A economía medrou un 4% no segundo trimestre do ano

No segundo trimestre do ano, a economía española medrou nun 4%, unha décima menos ca no trimestre anterior. Así o indican os datos de Contabilidade Nacional Trimestral publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O Ministerio de Economía cualifica as cifras de "moi positivas", xa que se traducen nun crecemento económico equilibrado en canto á súa composición. Así mesmo, a formación bruta de capital fixo mantén o seu crecemento, grazas ó bo comportamento das inversións en bens de equipo.

No relativo ó gasto en consumo, continúa cunha suave desaceleración por mor da diminución da demanda nacional, que aportou ó crecemento interanual do PIB ata 4,9 puntos porcentuais no segundo trimestre do 2007, unha décima menos ca no trimestre anterior.

En termos xerais, a economía española medra por enriba das economías da Unión Europea. Ademais, no conxunto do estado, obsérvase tamén un comportamento favorable das exportacións, que aumentan máis cás importacións.

Emprego
O emprego medra a taxas do 3,2% anual. Esta cifra equivale á creación de 590.800 empregos a tempo completo no ano, e 204.600 no último trimestre.

Analizando os datos por sectores, destaca o bo comportamento do sector servizos, cuxa taxa de crecemento pasa do 3,4% dos tres meses anteriores ó 3,6% deste. A construción medra unha décima, ata o 7,7%. E, finalmente, a agricultura e a industria perden emprego, cunha caída do 3,2 e do 0,3%, respectivamente.

Comentarios