A XI Carreira de San Brais reunirá este domingo a 349 participantes en Salcedo

A proba estreará este ano un novo itinerario exterior que cubrirá unha distancia de 6.615 metros. Haberá cortes de tráfico entre as 12:00 e as 13:50 horas

Presentación da Carreira de San Brais. EP
photo_camera Presentación da Carreira de San Brais. EP

A parroquia de Salcedo celebrará este domingo a súa festa do deporte na rúa por excelencia coa clásica Carreira Pedestre de San Brais, organizada pola Asociación Veciñal Salcedo Norte en colaboración coa Concellería de Deportes e o patrocinio de Carrefour.

O evento chega neste 2023 á súa XI edición con 349 persoas inscritas, das que 150 son adultas e 199 nenos e nenas, unha cifra récord de participación infantil que este xoves se deu a coñecer no Concello durante o acto de presentación da proba, ao que asistiron o tenente de alcalde, Tino Fernández; a presidenta de Salcedo Norte, Mónica Lustres, e os responsables da organización José Luis Gallego, Nicolás López Jar e José Victorio Moure.

A proba popular desenvolverá carreiras para as categorías de base no estacionamento do centro comercial Carrefour e as súas rúas colindantes entre as 11:15 e as 12:30 horas: chupetes (0 a 4 anos), que cubrirán unha distancia de 100 metros; pitufos (5 a 7 anos), 250 metros; benxamíns (8 a 9 anos) e alevíns (10 a 11 anos), 500 metros; infantís (12 a 13 anos), 800 metros; e cadetes (14 a 15 anos) e xuvenís (16 a 17 anos), 1.450 metros. Ao remate das mesmas, dará comezo a carreira na categoría absoluta (sénior, de 18 a 39 anos, e veteráns, maiores de 40), cun novo itinerario exterior que cubrirá unha distancia de 6.615 metros sobre un esixente trazado asentado sobre terreo mixto (combinando asfalto e treitos de pistas de terra), con saída e chegada no propio Carrefour, que percorrerá a parroquia de Salcedo e que acumula un desnivel de 181 metros, con constantes subidas e baixadas e zonas con pendentes próximas ao 20% de desnivel.

Dispositivo especial de tráfico

Por motivos de seguridade, a Policía Local de Pontevedra despregará un dispositivo especial de tráfico. Deste xeito, pecharase o acceso de automóbiles en todo este percorrido durante a celebración da carreira, entre as 12:00 e as 13:50 horas aproximadamente, cortándose neste período en varios puntos de Eduardo Blanco Amor e doutras rúas situadas no radio interior do circuíto e cerrándose con vallas o acceso ao vial de Carrefour. 

Dispositivo de tráfico. DP
Dispositivo de tráfico. DP

Coa finalidade de facer esta Carreira de San Brais máis divertida, a organización ofrece a posibilidade de competir por parellas e por equipos de 6 membros. A proba enmárcase dentro dos actos de celebración das festas na honra de San Brais (entre os días 29 de xaneiro e 5 de febreiro) e completarase, na súa vertente lúdica, cunha chocolatada e un sorteo de lacóns entre os participantes.

Recuperar o antigo circuíto de carreiras

O concelleiro de Deportes salientou que "como todas as probas que se fan nas rúas, nesa enorme instalación deportiva que é Pontevedra, sacar adiante esta carreira sempre resulta complicado, e grazas ao traballo da Asociación Salcedo Norte pode levarse a cabo". "Agardando ademais que anime a que outras carreiras que se foron perdendo no pasado poidan irse incluíndo pouco a pouco no calendario. Sería moi interesante -apuntou Tino Fernández- que aquel circuíto de carreiras que había hai uns oito ou nove anos se fose recuperando con carreiras como esta, a de Campañó ou a de Santiaguiño. Todo aquilo que sexa fomentar a actividade física e a saúde entre os nenos e nenas sempre e entre toda a veciñanza contará co apoio desta Concellería".

A presidenta de Salcedo Norte asegurou que o colectivo veciñal quedou "moi contento" co resultado da proba celebrada o pasado ano, "sobre todo pola participación dos rapaces, xa que nos vimos desbordados pola cantidade de nenos que tivemos nunha carreira que era tradicionalmente de adultos". Unha cifra que, segundo avanzou Mónica Lustres, "este ano superamos con creces, ao contar con 199 participantes inscritos en categorías de base, o que nos enche de satisfacción, porque amosa que hai unha nova xeración que está aí e que está pisando forte".

Tal e como explicou Nicolás López Jar, responsable de seguridade da proba principal, "serán un total de 349 persoas as que participen no evento (150 adultos)", nun trazado "que este ano se modificou, xa que quixemos innovar un pouco, dispoñendo de tres anacos de circuíto de terra e dun itinerario algo máis longo". "Os corredores que veñen a esta proba xa saben como é e gústalles ese carácter mixto do trazado -afirmou-, polo que buscamos que sexa algo máis divertida".

Pola súa banda, José Luis Gallego agradeceu "aos veciños de San Brais e Salcedo, a Protección Civil e á Cruz Vermella unha axuda sen a que resultaría imposible organizar unha carreira con ese trazado, que é unha ilusión de tódolos veciños desa zona, xa que por desgracia perdeuse un circuíto que daba vida deportiva a moitas parroquias", mentres que o ex atleta José Moure animou aos deportistas, "sobre todo aos sénior, porque é o primeiro test que hai na nosa provincia de cara á campaña invernal de cross e pista cuberta". "Esta carreira préstase moito para ver cal é o estado da posta a punto para eses eventos de carácter oficial -sinalou Moure- e por iso ten tan boa acollida por parte dos atletas. Agardamos que este ano teña a mesma ou mellor acollida".

O evento deportivo forma parte do circuíto de probas populares Correr en Galicia, unha competición posta en marcha por Kandpalleiro en 2006 na que se suman puntos en cada carreira e na que se valora máis a constancia que a velocidade.

Torneos de petanca e de chave

Entre as actividades conmemorativas organizadas dentro das festas de San Brais tamén se inclúen o V Torneo de Petanca San Brais 2023, que se desenvolverá durante toda a xornada do venres 3 de febreiro nos campos do Centro Sur (comezará ás 10:00 horas e continuará pola tarde, a partir das 16:00 horas), e o IV Torneo de Chave, que se celebrará nestas mesmas instalacións o domingo 5 de febreiro a partir das 11:00 horas.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios