Eduardo Baamonde: "Móvenos dar servizo ao ao rural; o Goberno debera telo en conta"

O enxeñeiro agrónomo vilalbés preside desde 2016 Cajamar, a primeira cooperativa de crédito española con 3,6 millóns de clientes, 1,6 millóns de socios e especializada no agroalimentario. Coa apertura dunha sucursal en Pontevedra hai uns días, o grupo dá por culminado o seu plan de expansión en Galicia ao ter presenza nas principais cidades
Eduardo Baamonde Noche. CAJAMAR
photo_camera Eduardo Baamonde Noche. CAJAMAR

Bo coñecedor das potencialidades e eivas do sector agroalimentario, o presidente de Cajamar, o vilalbés Eduardo Baamonde, repasa  desde Madrid os plans de crecemento da cooperativa de crédito, que estende polo norte de España a súa rede, integrada por 1.025 oficinas e axencias en 47 provincias. Á fronte da novena entidade máis significativa do sistema financeiro español, cun volume de negocio de 97.000 millóns, Baamonde chama ao Goberno a ter en conta o "esforzo por manter o servizo" en poboacións pequenas que fan algunhas entidades á hora de idear novos gravames.

Cajamar abriu en Pontevedra a súa séptima oficina en Galicia. Agora que están nas cidades, cales serán os seguintes pasos?
Esta é a culminación do programa de expansión en Galicia. Xa tiñamos tres oficinas na Coruña, en Ferrol e Ourense e decidimos seguir ampliando a nosa rede. Santiago foi a seguinte, logo Lugo, Vigo e, agora, Pontevedra. Con iso rematamos unha expansión que tiñamos moi pensada para cubrir toda a comunidade. Somos unha caixa rural froito da fusión de máis de 40 entidades de carácter local, provincial e autonómico, pero con moita máis rede no sureste do país: en Almería,  Málaga, Murcia ou Valencia. Quedábanos por ampliar a nosa rede comercial na cornixa cantábrica, Galicia e Extremadura. 

É difícil captar clientes nunha comunidade cunha entidade herdeira das caixas de aforro que ten unha cota de mercado moi ampla?Xa levamos anos en Galicia, pero os propios clientes pedíannos proximidade, por iso intentamos cubrir Lugo, Vigo, Pontevedra e Santiago. Hai entidades moi arraigadas en Galicia, Abanca é unha delas ou a Caixa Rural Galega. Logo hai outras que foron absorbidas. En termos xerais, o cliente galego é moi fiel á súa banca, pero tamén é certo que nós temos un tipo de banca moi de proximidade física e emocional e moi especializada no agroalimentario. Evidentemente, temos que medrar e captar máis clientes, pero xa tiñamos unha rede importante. Esixían unha proximidade física que non tiñamos sobre todo no sur de Galicia, unha zona que se tiña que cubrir desde Ourense e incluso  desde fóra de Galicia. Agora xa temos cubertos os catro puntos cardinais, polo que temos a posibilidade de captar novos clientes, sobre todo nos eidos nos que estamos máis especializados, coma o agroalimentario. 

Os socios da nosa cooperativa de crédito non esixen dividendos, senón servizos, proximidade permanencia e confianza

Que distingue o modelo de negocio das cooperativas de crédito do da banca convencional?
A distinción fundamental é a composición da súa base accionarial. Cajamar ten 1,6 millóns de socios que son, na súa inmensa maioría, pequenos accionistas. A meirande parte son agricultores, gandeiros, cooperativas ou empresas agroalimentarias que non nos esixen dividendos, senón servizos, confianza, proximidade, complicidade e permanencia. Esa é unha das cousas que nos fan abrir oficinas. Tiñamos xa socios en Galicia e o que pedían era esa proximidade. A diferenza fundamental dunha cooperativa de crédito é que os socios están connosco para que se lles dea un servizo que terían complicado recibir doutras entidades. 

O novo imposto temporal á banca que gravará ao 4,8% a marxe de intereses e as comisións que cobra o sector inicia a súa tramitación parlamentaria. Que efectos terá?
Mentres non teñamos a letra pequena é moi difícil identificar o impacto. Pero penso que se debera ter en conta que unha coooperativa de crédito como a nosa ten un terzo das oficinas en poboacións con menos de 5.000 habitantes e fai un grande esforzo por manter o servizo en poboacións nas que, en moitos casos, somos a única entidade que queda. Os lexisladores deberan darse conta de que o modelo financeiro en España é moi diverso. O factor fundamental que nos diferencia do resto é que a rendibildiade non é o factor fundamental para as cooperativas de crédito. Obviamente, temos que ter unha rendibilidade mínima para ter solvencia, pero o que nos move é dar un servizo ao mundo rural e ao agroalimentario. Esa misión é hoxe máis importante que nunca cando unha parte importante do sector pecha oficinas. 

É absolutamente normal que se volva pagar polos depósitos. Debe haber un estímulo para que a xente aforre

As subidas de tipos que está aplicando o BCE para conter a inflación fan temer un aumento da morosidade?
Os tipos de xuro negativos ou en niveis tan baixos eran realmente extraordinarios, froito do contexto pandémico e da necesidade de inxectar liquidez no sistema. Era lóxico que a situación se tivera que ir normalizando. Agora temos, ademais, unha situación de inflación. E o que fai o BCE é aplicar un incremento dos tipos, posiblemente a un ritmo maior do que cabía esperar, co obxectivo de corrixir unha inflación que non é boa. Entendo que os tipos de xuro deberan subir dunha forma moderada para evitar un impacto negativo sobre todo nos investimentos, que son o motor da economía. En canto a que vaia haber unha maior morosidade, de momento non a vimos notando.Ao contrario, segue a reducirse. 

Cando volverá ser atractivo ter un depósito bancario?
Pouco a pouco, na medida en que suban os tipos de xuro para os créditos terán que subir para os depósitos. É absolutamente normal pagar polos depósitos, porque debe haber un estímulo para que a xente aforre. A situación vaise normalizando pouco a pouco.  

Despois de anos percorrendo medio mundo, sigo mantendo as miñas raíces en Vilalba

Vostede e a súa familia son de Vilalba. Despois de tantos anos fóra, manteñen vivo o vínculo coa comarca chairega? 
Claro! De feito, apuramos as vacacións ata o San Ramón, que é o 31 de agosto. Temos moitos vínculos con Vilalba. É a miña vila a pesar de que marchei moi novo. Con 18 anos fun estudar fóra; logo estiven vivindo oito anos en Bruxelas e agora levo dende o 2000 en Madrid. Viaxando e percorrendo medio mundo sigo mantendo as miñas raíces galaicas. Paso boa parte do meu tempo libre entre Vilalba e Viveiro, onde vive a miña sogra. A miña muller e máis eu estamos orgullosos de terlle transmitido ese apego aos nosos fillos. 

Enxeñeiro agrónomo de formación, dirixiu a Confederación Europea de Cooperativas Agrarias e Cooperativas Agroalimentarias de España. Como ve a saúde do sector agrario galego?
Experimentou unha reconversión pola que se produce máis con menos agricultores e gandeiros. Este proceso foi especialmente acusado no leite, con Galicia cun terzo da produción de España. O sector gandeiro galego profesionalizouse dunha forma extraordinaria. Cando estou por Vilalba, Viveiro ou Monterroso, onde a miña muller ten familia, doume conta de que onde hai actividade agroalimentaria forte —e inclúo a pesqueira— hai xente nova e relevo xeracional. 
 

Comentarios