Fernández Gayoso comparece este martes ante a comisión do Congreso que investiga a crise

KPMG, encargada do informe que avalou a fusión, será primeira consultora que comparece ante a comisión do Congreso que investiga a crise

Julio Fernández Gayoso. EP
photo_camera Julio Fernández Gayoso. EP

A comisión que investiga no Congreso a crise financeira abordará este martes a fusión de Caixa Galicia e Caixanova e o seu posterior rescate nunha sesión na que comparecerá o expresidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso.

Ademais, a sesión do martes será a primeira na que un representante de firmas auditoras compareza ante esta comisión. Farao Francisco Gibert, consultor de KPMG, compañía encargada de elaborar o informe que avalou a fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

A comisión que investiga o rescate bancario e a quebra das caixas de aforro abordará a situación das caixas galegas fusionadas a finais de 2010 e que, após a súa conversión en banco, tivo que ser rescatada polo FROB menos dun ano despois do seu nacemento.

Gibert foi chamado a comparecer en relación co informe encargado a KPMG para avaliar a viabilidade dunha posible fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, nunha sesión na que se analizará a constitución e posterior rescate da entidade galega.

Así, despois de Gibert, que renderá explicacións a partir das 9.30 horas, ofrecerá explicacións o expresidente de Novacaixa Galicia Julio Fernández Gayoso, a partir das 12 horas.

Ademais, tamén está previsto que comparezan este mércores, a partir das 16 horas, o conselleiro delegado de Liberbank, Manuel Menéndez Menéndez, e o que fora conselleiro de Economía e Facenda da Generalitat Valenciana Gerardo Camps, agora deputado do PP no Congreso.

Comentarios