viernes. 22.11.2019 |
El tiempo
viernes. 22.11.2019
El tiempo

Conde: "A industria e a enerxía en Galicia están en situación de bloqueo polo Goberno de Sánchez"

Francisco Conde. PEPE FERRÍN
Francisco Conde. PEPE FERRÍN
Aínda que a situación mudou dende que no 2012 asumira o cargo cun país en recesión e con 279.000 parados, as crises de Alcoa, Endesa, Vulcano e Barreras estanlle a amargar a fin da lexislatura ao conselleiro de Economía

A inacción do Ministerio para a Transición Ecolóxica en materia de enerxía e os bandazos da Administración de Pedro Sánchez centran as críticas de Francisco Conde (Monforte, 1968) nun momento no que o Brexit, a guerra comercial e a falla dunha estratexia para a transición cara as renovables se conxuraron para frear a recuperación. Confiado en que o Xacobeo 2021 sirva de revulsivo, o conselleiro esixe trazar xa políticas de Estado. 

Tralos últimos acontecementos na industria, o obxectivo de chegar a 2020 elevando o peso do sector na economía ata o 20% do PIB parece improbable. Revisarán a estratexia?

A nosa política industrial ten dúas rémoras importantes. En primeiro lugar, as decisións de Pedro Sánchez, que ao chegar á Moncloa paralizou a orde de execución das fragatas en Navantia cun atraso que vai levar a que o corte de chapa non se desenvolva ata o 2022, cun impacto moi importante nas auxiliares. Tamén bloqueou o Ave, que tiña que estar en probas neste 2019 para estar en plena execución no 2020 e que incluso chegase a Lugo no 2021. Eran os compromisos de Rajoy. Agora temos un apagón informativo sobre as previsións exactas. Había comprometido para Lugo un investimento de 1.600 millóns para o Ave que se está incumprindo. A segunda rémora é a política enerxética, que levou a que Alcoa A Coruña non produza xa aluminio primario e que San Cibrao teña incerteza porque non se desbloquea un prezo enerxético competitivo. E tamén está Ence. Neste caso, a decisión do Goberno pode levar a un impacto negativo para máis de 80.000 familias ligadas ao sector forestal se hai peche.  

Esiximos compromiso co territorio a Endesa e que avalíe as alternativas para facer a transición na próxima década

E a isto súmase a fronte das Pontes...

A política enerxética penaliza a produción das térmicas cando no resto de Europa hai máis de 100 centrais nas mesmas condicións de Endesa, que investiu 200 millóns. Non parece xustificable unha ruptura enerxética por unha posición ideolóxica. A proposta do Goberno é importar enerxía e que Galicia exporte paro. Pedimos unha transición xusta, que permita manter a produción das Pontes e poder chegar ao 2021 con eses fondos para a transición xusta que a Comisión Europea vai habilitar. A situación da industria e da enerxía en Galicia é de bloqueo por parte do Goberno de Pedro Sánchez. 

Tamén é necesaria a boa disposición de Endesa. Que alternativas vos formulou o conselleiro delegado e qué reclama a enerxética para paliar a subida dos custo dos dereitos de emisión de CO2? 

Precisamos que a central reduza os custos de produción e por iso propoñemos medidas fiscais como a eliminación do céntimo verde ao carbón, que o Goberno suprimiu en outubro de 2018 ao gas nunha medida discriminatoria. Endesa tamén está desenvolvendo diferentes probas. Dentro da mesa constituida co Goberno central, reclamámoslle a este responsabilidade e tamén lle esiximos á empresa un compromiso co territorio e que, polo tanto, avalíe esas alternativas que deben permitir facer a transición a outro tipo de proxectos na próxima década para afrontar o peche das térmicas. O custo da transición correspóndelle pagalo ao conxunto da sociedade, pero a proposta do Goberno é que paguen os empregados de Endesa, as auxiliares e os transportistas.

Á vista do que pasa con San Cibrao, confírmase que coa venda da planta de Alcoa na Coruña o conflito se pechou en falso. Hai visos de que o Goberno central poida garantir un prezo da enerxía competitivo?

