Cebreiros pide un candidato á CEG que sexa "empresario en activo" e renuncie a outros cargos

Non ve condicións para unha subida xeneralizada de salarios, que vincula á situación de cada sector ou empresa 

Jorge Cebreiros. DP
photo_camera Jorge Cebreiros. DP

O presidente da Confederación de Empresarios da provincia de Pontevedra, Jorge Cebreiros, reclamou este mércores que a persona que aspire á presidencia da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) sexa un "empresario en activo" e, se os tivese, renuncie a outros cargos para dedicarlle o "cento por cento" do tempo a dirixir a patronal galega. Así o manifestou nun almorzo, no que fixo balance de actividade da CEP durante 2017 e repasou os retos de 2018.

Jorge Cebreiros reclamou que o candidato ou candidata á CEG sexa unha persona que coñeza a realidade empresarial: "Non queremos experimentos, como a xente á que non lle importa subir salarios porque non ten que pagar nóminas". 

Tamén reclamou que teña total dedicación á organización e que, se os tivese, renunciase a outros cargos. Segundo sinalou, a CEP non vai apoiar a ninguén que pretenda "simultanear a presidencia da CEG cunha provincial ou sectorial", porque a persona que se faga cargo da patronal galega deberá emprender "unha tarefa de xigantes" para "coser" distintas sensibilidades, territorios, etc. Ademais, o presidente da CEP, quen expresou que "oxalá sexa unha muller" a próxima presidenta da CEG, insistiu en que o candidato ou candidata debe ser "de consenso". "Xa se demostrou que sen candidato de consenso o proceso está abocado ao fracaso", sentenciou.

BALANCE E RETOS. O presidente da CEP fixo balance da actividade da organización en 2017, no que a Confederación traballou nos ámbitos da visibilización, formación, negociación, proxectos innovadores, e cooperación luso-galaica. Nese balance, Cebreiros deu por resolto o "tempo moi duro de desunión" que padeceu a patronal pontevedresa a raíz do conflito xerado nas últimas eleccións á dirección da Confederación. Segundo subliñou, o último ano estivo caracterizado pola "unanimidade" e a unión. 

Así mesmo, expuxo os principais retos e demandas da clase empresarial para 2018, que pasan por manter a reclamación de mellores infraestruturas (Ave directo por Cerdedo, investimentos nas autovías, coordinación de portos, etc.); a rebaixa das cotizacións sociais para "estimular a contratación" e valorar o aumento de salarios; adecuación ao mercado global; ou a consecución dun plan de financiamento autonómico "equitativo". 

Con respecto aos salarios, Cebreiros expresou que, aínda que o crecemento da economía é positivo ("lixeiramente mellor en Galicia"), non se dan as condicións para atender a unha subida xeneralizada dos salarios. Segundo sinalou, esa medida debería estar condicionada pola situación dos diferentes territorios, sectores e mesmo pola situación singular de cada empresa. 

Tamén expresou a súa "preocupación" por "o incremento da conflitividade laboral no sector público" que, ao seu xuízo, "pódese contaxiar ao sector privado". 

Por outra banda, volveu a insistir na necesidade de que os grandes empresarios da provincia de Pontevedra "dean a cara" e sitúense "en primeira fila" para apoiar as reivindicacións da CEP. Así, volveu a pór como exemplo o 'lobby' de apoio ao Corredor Mediterráneo, e sinalou que a provincia necesitaría "un Juan Roig ou un Javier Moll".

Comentarios