A Woman Raid porá a proba este domingo no Pontillón do Castro a 120 deportistas

Haberá un total de oito categorías e os participantes formarán equipos de entre dúas e cinco persoas
Un momento do acto de presentación da V Woman Raid. CEDIDA
photo_camera Un momento do acto de presentación da V Woman Raid. CEDIDA

A contorna do embalse do Pontillón do Castro será este domingo 19 de decembro o escenario do Woman Raid 2021, un raid de aventura organizado polas federacións Española e Galega de Orientación en colaboración coa Concellería de Deportes e a Deputación Provincial que porá a proba a capacidade de resistencia, navegación e supervivencia dos 120 deportistas inscritos, dos que case a metade (50) son mulleres.

As saídas, que darán comezo ás 10:30 horas (estando previstas as derradeiras chegadas ás 16:45 horas), estarán agrupadas por categorías, existindo oito categorías en total, e os participantes deberán completar, en equipos de entre dúas e cinco persoas, un percorrido marcado no terreo mediante balizas e sinalado nun mapa que se lles entregará coa axuda dun compás, elixindo o itinerario a seguir entre os puntos de control (en cada punto control rexistrarán o seu paso mediante unha tarxeta electrónica).

Cada equipo, en función da súa propia estratexia, decidirá que distancia percorre, que puntos de control visita e que probas especiais realiza, efectuando o percorrido de xeito libre (modo score) e tendo en conta que non pasar polos puntos de control supón non sumar os puntos que outorga dito control.

Tal e como precisou este xoves na Sala de Prensa do Teatro Principal durante o acto de presentación deste V Woman Raid o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "o tempo empregado e a puntuación acadada en completar o percorrido serán os que determinen a clasificación final. O edil socialista, que estivo acompañado na conferencia de prensa por Javier Alvelo, presidente da Federación Galega de Orientación, e Ricardo Figueroa, director da carreira e responsable do club Xesta Natureza, subliñou o carácter "inclusivo e paritario deste deporte, que é un dos máis igualitarios do mundo, xa que nel hai equipos mixtos e mulleres e homes compiten en igualdade de condicións".

Fernández destacou, ademais, "o enorme tirón deste tipo de competición", rexistrándose inscricións de deportistas procedentes de diferentes puntos de Galicia (un 70% dos anotados) e do resto de España (30%).

Comentarios