Está nas súas mans. Outros países si o poden facer. Dende que se produciu o anuncio do expediente de regulación de emprego na Coruña xa pasou un ano e o Goberno só chegou a dicir que ten un borrador do estatuto do consumidor electrointensivo. Incluso se comprometeu a aprobalo antes das eleccións xerais de abril. Seis meses máis tarde, non entendemos que non amose nin o contido do borrador. A nosa lectura é que fai cálculos electorais cos traballadores de Alcoa San Cibrao de cara ao 10 de novembro. Isto non nos parece lexítimo.

O Goberno fai cálculos electorais cos traballadores de Alcoa San Cibrao. Iso non é lexítimo

Pasando á crise en industrias do sur, a Xunta vén de reunirse con The Ritz-Carlton. Propón un plan de negocio serio para Barreras?

No sur temos dúas realidades. Unha en positivo, con estaleiros que dan unha resposta en prazo e calidade e lideran a construción de buques en Europa. Logo, temos dúas realidades delicadas que intentamos resolver. No caso de Barreras, atopámonos cun conflito accionarial que os propietarios teñen que solucionar. Tanto Pemex, como García Costas e Albacora deben acadar un acordo para determinar quen e como vai xestionar o estaleiro para poder construír o cruceiro de The Ritz-Carlton, os buques de Havila e o de Armas e dar continuidade á actividade. Precisamos un socio industrial e, a partir de aí, trataríase de aliñar tódalas partes para estruturar dende o punto de vista financeiro a construción do cruceiro. Hai unha desviación sobre o custo contratado, que fora de 250 millóns. Ese desvío hai que financialo e estruturalo dende o punto de vista do ‘tax lease’. 

Parece que hai interese en Vulcano...

Efectivamente. O administrador concursal e a Autoridade Portuaria de Vigo teñen que dar respostas para que un proxecto destas características se poida desenvolver. Estamos na liquidación e pódense presentar ofertas. Iso significa a compra da unidade produtiva e que a Autoridade Portuaria permita ampliar a concesión máis alá do 2027. Se se dan estes dous supostos, poderemos atopar unha solución.

"Imos incorporar a muller a oficios como a soldadura"
Ence está pendente da resolución da Audiencia Nacional sobre a prórroga da súa concesión ata o 2073. A batalla xa se pode dar por perdida?

Entendo que non. Entendo que a empresa traballa dende o punto de vista xudicial para defender o que é xusto. O Goberno concedeulle unha ampliación condicionada a uns investimentos que está facendo. Parece axustado a Dereito e, sobre todo, parece xusto que o Goberno asuma os seus propios actos. Non parece razoable que o primeiro que faga o Goberno de Sánchez ao chegar á Moncloa sexa paralizar e intentar pechar Ence. Dende o punto de vista da vertebración económica e social, en Galicia Ence é moito máis que Pontevedra. É todo un sector forestal vencellado á actividade da planta. Seguiremos apoiando que Ence poida manterse na súa instalación actual, pero dependemos da resolución xudicial. 

Francisco CondeCales van ser as prioridades da consellería no orzamento de 2020?

Van centrarse sobre todo na innovación e a formación. Seguiremos impulsando unha nova cultura da innovación, coa colaboración entre os centros tecnolóxicos, as universidades e o tecido produtivo. E sobre todo, consolidaremos novos sectores de alta intensidade tecnolóxica. Falo do aeronáutico, co desenvolvemento do Polo Aeroespacial de Galicia, onde Rozas é o corazón que está permeabilizando 30 proxectos de I+D, con máis de 500 empregos, e sobre todo, cun obxectivo de industrializar esas iniciativas. Por iso estamos desenvolvendo o novo parque empresarial dentro do aeródromo de Rozas. Tamén daremos continuidade aos sectores máis competitivos, como a automoción. Seguiremos colaborando no desenvolvemento do coche do futuro, un coche autónomo, conectado e eléctrico. No eido da formación, temos que seguir consolidando o noso mercado laboral con máis habilidades tecnolóxicas para responder ás necesidades das empresas. Hai dous programas novos para dous colectivos prioritarios. No caso dos mozos, desenvolveremos obradoiros duais que van permitir unha formación durante 12 meses con prácticas en empresas. Tamén impulsaremos un novo programa, que se chamará ‘Técnica’, para favorecer a incorporación da muller a sectores nos que non son habituais, como a soldadura.

