A xuíza estima as medidas cautelares e ordea reabrir o Complexo Rías do Sur

A Fundación e os clubs deberán asumir os custos da infraestrutura para poñela en funcionamento, mentres non se resolva a demanda por incumprimento de contrato contra Supera 
Estado actual da piscina Rías do Sur tras tres meses de peche da instalación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Estado da piscina Rías do Sur tras tres meses de peche da instalación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Complexo Deportivo Rías do Sur deberá reabrir nas próximas xornadas. Así o dictaminou a maxistrada Cristina Delgado Moro, xuíza do xulgado de Primeira Instancia número 3 de Pontevedra, para resolver a petición de medidas cautelares interposta pola Fundación Rías do Sur tralo peche da instalación a cargo da empresa Supera, concesionaria do centro.

O complexo porase inicialmente a disposición dos clubs deportivos, de maneira que os usuarios federados poidan acceder novamente á lámina de augas e aos ximnasios para poder levar a cabo a súa actividade de adestramentos e competicións. De momento o centro non poderá ser empregado por particulares.

A xuíza establece, ademais, que os custos de reapertura correrán, polo de agora, a cargo dos propios clubs e da demandante, a Fundación Rías do Sur, que será a encargada de executar a apertura e poñer en funcionamento a infraestrutura.

A empresa Supera amósase satisfeito co feito de que sexan os demandantes os que deban asumir os custos e valora non presentar recurso

A propia Fundación deberá presentar a demanda contra Supera por incumprimento de contrato, que está vencellada á petición de medidas cautelares, nos próximos 20 días diante do mesmo tribunal, para que as medidas poidan aplicarse. Cabe recurso de apelación por calquera das dúas partes antes dos 20 días despois da notificación.

No caso de que ao final do proceso se resolva que o peche da piscina por parte de Supera non estaba xustificado, os gastos que afronten os clubs e a Fundación para reabrir o centro serán cargados á empresa.

Á espera de analizar en profundidade a resolución, Supera amósase satisfeita polo contido do auto e en principio non se propón levar a cabo o recurso.

"Pueden reabrir para que los clubes entrenen, siempre que ellos corran con los gastos", explicaba o responsable de comunicación da grupo, Roberto López, antes de concluir que "es lo que Supera les ha propuesto en reiteradas ocasiones y siempre se han negado", dixo, algo que choca co que sempre manifestou o presidente da Fundación, Héctor Vilariño, que expresou que o seu obxectivo era a reapertura, aínda asumindo os gastos. "La Fundación siempre prefirió recurrir a los tribunales antes que iniciar una negociación" finalizou López.

Comentarios