Os emprendedores galegos resisten nun contexto de incerteza

O Informe Executivo GEM Galicia 2020-2021 amosa que as mulleres manteñen un impulso emprendedor superior ao masculino
Inauguración do acto de presentación do informe. EP
photo_camera Inauguración do acto de presentación do informe. EP

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Universitario de Lugo acolleu a presentación do Informe Executivo GEM Galicia 2020-2021 que fai un seguimento da actividade emprendedora na nosa comunidade autónoma.

Na sesión inaugural participaron o Director do Igape, Fernando Guldrís; a tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Ana Mª González Abelleira; o Deputado Provincial de Promoción Económica e Social,  Pablo Rivera Capón; o Adxunto á Vicerreitoría de  Coordinación do Campus de Lugo, Jesús Varela Zapata; e a Directora do Grupo GEM Galicia, Loreto Fernández, ámbolos dous da Universidade de Santiago de Compostela.

O estudo, realizado a partir de datos recollidos en setembro  de  2020, mostra a crise do covid-19  provocou un lixeiro  parón da actividade emprendedora, situándose a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) en Galicia en 2020 nun 4,3%, mantendo as mulleres, como xa sucedera en anos anteriores, un impulso emprendedor (5%) superior ó masculino (3,5%). Compre destacar a resiliencia dos  emprendedores, posto que un 7% da poboación mostraba intención de emprender nos próximos anos. Estes datos, obtidos nun momento de total incerteza, permiten ser optimistas no proceso de  recuperación da actividade emprendedora en 2021, mensaxe que trasladou a directora técnica do proxecto GEM, Isabel Neira, na presentación de resultados.

O estudo identifica tamén o perfil da persoa emprendedora en Galicia. A idade media sitúase en torno aos 40 anos, aumenta a porcentaxe  que  posúe  estudos  de  formación profesional e  superiores (o 43% dos emprendedores e o 39% no caso das emprendedoras), e nas iniciativas nacentes tamén destaca a porcentaxe dos emprendedores/as con estudos de posgrao (un 28%).

As persoas emprendedoras presentan grandes doses de iniciativa e inquietude. Un 15% esperan xerar emprego en plena  pandemia,  momentos nos que a metade da actividade estaba paralizada, e o 19% das súas iniciativas presentan un marcado carácter innovador.

Un dos cambios mais importantes neste ano tan singular, son as motivacións que lles levaron a emprender. Sete de cada dez iniciativas indican que a falta de oportunidades no mercado de traballo é unha das motivacións para desenvolver o seu proxecto, descendendo de modo considerable aquelas que nacen coa idea de marcar unha diferenza no mundo, dende o 35% en 2019 ata ó 21% en 2020; a tradición familiar, que motiva a un 28% dos emprendedores, segue a ser un dos motores das iniciativas.

O impacto do covid supuxo para as iniciativas emprendedoras unha importante diminución de ingresos (no 58% dos casos), máis dificultades na creación de empresas e dun xeito máis acusado nas de menos idade (76%), un empeoramento das súas expectativas. O fenómeno emprendedor pode resumirse en ver oportunidades onde outros ven problemas, de aí que o 34% dos propietarios de empresas xa consolidadas vexan oportunidades na crise do covid.

Os emprendedores galegos son, en xeral, persoas que declaran ter habilidades e coñecementos para emprender. Neste sentido Galicia se atopa por riba da media doutros países. Máis da metade manifestaban a súa intención de seguir xerando emprego, e ao redor dun 20% puxo en marcha innovacións en produtos e servizos, e 15% no caso de innovación en procesos. Sen embargo, o medo a fracasar e a percepción de poucas oportunidades para emprender continúan a ser os principais freos a actividade emprendedora, aínda que de xeito menos acusado entre as persoas emprendedoras.

Entre a poboación en xeral, o medo ao fracaso é dun 65%, mentres que entre as persoas emprendedoras baixa ao 52%; no que respecta á percepción de oportunidades para emprender, o 17% da poboación percibe oportunidades, mentres que entre os/as que xa emprenderon sube ao 19%.

Ademais, este índice é mais acusado no caso das mulleres, que perciben mais dificultades, aínda que, finalmente, alcanzan as mesmas ou superiores taxas de emprendemento. Nestes dous aspectos Galicia en particular, e o conxunto de España en xeral continúan lonxe da media da UE (47% en medo ó fracaso e 40% en percepción de oportunidades).

Estes problemas estruturais da nosa sociedade non impiden que vaiamos aprendendo leccións. Deste xeito as iniciativas galegas en 2020 continúan a aumentar o seu nivel tecnolóxico e avanzan no seu grao de internacionalización (pasando do 8% en 2019 ao 15% en 2020).

Pola súa parte, os expertos consultados en GEM propoñen apoiar esta infraestrutura comercial, con programas de apoio gobernamentais que axuden a mellorar a educación emprendedora e reducir a carga administrativa e burocrática á hora de emprender.

Mesa redonda sobre emprendemento no sector agroalimentario

Ao remate da presentación de resultados do Informe GEM Galicia 2020-2021 tivo lugar a mesa redonda baixo o título Emprendemento sostible no sector agroalimentario,  moderada polo Decano da Fac. de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, Roberto Bande Ramudo, e na que participaron representantes das empresas Innolact-Quescrem, Himikode e Unirisco.