Luis Míguez: "É posible revogar a cláusula como pide Ferroatlántica"

Coautor do ditame xurídico que avala segregar as seis centrais hidroeléctricas que Ferroatlántica explota nos ríos Xallas e Grande das fábricas de Cee e Dumbría, o experto non ve "ningún motivo de interese público" para que a Xunta rexeite a solicitude do grupo Villar Mir
Luis Míguez en Santiago
photo_camera Luis Míguez en Santiago

O FUTURO de Ferroatlántica en Galicia segue por clarificar á espera de que Augas de Galicia resolva a solicitude que presentou para que se segregue a produción de ferroaleacións en Cee e Dumbría da xeración de enerxía nos saltos hidráulicos que controla na Costa da Morte. Trátase dun trámite necesario para que o grupo Villar Mir poida vender o negocio hidroeléctrico á canadense Brookfield, disposta a aboar 153 millóns por esta división, que abarca outras seis centrais en Aragón. A compañía, que recentemente se viu obrigada a refinanciar a súa débeda, fai presión ao condicionar a esta operación inversións por 102 millóns de euros en Galicia. Arrodeada dun intenso debate político e sindical, para conseguir o plácet da Xunta dotouse dun ditame xurídico elaborado polos catedráticos de Dereito Administrativo da USC José Luis Carro e Luis Míguez, que sostén que a Administración "incorrería en arbitrariedade" se rexeita darlle luz verde. Para pronunciarse, a Xunta ten tres meses.

¿Que mudou dende que en 1992 Villar Mir mercou ámbolos dous negocios a Carburos Metálicos e a Xunta optou por vinculalos en pro do interese público para que 25 anos despois o grupo defenda que se dan as condicións para a segregación?

Cambiaron varias cousas. Cando se produciu a adquisición —que comprendeu as fábricas de Cantabria e Sabón, aínda que non teñen relación cos saltos hidráulicos— a produción de enerxía era moito máis rendible que a de ferroaleacións, que constituía unha actividade de viabilidade dubidosa. Agora, os datos da empresa apuntan á situación contraria tralo recorte das primas ás renovables. A maiores, tamén acontece que a ligazón entre as fábricas de Cee e Dumbría e as hidroeléctricas se cortou, porque xa dende 2007 as centrais non lles subministran electricidade e verten toda a produción á rede. É máis, a día de hoxe legalmente xa non sería posible pois a regulación do autoconsumo non o permite.

Entón, ¿hai base xurídica para solicitar a segregación?

Efectivamente. No dictame concluímos que non parece que subsista ningún dos motivos de interese público que no seu día xustificaron establecer a vinculación. Á vista de tódolos datos proporcionados pola empresa e do estudo da normativa legal aplicable a nosa opinión é que hoxe non hai motivo para manter a unión. É legalmente posible revogar esa cláusula de vinculación.

Sexa cal sexa a decisión da Xunta, acabará nos xulgados.

É posible. Se é contraria á supresión da cláusula imaxino que a empresa recorrerá a decisión. E se é á inversa, é probable que os sindicatos e grupos políticos contrarios á segregación leven a cuestión aos tribunais. En todo caso, o que fará a Xunta é guiarse polo que lle digan os seus servizos xurídicos.

"As centrais hidroeléctricas non subministran enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría xa dende o ano 2007"



¿Se o conflito se xudicializa, frustraríase a venda das centrais?

Depende da decisión da Xunta. Se é favorable á separación dos negocios aí non remataría todo, pois logo a empresa tería que pedir a autorización para transmitir as concesións. Aínda que se presentasen recursos, en principio, o proceso non se paralizaría. Non obstante, se a Xunta se opón, entón si que o tema se podería dilatar moito, pois habería que agardar a resolución xudicial.

Fálase de preservar o interese público, pero non parece claro que se a venda non sae adiante Ferroatlántica vaia manter o emprego...

Ao contrario, é posible que a empresa, vendo que non pode desprenderse da produción hidroeléctrica, chegue á conclusión de que a actividade de ferroaleacións tampouco lle interesa. No seu momento si foi unha garantía, porque a electricidade era máis interesante dende o punto de vista empresarial. Agora Ferroatlántica está centrada nas fábricas tras fusionarse coa estadounidense Globe Specialty Metals, o maior produtor mundial de ferroaleacións.

O plan industrial inclúe investimentos en Cee, Dumbría e Sabón. Con todo, tampouco hai garantía de que todo se materialice e se conserven os postos de traballo.

Nas decisións empresariais o que máis inflúe é a rendibilidade. O grupo busca gañar diñeiro, de modo que toma as decisións baseándose no beneficio económico, que agora se centra nas ferroaleacións. ¿É prexudicial para os traballadores? Entendo que non. Non garante nada, porque é imposible facelo no ámbito económico, pois en 20 anos poden cambiar as tornas no mercado mundial.

¿Hai algún outro caso en España no que unha Administración ligase dúas actividades deste tipo?

Non coñezo ningún igual. Ao facer o dictame atopamos resolucións xudiciais sobre transmisións de concesións de dominio público nas que a Administración aproveitaba para impor condicións alleas ao proxecto principal da concesión. O certo é que a xurisprudencia non ve moi favorablemente ese tipo de actuacións dos poderes públicos.

Comentarios