José Balseiros: "Esta folga pode ser o tiro de graza para o sector primario en Galicia"

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias denunciou esta mañá que o incumprimento de servizos mínimos do transporte pode xerar a morte de animais en granxas avícolas e de coellos en tres días
José Balseiros. EFE
photo_camera José Balseiros. EFE

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, valorou  moi negativamente o impacto que está tendo o paro do sector do transporte tanto para as granxas de cría como para o sector lácteo. O responsable autonómico denunciou que, nos casos nos que non se están cumprindo os servizos mínimos en relación a este sector estase deixando ás explotacións non só ao borde do peche, senón ante a inminente morte dos animais criados.

“Todo o sector estaba xa en venda a perdas porque non se estaban cubrindo os custes de produción: nin no sector lácteo, nin no da carne, nin no agrícola en xeral. A iso súmase agora esta folga que, pode ser o tiro de graza para o sector e que, por certo, onte non respctou os servizos mínimos: o acordo incluía permitir retirar o leite das explotacións, porque non é posible conservalo e estragaríase, e tamén se acordara incluír a retirada do cereal dos portos e trasladalo á fábricas e distribución de pienso nas explotacións. Tamén iso se incumpriu onte. Como consecuencia, se nada cambia hoxe, as propias empresas deixarán de recoller leite, porque se non se poden distribuír os produtos envasados ou elaborados, non teñen capacidade nos almacéns, nos silos e nos depósitos. Ademais, tampouco se permitiu a distribución loxística, co cal en dous ou tres días teremos desabastecemento nos lineais das cadenas de supermercados, e pode que empecen a morrer animais nas granxas. Temos noticia de que no mellor dos casos contaban con alimentación para tres días polo que a cuestión se complica moito a partir de agora”, alertou.

O director xeral indicou que o conselleiro de Medio Rural pedirá esta tarde na comisión bilateral solicitada ao Ministerio de Agricultura que se atallen con medidas inmediatas non só a suba dos costes, senón os efectos da folga no sector, e que “cando se senten a negociar sexa coa condición de que se repoñan os servizos”.  A Xunta pedirá unha batería de medidas acordada previamente nunha reunión mantida este martes entre as distintas consellerías máis afectadas polo paro. 

Na cita, indica Xosé Balseiros, “pediránselle ao ministro distintas solucións que pasan por dúas básicas: por unha parte que España como estado membro da UE rebaixe o tipo impositivo dos combustibles e enerxías, ben baixando a carga impositiva ou con bonificación a pé de estacións de servizo, como xa se fai en Francia, por exemplo. E, por outra parte, que se publique un decreto de urxencia que regule os servizos mínimos e que inclúa a retirada de materia prima e a elaboración e distribución a supermrcados e explotacións, atendendo a razóns de utilidade pública, interese social e ata humanitario”, engade, para insistir en que tamén depende do Goberno central que “se lle dean instrucións ás forzas e corpos de seguridade para que actúen sobre os piquetes”.

En canto aos sectores que agora mesmo deben estar en alerta pola falta de suministros, sinala que “no sector avícola existe gran preocupación neste momento. No vacún tamén vai ser grave, pero como hai outro tipo de fontes de alimentación como silos, forraxe e herba, poderían manter a espera polos cereais. Pero para o avícola e cunícola é moi complicado. O que consumen é pienso.  Non se pode permitir que un sector tremendamente castigado leve este tiro de graza que pode supor o peche de moitas explotacións e probablemente de industrias”.

Advirte ademais que, no sector lácteo, non só o leite pode quedar en orixe e por tanto, botarse a perder: “pequenos e grandes produtores, sufrirán. Conseguiuse esa retirada do leite das explotacións, pero as industrias como non podían sacar os elaborados aos almacéns e supermercado, quedaron sen capacidade de almacén, non poden producir máis e corren o risco de que se estrague o que xa produciron, co que se incrementarán as perdas”.

SOLUCIÓNS DESDE GALICIA. Pola súa banda, en paralelo con esta situación, a administración autonómica segue a buscar solucións para que o sector resista a suba de prezos como efecto da guerra, mediante liñas de crédito ou outras medidas. “Pensamos en algunhas axudas directas, pero como está regulado pola Unión Europea, temos que recibir autorización. Tamén se pensa no pagamento da PAC sen ningún tipo de interés para agricultores e gandeiros e estamos valorando traballar coas entidades bancarias para que se lles concedan liñas de liquidez sen xuros ou subvencionando os xuros a propia Xunta”, indicou José Balseiros, que lembra que, nestes momentos, o sector afronta non só a subida do combustible, o pienso e a electricidade, senón que outros elementos como os plásticos agricolas e os fertilizantes tamén tiñan os prezos en ascenso inasumible. 

Así, conclúe, non se pode considerar que haxa ningún sector do agrogandeiro a salvo dos efectos da crise, “nin sequera extensivo, pois ten que loitar coa luz eléctrica, ten que comprar abonos para cultivar os pastos e teñen que complementar a alimentación en épocas de inverno con piensos. Ademais, tendo en conta que se lles segue pagando a carne a uns prezos inxustos como os de hai 30 anos”.