O xeroglífico de permanencia

O Estradense e o Choco dependen de eles e o Ribadumia precisa dunha carambola para evitar o grupo pola salvación na última xornada de 3ª, con sete equipos na busca do mesmo obxectivo
Cheri ante Coke no partido da segunda volta entre o Estradense e o Ribadumia. RAFA FARIÑA
photo_camera Cheri ante Coke no partido da segunda volta entre o Estradense e o Ribadumia. RAFA FARIÑA

A Terceira División clausura esta fin de semana a partir das cinco da tarde a Liga máis igualada que se lembra. A primeira fase chega á súa fin con sete equipos loitando por lograr a permanencia na categoría e evitar o grupo da salvación na segunda fase.

Tres puntos separan ao cuarto, o Ourense CF, do décimo, o Unión Deportiva Ourense. Na batalla están implicados o Estradense, o Choco e o Ribadumia.

O Estradense

O Estradense é o que ten as contas máis claras. De gañar, os de Alberto Mariano estarán fóra de perigo sen ter que mirar para ningún lado. No peor dos escenarios para eles, quedarían empatados a 31 puntos con outros dous conxuntos e nese caso os tres serían os que ocuparían a cuarta, quinta e sexta posicións.

O Estradense tamén sabe que se perde, suceda o que suceda, quedará fóra dos seis primeiros lugares, xa que empataría a 28 puntos co Unión Deportiva Ourense, o seu rival do domingo, e nese caso sempre quedaría prexudicado en tódolos cuádruplos e quíntuplos empates que se puidesen dar para dilucidar a quinta e sexta posicións (a cuarta xa non estaría en disputa porque, como mínimo, o Ourense CF ou o Bouzas, que xogan entre eles e teñen 28, superaría aos da Estrada en puntos).

No caso de empate, teñen moitísimas máis posibilidades estatísticas de obter o seu obxectivo. Subirían ata os 29 puntos. E nese caso, bastaríalles coa igualada do Bouzas e o Ourense CF para forzar un empate a puntos con eles que lles resultaría beneficioso sempre. No peor dos casos, poderían verse superados polo Choco e o Barco, pero nunca polo Ourense, o Bouzas e o Ribadumia, aos que lles ten gañado todolos empates a puntos.

Se non empatasen o Rápido e o Ourense, tamén obterían a súa clasificación sempre que ou o Choco ou o Barco non gañasen: Os de Valdeorras quedarían por debaixo en puntos e o Choco ten a golaveraxe directa perdida cos de Mariano e tódolos empates a 29 puntos, con cantos rivais houberen, beneficiaríanlles ao equipo da Estrada.

O Choco, mesmo perdendo

O Choco tamén depende del mesmo e tamén xoga na casa, contra o pechacancelas, o Pontellas, que xa lle gañou na primeira volta. Gañando, o Choco evitaría calquera conta e sería cuarto, quinto ou sexto.

Se empata, seguiría a ter moitas opcións e precisaría un dos tres seguintes requisitos:

1. Que perda o Estradense. Nese suposto, no peor dos casos para os choqueiros gañaría o Barco (superaríaos), o Bouzas ou o Ourense (un quedaría por diante do Choco e o outro, por debaixo) e o Ribadumia (empataríalles a 29 puntos, pero a golaveraxe particular favorece aos choqueiros).

2. Que empaten o Ourense CF e o Rápido de Bouzas. Nesa situación, aínda gañando o Estradense e o Barco, que o superarían en puntuación, o Choco empataría a 29 puntos cos vigueses e ourensáns e nunca baixaría da sexta posición, aínda estando polo medio o Ribadumia. Nesa variable, empatando o Estradense e o Choco, e indo a un quíntuplo empate a 29 puntos co Ourense CF, Rápido de Bouzas e Ribadumia, tanto os de Mariano como os de Gonzalo Fernández serían os mellor posicionados para salvarse.

3. Que non gañe o Barco. Nese caso, o peor que lle podería pasar ao Choco sería que o Estradense gañase (quedaría por diante), que o fixese o Ourense ou o Rápido no seu duelo directo (un deles quedaría por diante) e que gañase o Ribadumia (quedaría por detrás do Choco por golaveraxe particular).

Mesmo perdendo, a diferenza do Estradense, o Choco ten opcións de lograr a permanencia directa. Iso si, require dunha gran colaboración dos seus rivais. Quedaría con 28 puntos, de maneira que precisaría que o Barco perdese, que o Ribadumia non gañase e que o Ourense CF e o Rápido non empatasen (para que só un deles quedase por diante do propio Choco). Se o triunfo fose do Rápido e non do Ourense CF, ao Choco valeríalle tamén o empate do Barco na última xornada acompañado da derrota do Estradense, xa que os choqueiros serían segundos dun quíntuplo empate con Ourense CF, Estradense, Barco e UDO.

O Ribadumia, gañar e agardar

A situación máis complicada é a do Ribadumia. Ten o partido máis duro, a priori, contra o líder, o Arenteiro, a domicilio, e ademais é o segundo dos implicados que menos puntos ten (26).

A derrota e o empate nunca lle servirían para selar o seu obxectivo. E aínda vencendo, semella moi difícil que poida obter a permanencia directa, debido a que ten a golaveraxe directa perdida con case tódolos rivais excepto o Rápido de Bouzas. Iso si, podería beneficiarse dos quíntuplos e cuádruplos empates a 29 puntos nos que estivesen o Ourense CF e o Rápido de Bouzas.

Por iso, ademais de gañar, o Ribadumia require un mínimo de dúas das seguintes condicións:

1. Que perda o Choco

2. Que perda o Estradense

3. Que non gañe o Barco

4. Que empaten o Rápido de Bouzas e o Ourense CF.

Os triples, cuádruplos e quíntuplos empates nos que os de Luis Carro estean xunto co Ourense CF e o Rápido de Bouzas sonlle favorables. No canto oposto, os que o emparellasen co Estradense e o Choco seríanlle desfavorables.

captura

Comentarios