Ve as empresas galegas preparadas para a saída do Reino Unido da UE?

Si. Demostraron que teñen capacidade para posicionarse nos mercados. Unha saída ordenada do Brexit vai pór as nosas exportacións nunha situación similar á doutros países. Galicia ten o 7% do total de exportacións en España, cando nos correspondería un peso inferior por poboación. Os empresarios están diversificando as áreas xeográficas ás que exportan. Nese senso, somos optimistas. Ademais, temos medidas de acompañamento ao tecido produtivo máis pequeno para que poida facer un diagnóstico e tomar medidas para poder paliar o Brexit.

Vai entrar en funcionamento este ano toda a potencia eólica asignada na subasta de 2017 ou hai algún proxecto con atraso que leve a executar os avais que esixira o Goberno central aos promotores?

Neste momento, estamos en disposición de poñer en funcionamento 480 megavatios en 20 parques eólicos. É un esforzo sen precedentes nun curto período de tempo. Para iso destinamos recursos para a tramitación administrativa, modificamos a lei para garantir que esa tramitación se executase con garantías pero en menores prazos. Galicia vai ter máis de 4.000 megavatios eólicos funcionando, sobre un total de 8.000. Temos un sector moi competitivo e con moito coñecemento e experiencia. A maioría dos parques estanse desenvolvendo na provincia de Lugo, que lidera a recuperación do sector eólico. A situación a 31 de decembro deste ano vai ser un punto e seguido.  

A desaceleración e a falta dun calendario de subastas pon en risco as proxeccións de desenvolver en Galicia entre 450 e 500 megavatios novos ao ano de aquí a 2030?

A clave é que haxa garantías e seguridade xurídica dende o punto de vista das subastas que poida promover o Goberno. A partir de aí, o sector eólico galego está preparado para atender eses proxectos. Precisamos un contexto de certeza política para que se desenvolvan os investimentos. 

 

"Síntome parte dun equipo sólido; pero penso no presente"
Ante un escritorio que dá fe da extensa carga de traballo que afronta nuns tempos que volven estar revoltos, Conde amósase cauto cando lle preguntan polo futuro. Cando tomou o relevo de Javier Guerra hai sete anos, no peor da crise, este exprofesor da Universidade CEU San Pablo xa levaba varios anos traballando man a man con Alberto Núñz Feijóo como asesor.

No outono de 2020 volveremos ás urnas. Se O PP logra seguir á fronte do Goberno galego por outros catro anos, seguiría véndose como conselleiro ou ten outras aspiracións políticas?

É unha boa pregunta para rematar. [Risas] Estamos centrados nesta lexislatura e entendemos que é moi importante porque está permitindo consolidar moitos proxectos que o presidente Feijóo lanzou durante estes últimos anos. Este conselleiro está centrado única e exclusivamente en alcanzar os obxectivos que nos
marcamos nesta lexislatura. 

Pero síntese cómodo no cargo máis aló do complexo escenario económico co que está lidiando?

Síntome parte dun equipo liderado polo presidente Feijóo, un equipo moi sólido e moi solvente, que está traballando cunha soa voz e, polo tanto, cun mesmo obxectivo, que é mellorar a Galicia do ano 2020. Creo que todos estamos centrados nesa meta. O futuro depararanos todo tipo de proxectos, pero agora non toca pensar no futuro, senón no presente. 

É vostede dos que anima ao presidente Feijóo a optar a unha cuarta maioría absoluta?

O presidente está igualmente centrado en culminar unha terceira lexislatura na que está consolidando este proxecto. Sabe perfectamente que ten que tomar unha decisión e non teña ningunha dúbida de que será en beneficio de Galicia. Pero iso correspóndelle ao presidente. 

Conde: "A industria e a enerxía en Galicia están en situación de...
Comentarios