Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Galicia encara 2018 co reto de crear 17.500 empregos e recuperar poboación activa

Unha oficina de emprego. (AG)
Unha oficina de emprego. (AG)

Tralo acordo para subir o salario mínimo, Xunta e patronal coinciden en que cómpre que as empresas estuden mellorar as retribucións e os sindicatos urxen a limitar os contratos eventuais

Coas exportacións, o consumo e o investimento empresarial como combustible, a economía galega recobrou o perdido durante a crise e mesmo acadou xa un máximo no 2016. Malia o aumento da produción, o emprego non medra coa mesma intensidade, pois 2017 pechou con 985.448 cotizantes tras sumar 21.713 respecto a 2016. De manterse este ritmo, aínda farían falla cinco anos para que a Seguridade Social volva ao máximo de 1,09 millóns de afiliados de xullo de 2008, un obxectivo que semella complexo atendendo a un factor transcendental: a perda de poboación activa. 

Froito do envellecemento e a emigración, a comunidade ten 47.500 persoas menos traballando ou en disposición de facelo ca no 2007, a segunda peor cifra do Estado trala de Cataluña, que perdeu 61.500. 

Consciente de que "queda moito traballo por diante", a Xunta márcase o reto de crear polo menos 17.500 empregos este ano para reducir a taxa de paro ao 14%. Da súa banda, os empresarios galegos apuntan que para "reter o talento" é necesario gañar "competitividade en calidade e innovación", mentres os sindicatos apostan por unha viraxe na política económica. 


1. Medidas para porlle freo á precariedade laboral
Tras un ano no que só o 8% dos contratos asinados foron de carácter indefinido, o secretario xeral de UGT en Galicia, José Antonio Gómez, cre que é momento de que os beneficios do crecemento económico comecen a chegar aos traballadores. Por iso, chama a "desmantelar, con carácter urxente o leonino marco de relacións laborais imposto coa reforma laboral e os recortes" para apostar polo emprego "estable e digno".

A receita do líder de CC.OO., Ramón Sarmiento, comprende medidas como "penalizar a contratación temporal"; limitar o seu uso a través dos convenios; regular a fraude no emprego eventual; modificar a regulación da xornada a tempo parcial; vixiar o correcto uso dos acordos laborais de formación e dos de prácticas e fomentar o contrato de relevo para rexuvenecer os cadros de persoal. 

Do seu lado, o máximo responsable da CIG, Paulo Carril, defende "mudanzas" como a supresión da figura do traballador autónomo economicamente dependente, dado que o seu uso irregular "está medrando sobre todo nas plataformas dixitais". Vetar as cadeas de subcontratas; regular a asociación de empresas para garantir a subrrogación dos traballadores; "eliminar as empresas de traballo temporal e axencias privadas de contratación"; prohibir a duplicidade de escalas salariais e suprimir o contrato de apoio a emprendedores, que permite despedir ao traballador sen indemnización ao longo do primeiro ano, tamén están na folla de ruta da central nacionalista. 

2. As retribucións tralo pacto para subir o salario mínimo
Despois de que Goberno, patronal e os sindicatos UGT e CC.OO. pactasen subir o salario mínimo interprofesional (SMI) un 4% este ano —ata os 736 euros— e condicionaran ao crecemento do PIB e o emprego chegar aos 850 no 2020, a secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca, ve chegado o momento de que "cada empresa aborde unha análise interna" para mellorar a situación dos empregados. 

Os patróns son conscientes disto, pois o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antón Arias, asume que para que a produción das compañías siga crecendo «é necesario que os soldos e as condicións de contratación melloren». Ante unha lectura coa que se ten granxeado as críticas de moitos membros da patronal, precisa, con todo, que as subas non poden ser xeneralizadas, senón que "deben concretarse en función da realidade de cada sector".

Tanto UGT como Comisións apostan por «complementar» o pacto selado para o SMI abordando a recuperación da perda de poder adquisitivo a través da negociación colectiva. Sarmiento veo necesario para que o consumo das familias impulse o crecemento dunha economía que nos últimos anos se veu favorecida polas exportacións, uns tipos de xuro historicamente baixos e polo abaratamento do petróleo, que agora se esfuma. 

Ante unha subida salarial media que para os traballadores cubertos por convenio rondou o 1,5% ata novembro, unha porcentaxe insuficiente para cubrir a subida dos prezos (+1,8%), a CIG reivindica unha mellora dun mínimo do 3% ao ano tendo en conta o soldo medio bruto, que en Galicia é de 19.860 euros. Crítico co pacto sobre o SMI, Carril defende un salario mínimo galego "de non menos do 60% do soldo medio", uns 1.000 euros ao mes en 12 pagas, "para que non se formen bolsas de pobreza laboral". A maiores, ve "irrenunciable" incluír nos convenios "unha cláusula de garantía salarial". 

3. A xeración de emprego na industria actívase
Aínda que os servizos copan o 73% da ocupación, o balance da Seguridade Social revela que o ano pasado a industria manufactureira cobrou protagonismo ao gañar 4.591 cotizantes, co metal, a automoción e o naval como puntas de lanza. A secrataria xeral de Emprego da Xunta sostén que "non é un dato conxuntural, senón unha tendencia".

Ante a excesiva terciarización do mercado, o líder de UGT pide "unha decidida aposta por sectores que xeren alto valor engadido e emprego estable con alta cualificación".

4. Mellorar a formación
A fórmula do Goberno galego para contribuír a crear "emprego estable e de calidade" pasa por "reforzar" a formación adaptada ás empresas cun novo modelo de obradoiro "dual" para desempregados. Coa vista posta na industria 4.0, Toca tamén avanza bonos formativos para os novos contratados. En paralelo, continuarán as accións de inserción de "colectivos prioritarios" como parados de longa duración, persoas con discapacidade, mulleres e mozos. A xeración de emprego no rural tamén figura na axenda.

Galicia encara 2018 co reto de crear 17.500 empregos e recuperar...
Comentarios