''En dificultad económica es fundamental añadir fiabilidad a las cuentas públicas''

Presentou a primeiros de mes os informes resultado da fiscalización das contas públicas galegas do ano 2007, cunha serie de recomendacións que, como "propostas de mellora da xestión", poden ser "pinceladas" para a complexa fórmula que teñen que aplicar as administracións para afrontar a crise, sabendo que "non hai receitas máxicas". Conselleiro maior do Consello de Contas desde hai case tres anos, Antonio López Díaz subliña tamén o valor deses traballos como probas de que "as contas están auditadas" e de que "o que está aí é real", nuns tempos nos que --di-- "o control adquire un papel máis relevante aínda".

Pregunta:
O informe do 2007 é bastante demoledor en varios apartados: no que respecta ás peonadas, ás confrarías ou á morosidade dos concellos, algúns dos cales nin sequera chegan a render contas.

Resposta: Os informes sempre reflicten nas conclusións as cousas que non están ben. Son demoledores? Iso xa depende de cómo o enfoque cada un. Nós poñemos de manifesto circunstancias que non funcionan, pero moitas outras cousas funcionan con normalidade. En calquera caso, sempre podemos facer a lectura de que calquera xestión pública é mellorable.

P: Algo positivo para contrarrestar a sensación negativa?

R:
Fronte á imaxe que se pode trasladar, as contas están fiscalizadas, controladas. Pode haber comportamentos anómalos, que os hai, pero existe control interno, externo --como é o noso-- e parlamentario. Como elementos positivos, hai a sensación de que se van incorporando recomendacións que facemos, aínda que deberan ser máis. Ademais, o número de concellos que non renden contas vaise reducindo.

P: As propostas de Contas poden servirlles ás administracións para afrontar a crise?

R: Si. En calquera caso, son propostas de mellora da xestión pública no seu conxunto e moitas teñen que ver directamente, se non coa crise en si, coa xestión financeira. Todo pode ter algunha trascendencia para saír disto. Ás veces modificando ou mellorando aspectos de contabilidade, de xestión patrimonial, etc. estás axudando a dar maior transparencia, e iso axuda tamén a saír da crise.

Recomendacións sen decisións
P:
Sería necesario que o Consello de Contas dispuxese dalgún mecanismo para presionar e lograr que se atendan as súas recomendacións?

R: Nós facemos recomendacións, e a quen lles corresponde tomar as decisións é aos xestores públicos. Non digo que sexan precisos máis elementos coercitivos. Nos informes pasamos revista ás recomendacións anteriores, e agora imos facer un traballo xeral de seguimento das propostas de catro ou cinco anos, para ver en qué medida se implantaron ou non e por qué.

P: No último informe recoméndaselles aos concellos que tomen medidas para solucionar a súa "grave" morosidade. Agora a situación aínda debe de ser moito peor.

R: É previsible que empeorase desde o 2007. Podemos recomendar cousas, pero moitas están condicionadas en gran medida a que se consiga unha situación financeira máis razoable para os concellos, temas de períodos de pago, etc. A mellor receita é que mellore a situación financeira. Mentres non o faga o demais vai ser difícil.

P: En todo caso, algún consello?

R:
Hai as recomendacións xenéricas, de render, de aprobar os presupostos en prazo... A marxe que teñen os concellos é limitada. Ben é certo que nos nosos informes reflectimos sempre que os concellos galegos se atopan cun elemento diferencial aos do resto de España, por exemplo en presión fiscal, que en xeral aquí é máis baixa. Pero, aínda que se pode facer unha suxerencia para tratar de equiparala, ao mellor este non é o momento máis axeitado. Son pinceladas que se dan, sabendo que non hai receitas máxicas.

P: E a opción das fusións, ou de impulsar formas de cooperación?

R:
Sobre todo en situacións de dificultades económicas, parece que o esquema da organización local actual presenta feblezas. Hai un número moi alto de concellos, moita diversidade, moitos con pouca poboación... Non lle toca dicir a Contas cómo se debe solucionar iso, pero coincidiremos todos en que hai que tratar de atopar unha solución sostible, económica, política e estruturalmente.

P:
As dificultades económicas farán que os concellos teñan máis problemas para render contas?

R: Seguramente a crise non axuda, pero en principio non debería ter unha influencia moi directa na rendición. A conta é a foto da xestión económica, e a foto pode saír ben ou mal, pero é a foto. Hai outros factores que tradicionalmente inciden máis na rendición das contas, como a estabilidade política nos concellos --porque a conta hai que aprobala--, as modificación de normas, o feito de que haxa eleccións, etc.

