Díaz Barreiros, novo presidente da CEG

O empresario ourensán chegou a un acordo antes da votación co outro aspirante, o vigués Pedro Rey
Díaz Barreiros. EP
photo_camera Díaz Barreiros. EP

O empresario ourensán José Manuel Díaz Barreiros é o novo presidente da confederación de empresarios de Galicia (CEG) após chegar a un acordo co outro aspirante, Pedro Rey, xusto antes de que se producise a votación presencial, de modo que o vigués retirou a súa candidatura. 

Díaz Barreiros, que é director da xestoría Marcelino Díaz, era o candidato avalado pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Mentres, o seu rival, o vigués Pedro Rey, do mundo das empresas de formación, o era a proposta de Cecap Galicia (Federación Galega de Empresas de Formación) e da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP). 

Aínda que a asemblea electoral chegou a constituírse de forma mixta, con parte telemática e parte presencial, esta última non chegou a producirse, pois o acordo produciuse in extremis, ao redor das 11.55 horas e a votación en persona estaba prevista a partir das 12.00 horas, segundo informan fontes da CEG consultadas por Europa Press. 

Así as cousas, José Manuel Díaz Barreiros é quen se porá á fronte dunha organización que leva anos sumida nunha crise interna e enfrontamentos. Após as dimisións dos seus últimos presidentes, Antonio Dieter Moure e Antón Arias, o coruñés Antonio Fontenla exerceu como portavoz durante os últimos case tres anos.

VICEPRESIDENTE CON PÉREZ CANAL. Empresario do sector de servizos de asesoría, correduría e xestoría, Díaz Barreiros pertence desde hai anos ao comité executivo e á xunta directiva da CEG. 

Foi vicepresidente da CEO co anterior presidente desta entidade, o falecido José Manuel Pérez Canal (quen perdeu unhas eleccións contra Dieter Moure), e é tamén membro doutras asociacións empresariais de ámbito provincial e galego. 

Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, Díaz Barreiros é tamén máster en asesoría xurídica de empresas e máster en dirección de asesoría fiscal de empresas polo Instituto de Empresa de Madrid (IE). 

Entre a súa bagaxe profesional destaca a faceta de xestor administrativo e procurador dos tribunais e corredor e perito xudicial de seguros. 

Comentarios