Lidl abrirá este outono a súa primeira tenda no Val Miñor

Visita ao lugar onde se ubicarán as instalacións. DP
photo_camera Visita ao lugar onde se ubicarán as instalacións. DP

A apertura da tenda de Lidl na rúa As Pontes de Nigrán, xunto ao Centro de Negocios e a gasolineira, suporá a primeira incursión da cadea na comarca do Val Miñor.

A previsión é que este establecemento, no que traballarán unha vintena de persoas, comece a funcionar durante o outono de 2021 e, deste modo, poida dar resposta á demanda de localidades como Baiona ou Gondomar, ademais do propio Concello de Nigrán.

A nova tenda situarase nunha parcela de 4.790 metros cadrados, dos que a superficie de vendas ocupará uns 1.400 metros cadrados, con dúas plantas e unha altura total de sete metros. En total, a cadea mobilizou unha inversión de 4,7 millóns de euros para a construción e o equipamento, actuacións que adxudicaron a empresas galegas como a construtora pontevedresa CHS ou a enxeñaría coruñesa COTECNO.

Neste sentido, a firma continúa a súa estratexia habitual tanto de apoio a provedores de proximidade como de compromiso medioambiental, xa que este punto de venda contará con plataforma fotovoltaica e iluminación LED, o que a converterá nunha tenda ecosostible grazas tamén aos paneis solares instalados ao longo dunha extensión de 1.000 metros cadrados.

O establecemento estará aberto de luns a sábado de 9 a 21.30 horas e contará con 80 prazas de estacionamento. Con esta apertura, a marca elevará a 34 as súas tendas en Galicia, onde sobresae a provincia pontevedresa, xa que concentra practicamente a metade delas. De feito, os últimas tres investimentos de grande envergadura da marca focalizáronse no suroeste da comunidade, tras destinar 2,1 millóns de euros a modernizar a súa tenda da Guarda; tras a apertura do supermercado máis grande da marca en Jacinto Benavente (Vigo), á que destinou 4,6 millóns de euros; e, agora, esta intervención no polígono de Porto do Molle.

VISITA ÁS OBRAS. O xerente de vendas de Lidl en Galicia, Borja Franco, detallou durante unha visita ás obras realizada esta mañá que “esta actuación en Nigrán nos permite, unha vez máis, que os nosos feitos e os nosos compromisos falen pola marca”. Así, Franco lembrou que o novo establecemento será o destino dun de cada seis empregos que a empresa prevé crear este 2021, ao tempo que destacou que o apoio de Lidl ao desenvolvemento económico e á dinamización tanto do sector primario como do mercado laboral galego é “unha realidade incuestionable”. “Os máis de 1.000 millóns de euros destinados a produtores de Galicia nos últimos catro anos ou os 2.800 postos que xeramos só na provincia de Pontevedra entre emprego directo, indirecto e inducido son un termómetro perfecto da nosa alianza coa comunidade”, indicou este responsable de vendas da cadea.

Pola súa parte, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou "a aposta polo emprego cunha vintena de novos postos de traballo" nesta empresa que se instala en Porto do Molle, un parque do Consorcio "que é un enclave tecnolóxico, baseado nun concepto de parque sostible e onde xa hai máis de 120 empresas instaladas". Lembrou David Regades que Zona Franca ten en marcha "unha nova inversión de 6,3 millóns de euros na construción de 14 novas naves para empresas" en Porto do Molle.

Mentres, o alcalde de Nigrán, Juan González, sinalou que “o proxecto de Lidl afianzará Porto do Molle como o gran parque empresarial de toda a área metropolitana, porque estamos a falar dunha firma de referencia no sector. A súa presenza non só leva aparellado xerar postos de traballo, senón que xerará máis recursos económicos para o Concello de Nigrán, que segue a contar con este Polígono Terciario como o seu grande activo”.