O Igape busca 37 bolseiros para apoiar o salto internacional das empresas

A nova convocatoria do programa para titulados universitarios de ata 26 anos estará aberta ata o 11 de xullo. Cunha duración de once meses prorrogables, as bolsas acadan os 46.500 euros
Trabajadora en una oficina.EP
photo_camera Traballadora nunha oficina.EP

A nova convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) permanecerá aberta ata o 11 de xullo para a presentación de solicitudes, cunha dotación de 2,5 millóns de euros. En xogo están 37 bolsas cunha dotación máxima de 46.500 euros e unha duración de once meses prorrogable por outros tantos para que titulados universitarios cun máximo de 26 anos se especialicen en comercio internacional ao tempo que apoian ao empresariado galego nos seus proxectos de expansión e na mellora das súas vendas no estranxeiro. Ademais de incrementar a empregabilidade dos benerficiarios, a iniciativa impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía permitiralles completar a súa formación fóra.

Nesta ocasión, os bolseiros poderán ser destinados a Berlín, Bogotá, Chicago, Doha, Dubái, Dublín, Düsseldorf, Estambul, Estocolmo, Helsinki, Hong Kong, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, Lisboa, Londres, Miami, Milán, Nova Iorque, Oslo, Ottawa, París, Praga, Riad, Santiago de Chile, Sao Paulo, Seúl, Singapur, Tokio, Toronto ou Iakarta.

Os requisitos publicáronse no DOG do 10 de xuño e poden consultarse na web do Igape

Cal será o seu cometido? A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes de cada mercado estranxeiro, a análise de oportunidades e debilidades das actividades estratéxicas galegas no tocante á súa proxección internacional e o estudo das vías de desembarco nos diferentes países. Para todo isto, os 37 participantes contarán co apoio de titores tanto na fase que desenvolvan en Galicia como, logo, no destino asignado.

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos. Os requisitos publicáronse no DOG do 10 de xuño e poden consultarse na web do Igape.

Dende a súa activación, o plan permitiu capacitar a 400 novos titulados en materia de comercio exterior, axudando a firmas galegas en mercados coma os Estados Unidos, Filipinas, Dubái, Arxentina , Xapón, Canadá, Tailandia, Brasil, Corea do Sur, México ou Emiratos Árabes.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de Internacionalización da Xunta para que o tecido produtivo gañe competitividade nun escenario no que o comercio exterior está en niveis históricos. De xaneiro a abril, as exportacións galegas medraron un 23,5%, superando os 9.095 millóns.