Galicia consolida a economía social con proxectos que priman a innovación

Trátase dun sector que está crecendo polos valores sociais nos que se basea, xa que as persoas son o seu foco de atención ▶A Comunidade conta con máis de 1.300 cooperativas, o que supón un crecemento do 3,6% no último ano

O activador de bacterias é o proxecto estrela de Bioprana World, unha das empresas seleccionadas para a nova aceleradora que promove a Xunta. CEDIDA
photo_camera O activador de bacterias é o proxecto estrela de Bioprana World, unha das empresas seleccionadas para a nova aceleradora que promove a Xunta. CEDIDA

A economía social ou economía solidaria -que se basea na organización de manera asociada e cooperativa da produción, distribución, circulación e consumo de bens e servizos- é un sector en auxe en Galicia. E a Administración autonómica pretende dar este ano un pulo ao que tamén se denomina terceiro sector.

En concreto, a Xunta destinará neste 2019 máis de 20 millóns de euros en programas que permitan o impulso da economía social, especialmente a través de tres programas de axudas. Trátase de Aprol Economía Social, Rede Eusumo e apoio ás entidades asociativas, cos que se prevé beneficiar a máis de 130 entidades e 3.150 persoas.

Ademais, a Administración autonómica poñerá en marcha dúas iniciativas, os Premios á Cooperación e o Certame de Cooperativismo no Ensino, cos que busca promover os valores cooperativos entre o alumnado de ensinanzas non universitarias e recoñecer o labor das cooperativas, que no 2018 alcanzaron o número de 1.341 en Galicia, un 3,6% máis que no ano anterior.

Aprol Economía Social
Este programa prevé beneficiar a 60 entidades para que amplíen socios e a 150 persoas para atopar un emprego

APROL. No caso do programa Aprol Economía Social, recibirá dous millóns de euros (cun incremento do 15% co respecto ao pasado ano), aínda que se contempla a posibilidade de aumentar esta cantidade se fora necesario, a fin de atender o maior número de solicitudes posibles. Este plan céntrase en prestar apoio ao emprendemento colectivo incentivando ás cooperativas e ás sociedades laborais para que incorporen novos socios, e apoiando ás persoas desempregadas para que traballen con carácter indefinido neste tipo de entidades.

Co citado investimento, prevese beneficiar a 60 entidades para que amplíen o número de socios e a 150 persoas para que atopen un emprego. Hai que subliñar que na convocatoria anterior contratáronse a 225 persoas e apoiouse a incorporación de novos socios en 107 organizacións. O prazo para presentar as solicitudes para este programa está aberto e remata o 1 de outubro.

A contía destas axudas é de 12.000 euros, unha cantidade que se incrementará nun 25% (1.500 euros) para os maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou persoas trans. Así, o apoio máximo pode alcanzar os 16.500 euros por beneficiario e, no caso da incorporación de desempregados, establécese un máximo por entidade de 67.500 euros.

Rede Eusumo
O asesoramento e formación desta iniciativa beneficiará neste 2019 a 65 entidades e arredor de 3.000 persoas

REDE EUSUMO. No que se refire á Rede Eusumo, este programa está dirixido ao asesoramento, formación e investigación a través desta rede, unha iniciativa que o Goberno galego creou no ano 2012 para impulsar o cooperativismo e a economía social promovendo o seu desenvolvemento no eido local. Ao longo dos dous próximos anos destinaranse a este obxectivo 760.000 euros, sendo a contía máxima que se concederá de 170.000 euros.

A previsión é beneficiar a 65 entidades e 3.000 persoas e poden solicitar a axuda asociacións de entidades de economía social, os concellos, áreas metropolitanas, mancomunidades e consorcios locais, as cámaras de comercio, as universidades e as fundacións, asociacións e organizacións profesionais, sindicais e empresariais.

Nos criterios de avaliación, este ano refórzanse os parámetros de innovación e calidade das actividades propostas.

Na actualidade, a Rede Eusumo conta con 206 entidades adheridas entre as que destacan 149 concellos. A través do asesoramento que ofrece, creáronse en Galicia 142 entidades de economía social que xeraron preto de 530 empregos directos.

Axudas
A Xunta apoiará este ano con 290.000 euros ás organizacións máis representativas de economía social

Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará este ano con 290.000 euros ás organizacións máis representativas das entidades que forman parte da economía social, procurando un axeitado desenvolvemento destas estruturas e favorecendo a súa consolidación. Este ano inclúese como criterio de valoración ter persoal contratado con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. O prazo de presentación de solicitudes está aberto e remata o 7 de marzo.

PREMIOS. Por outra banda, os Premios á Cooperación inclúen tres categorías: a mellor cooperativa nova, a mellor traxectoria cooperativa e o premio aos valores cooperativos que se outorga á cooperativa galega que máis teña destacado no impulso destes principios. Cada un destes galardóns está dotado con 5.000 euros.

No que se refire ao Certame de Cooperativismo no Ensino, conta con tres modalidades: actividades artísticas (dirixido ao alumnos de Educación Infantil e Primaria, dotado con catro premios de 2.500 euros e catro accésits de 1.500 euros cada un); actividades cooperativizadas para o alumnado de ESO (cun único galardón de 2.500 euros e un accésit de 1.500 euros) e proxectos empresariais cooperativos, para estudantes de Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial (cun premio de 4.500 euros e un accésit de 3.500). O prazo para presentar as correspondentes solicitudes remata o próximo 30 de abril.

ESTRATEXIA SECTORIAL. As cinco medidas anteriormente salientadas forman parte da Estratexia Galega de Economía Social 2021, que se vén de activar por parte da Administración autonómica.

O obxectivo desta folla de ruta é incrementar nun dez por cento as entidades de economía social, chegando ás 3.300, así como aumentar os empregos nun vinte por cento, ata os 17.500, e tamén potenciar a presenza feminina nestas entidades.

Comentarios