Carme Pampín: "A biotecnoloxía pode modernizar sectores clave como o agroalimentario ou marítimo"

O 'biotech' xa é presente pero, sobre todo, futuro de Galicia, que pode presumir de ser a segunda comunidade máis bioemprendedora e un exemplo de como facer as cousas ben desde universidades, empresas e Administración. Bioga encárgase da interlocución e de velar por un ramo que será indispensable na transformación do sistema produtivo
Carme Pampín (O Pino). EP
photo_camera Carme Pampín (O Pino). EP

Galicia é a segunda comunidade máis bioemprendedora a nivel nacional, cun crecemento do 10% anual no sector biotecnolóxico. Cales son as claves do éxito?
Son unha serie de características que confluiron en Galicia. En primeiro lugar está o papel dos centros de coñecemento: as universidades, os centros de investigación e as fundacións biomédicas, que son as xeradoras de coñecemento. Esas son as bases. A partir de aí, en Galicia hai tempo que se está a producir a transferencia de coñecemento desde eses centros a empresa. Despois, é tamén importante destacar as presencia dun clúster consolidado como o Bioga, desde onde intetamos dinamizar o ecosistema e axudar as acelerar eses procesos de emprendemtento e xeración de negocio. Co xermen non basta: necesitamos tamén implicar a industria e a administración, e isto é o que fai o clúster. E falando da administración, hai que destacar a aposta tan forte que está a facer polo sector.

En palabras do vicepresidente primeiro, Francisco Conde, a Xunta conta con Bioga para acometer o cambio de modelo produtivo na vindeira década. Que retos asume o clúster neste senso?
Temos catro retos estratéxicos para axudar neste cambio de modelo produtivo. Por un lado, potenciar as capacidades de bioemprendetmento e talento. É un campo no que xa destacamos bastante, porque somos a segunda comunidade máis bioemprendedora, pero hai que centrarse no talento, que é a nosa materia prima. Temos que conseguir atraer, reter e potenciar o talento, e necesitamos non só perfís científicos, senón de xestión empresarial, e non sempre e doado atopalos. O segundo reto é a consolidación empresarial e conseguir máis masa crítica. É certo que estamos moi ben posicionados como comunidade bioemprendedora pero o noso tecido seguen sendo maioritariamente pequenas empresas. Necesitamos consolidalas. O terceiro reto é moi común a outros sectores: a internacionalización, que é un proceso custoso e que require de recursos e especialización. E, por último, o cuarto é movilizar recursos e captar financiamento. Creo que temos que conseguir atraer inversores quizais non tan especializados. Os biotech xa os temos máis ou menos captados, pero gustaríanos captar outros alleos que estén meditando variar o seu portfolio de investimentos.

Que necesidades prioritarias transmite o sector á Administración?
Que nos axude a ser palanca, como está a facer, e que nos acompañe nos retos como o de captar talento e internacionalizarse, ou a potenciar a colaboración público-privada. Que sexa un catalizador para acelerar estes procesos. Tamen é fundamental o papel de Bioga en ser o interlocutor coa Administración, de xeito que as políticas que se deseñen sexan o máis adaptadas posibles ao sector.

"Galicia conta cunhas 150 empresas biotecnolóxicas que dan emprego a 4.000 persoas e facturan 900 millóns"

Cantas empresas aglutina o sector en Galicia?
É unha pregunta complexa, porque a biotecnoloxía non é un sector como tal. As empresas que estamos en biotecnoloxía podemos estar na industria química, alimentación... Pero facemos un estudo todos os anos e en Galicia hai en torno a 150 empresas biotecnolóxicas nos múltiples subsectores de aplicación.

Que facturación anual suman aproximadamente?
Uns 900 millóns.

E empregos?
Sumando empresas e universidades, en torno a 4.000. Quería destacar que o emprego que creamos no sector é de alta calidade, con persoal altamente cualificado e unha tasa de contratación de titulados universitarios das máis elevadas de Galicia.

"No noso caso, a pandemia axudounos a darnos a coñecer, xa que tivemos un papel relevante desde o eido da saúde"

Como afectou a pandemia?
A pandemia nos axudou a gañar visibilidade porque a sociedade entendeu que temos moito que aportar. Propuxemos solucións moi innovadoras para o diagnóstico e tratamento da covid e creo que nese senso nos axudou a que xente saiba da nosa importancia no eido da saúde.

Tamén supuxo unha oportunidade en financiamento, xa que varios proxectos biotecnolóxicos foron seleccionados pola Xunta como tractores para optar aos fondos europeos Next Generation.
Veremos que pasa cos fondos, pero é importante porque hai proxectos estratéxicos no cambio do modelo produtivo e que ofrecen solucións sanitarias, medioambientais... E que a Xunta aposte polo sector de forma tan contundente é un dato moi positivo e do que deberiamos sacar o máximo partido.

A biotecnoloxía cobre case todos os sectores imaxinables. Cales son os máis aproveitados en Galicia e cales quedan aínda por explotar?
Galicia destaca en descubrimentos de fármacos, onde hai proxectos de gran relevancia mundial que non sempre se poden contar por confidencialidade. Hai exemplos como o grupo Zendal. E un sector chamado a ser punteiro no uso da biotecnoloxía é o agroalimentario. O sector lácteo ou o das conservas están a traballar para sacar produtos máis saudables e sofisticados. Ademais, Galicia ten unha materia prima excelente e a biotecnoloxía axudará a sacar produtos de alto valor engadido. Ante todo, o sector é unha ferramenta transversal que pode ser fundamental para potenciar a innovacción en sectores clave para Galicia como o agroalimentario ou o marítimo.

"O talento é a materia prima do 'biotech'. É non sempre é fácil captalo. Ademais de científicos, fan falta perfís empresariais"

Cal é a importancia dos biopolos, como o programado na Sionlla?
Moita. É algo que nos falta e vai ser clave para axudar a consolidar o sector, no que é indispensable a colaboración. É dicir, a maioría dos proxectos dos que falamos é moi difícil que os leve adiante unha única entidade. Normalmente son moi colaborativos e implican diferentes empresas e grupos de investigación, hospitais... Entón, o feito de dispoñer dun espazo onde estén representadas unha serie de entidades do sector e que poidan interactuar creo que poden facilitar moitísimo que xurdan novas iniciativas.

Comentarios