facer nos últimos anos para volver ao modelo inicial. Os participantes poderán poñer a proba os seus límites elexindo entre varias distancias: unha de 63 kilómetros e 1.500 metros de desnivel acumulado positivo e outra de 130 kilómetros e 3.000 metros de desnivel. 

Como o seu propio nome indica, o trazado contará con catro picos. O primeiro comezará con 3 km de estrada neutralizados que dan paso aos sendeiros e pistas iniciais (xa con proba aberta) que levarán aos participantes cara a zona do Lago Castiñeiras.  Neste punto, e despois dunha baixada por pistas, chegarase ao avituallamento (km 18), que se atopa na base da subida principal ao Monte Xaxán, que no km 24, deixará 800 metros de acumulado nas pernas dos ciclistas. A partir de aí, seguirán múltiples sendeiros entrelazados que conducirán de novo ao Lago Castiñeiras, cunha pequena subida de asfalto de 1,5 km en medio. 

A subida ao segundo pico iniciarase por unha zona de estrada pola que transita o Camiño de Santiago, en A Canicouva. Desde este punto afrontarase unha subida constante con tres partes: unha primeira zona de sendeiro ancho que levará á segunda nunha pista principal, para rematar nun sendeiro con zonas de pendente pronunciada, chegando así á zona máis alta do Monte da Fracha. No km 44, os ciclistas atoparanse cun nutrido avituallamento (o 2º) e o prato forte do día, un divertido bikepark, cuxa baixada se entrelazará con outros sendeiros que dirixirán pouco a pouco ata a cidade. Nos últimos 4 kilómetros, os participantes desfrutarán dunha zona de 'llaneo' a carón do río Lérez antes de chegar á meta do dous picos (km 63). 

Os máis atrevidos continuarán cara ao terceiro pico, o que sube ao Monte Castrove, cunha potente pendente na zona do hipódromo, que conducirá cara a outro dos balcóns da proba, desde o que se pode ver toda a ría de Pontevedra (km 74). Unha vez coroado o cumio, comeza un novo descenso antes do terceiro avituallamento no km 82. A partir de aquí, nun constante sube e baixa, os ciclistas dirixiranse cara ao cuarto e último pico, a cuxa base deberán chegar antes das 16:30 horas aqueles que ousen subilo (con oito horas xa nas súas pernas).

Na súa primeira parte, o cuarto pico consta dunha subida cómoda que alterna pistas e sendeiros. Será na segunda parte, despois do cuarto avituallamento (km 96), na que os participantes se atopen con algunha forte rampla. Unha vez coroado o cumio, iniciarase unha rápida baixada por pista ata o Pontillón do Castro e, pouco a pouco, de novo ata a liña de meta en Pontevedra, onde agarda a ansiada medalla de finisher e un avituallamento para recupera-las forzas.

No referente ás categorías haberá varias opcións: individual, por parellas, equipos de tres e ebike. Todos aqueles que estén interesados en participar poderán anotarse ata o vindeiro 29 de abril a través da web. A proba iniciarase en torno ás 8.15 horas e sairán dende as inmediacións do Pazo de Congresos. 

Tino Fernández quizo facer fincapé en que "a 4 Picos é para todo o mundo. Non é unha proba para deportistas de alto nivel, aínda que veñen (contaremos co último gañador, o 'fóra de serie' luso David Vaz, que gaña absolutamente todo no país veciño), senón para todo tipo de público, para persoas que adestran moitísimo e para aquelas que non adestran. Ademais, xa non estamos ante unha proba galega e participará moita xente do norte de España e de Portugal". 

Comentarios