Baixa eficacia dos fondos europeos
P:
Noutro dos informes que vén de presentar advírtese da baixa eficacia do uso dos fondos europeos e recoméndase maior control. Non se aproveitaron todo o ben que debería?

R: Iso non o podo dicir porque non teño ningunha evidencia. Que se poderían investir doutra maneira? Poderían, pero é moi difícil medir o impacto último que tiveron os fondos, aínda que sería moi interesante. Ata agora o que fixemos foi unha comprobación financeira, e estamos traballando nun informe para avaliar a aplicación material deses fondos, para saber se os proxectos se fixeron, se foi como estaba previsto, se seguen destinados ao fin proxectado.

P:
Tendo en conta que os informes se presentan varios anos despois do período que analizan, seguen sendo válidos?

R: Non serven como fonte de información inmediata, pero son perfectamente válidos nas propostas de mellora. Sen prexuízo diso, asumimos que debemos achegarnos o máximo posible ao período fiscalizado. Se, como queremos, presentamos antes de final de ano o informe do 2008, estariamos practicamente poñéndonos en prazo.

P: Queda moito fóra do control de Contas? O Parlamento, por exemplo, non pasa pola súa fiscalización.

R: A Cámara réndenos a conta, pero non a fiscalizamos. Igual que ninguén nos fiscaliza a nós, aínda que temos un control interno. Poderíase facer sen ningún problema, e é un debate que está aberto. Máis aló diso, pola dimensión do sector público non podemos fiscalizar todos os entes todos os anos. Vaise facendo de forma selectiva, de modo que pouco a pouco vaiamos pasando por tódolos órganos.

P: É agora máis necesaria ca nunca a fiscalización das contas públicas?

R: Indubidablemente. Sempre é necesario, pero en situacións de especial dificultade económica o control adquire un papel máis relevante aínda. Pódese pensar que como imos a posteriori non engadimos nada, pero si que o facemos. Un elemento fundamental nesta situación é engadir fiabilidade e confianza nas contas; as contas están aí, están auditadas, verificadas. O que está aí é real.

P: Non obstante, neste tempo de recortes hai quen pon en cuestión a necesidade de que haxa un ente de fiscalización en cada comunidade.

R: Desde o punto de vista do control, é indubidable. Levan feito un traballo espectacular, e o Tribunal de Cuentas como único órgano de control non podería chegar a ese nivel de fiscalización. Ademais, comparativamente, o custo de funcionamento destes entes no conxunto do gasto público autonómico non é demasiado relevante. Nun momento de recortes pódense facer esas valoracións, pero sen ningunha dúbida apostaría por continuar co labor destes órganos, máis alá de que en casos como Galicia está establecido no Estatuto, co cal pensar en que Contas non funcionase sería unha hipótese de dubidosa legalidade.

P:
Nos últimos meses saíron á luz varios casos de suposta corrupción a nivel local dos tempos das ‘vacas gordas’, a maioría ligados ao ladrillo. A crise pode servir para facer unha especie de depuración?

R: Ás crises hai que tratar de verlles tamén o lado positivo, e ás veces son unha grande oportunidade para tomar decisións que noutro escenario non se tomarían, ou serían moito máis difíciles. Hai que facer da necesidade virtude e aproveitar iso para mellorar e tomar decisións. En relación aos feitos que aparecen, gústame dicir sempre que hai control e rigor, pero o control e a fiscalización non poden garantir que non haxa algunha conduta ilegal, como desgrazadamente sabemos que hai.

P:
Segue aberto o cruce de acusacións sobre a suposta trama agraria. Sería unha boa opción que Contas fiscalizase as subvencións para a promoción do emprego, como plantexou o PSdeG?

R:
Nós elaboramos cada ano un plan de traballo no que o Parlamento pode facer peticións de actuacións fiscalizadoras, e na medida en que temos posibilidades incluímolas todas. Polo tanto, se viñese unha petición canalizada desde a Cámara tratariamos de darlle cumprimento. E, sen que haxa petición, se o Consello de Contas entende que é procedente levar a cabo unha fiscalización seguramente a fará. Á marxe diso, aquí sempre se lle presta moita atención ao tema das subvencións e vénse fiscalizando con certa frecuencia. O ano pasado fíxose coas de federacións e clubs deportivos.

Comentarios