O xornalismo de verdade está de loito

Jesús Rodríguez Iglesias, Suso Observador, faleceu este sábado, despois de toda unha vida adicada a informar sobre o deporte da cidade a través das páxinas de Diario de Pontevedra: coa paixón dos amantes da verdade e co rigor dos grandes mestres da profesión, que hoxe, trala súa despedida, está un pouco máis baleira
Suso Observador. JAVIER CERVERA
photo_camera Suso Observador. JAVIER CERVERA

Faleceu Jesús Rodríguez Iglesias Observador. O seu corazón detívose este sábado, aos 83 anos, deixando orfas as súas catro fillas e o xornalismo pontevedrés.

Compañeiro de Diario de Pontevedra, medio no que construíu a súa carreira profesional, Suso foi sempre un apaixonado do deporte e da verdade. Loitou e traballou entregando gran parte do seu tempo a ámbalas dúas materias, con tanta implicación como rigor: como requería o xornalismo que dignificou durante décadas. Foi así ata os seus últimos anos de vida, nos que, desde o seu retiro no seu domicilio, seguía colaborando con este rotativo.

Suso Observador na antiga redacción de Diario de Pontevedra. ADP
Suso Observador na antiga redacción de Diario de Pontevedra. ADP

Mantendo a distancia que esixía a súa pluma, Suso viviu como algo máis que un socio fiel, fose do Teucro, que lle tinguíu o sangue de azul (non só foi simpatizante, senón que chegou a formar parte da súa xunta directiva), fose do Pontevedra ou fose de calquera outra entidade deportiva da cidade con aspiracións, obxectivos ou soños . Pasou por tódalas áreas informativas, pero sempre soubo que o "deporte era o meu".

Responsable da sección no Diario de Pontevedra durante anos, puxo nas súas liñas o mimo da vella escola: un xornalismo artesanal no que se achegaba á realidade para relatala, partindo dunha carestía de recursos técnicos difíciles de imaxinar, insólitos para as xeracións posteriores, para as actuais. Desde o seu Observatorio actuou como o mellor notario da sociedade e vida pontevedresa.

E sempre cun respecto que atravesaba a liña do agarimo ás entidades, ás persoas, aos compañeiros. Deixou un selo imborrable, á beira de profesionais como o ex director do xornal Pedro Rivas Fontenla ou Amador Larriba, aos que admiraba, respectaba e aos que sempre considerou os seus mestres.

Non poderá asistir ao último ascenso do Teucro nin do Pontevedra, tampouco poderá ver o último clásico, sempre fiel ao Fútbol Club Barcelona que tantas alegrías e tamén disgustos lle deu: o seu único capricho fóra das fronteiras de Galicia.

Foi acreedor de premios e recoñecementos, como o da Asociación de Amigos de Pontevedra en 2019.

Nos últimos tempos a súa saúde impediulle ocupar a butaca no Municipal de Pontevedra ou no de Pasarón, pero seguía pendente e atento aos resultados e as retransmisións televisivas ou radiofónicas. Na Radio Galega foi tamén colaborador durante anos.

Desde a casa, e malia os seus problemas de saúde, non faltou á súa cita semanal cos lectores do Diario de Pontevedra para poñer o foco na realidade política, social e deportiva da cidade.

Condolencias

O seu corpo sen vida partirá este domingo do Tanatorio Albia de Pontevedra ás 16.00 horas en dirección ao Cemiterio Municipal da Lama, onde recibirá sepultura. Este luns, na Igrexia de Santa María La Mayor (18:00), oficiarase un funeral pola súa alma.

Tras coñecerse a noticia do seu falecemento, foron moitas as persoas que se achegaron ata o tanatorio para trasladarlle as súas condolencias e acompañar a familia en tan dorosos momentos.

Diario de Pontevedra desexa trasladar desde estas páxinas o seu máis sentido pésame á tódolos compoñentes da familia de Jesús Rodríguez, especialmente a súa viúva, Ana María Cordo, e a súa filla Begoña, compañeira da sección de preimpresión de Diario de Pontevedra.

Comentarios