Máis de 100 mozos investigarán en centros tecnolóxicos e pemes co programa Principia

Instalacións da empresa Setga, unha das beneficiadas polas axudas do programa Principia. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O plan autonómico, con máis dun millón de investimento, impulsa a contratación de titulados en organismos e empresas

Un total de 110 mozos cualificados traballarán durante un período mínimo dun ano en empresas e organismos de investigación de Galicia para abordar actuacións de investigación, desenvolvemento e innovación. Esta oportunidade bríndaa a nova edición do programa Principia, impulsado pola Xunta de Galicia, que na súa nova convocatoria (a cuarta desde o ano 2016) investirá 1,1 millóns de euros nesta iniciativa, destinada a que os centros tecnolóxicos poidan incorporar talento e novos investigadores aos seus cadros de persoal.

A través deste programa, a Administración autonómica outorgará ás empresas axudas de 10.000 euros por contrato. O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria desta iniciativa o pasado mes de xaneiro, e as empresas e organismos interesados teñen de prazo ata o 11 de abril para solicitar as axudas.

Como principais novidades na nova convocatoria do Principia hai que destacar que se reduce o número máximo de contratos a conceder por entidade (serán dous en lugar de cinco, aínda que se hai remanentes se poderá chegar a un máximo de cinco en vez dos dez da última edición), para incrementar o número e a variedade de tipoloxías das firmas beneficiarias.

Así mesmo, mellórase o reparto porcentual de beneficiarios entre empresas e organismos de investigación e increméntase a puntuación en aspectos como a formación e capacitación de personal ou por contratación de mulleres. O prazo de presentación tamén se amplía a tres meses.

CONTRATACIÓNS. Nas tres anteriores edicións deste programa pioneiro lanzado no 2016 contratáronse 366 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. Deste xeito, a Xunta promove a incorporación, atracción e retención de talento en Galicia e asegura unha capacitación integral das persoas especializadas en I+D+i "que reforce a absorción do coñecemento, a empregabilidade, e dinamice a capacidade do sistema innovador galego".

No marco da Estratexia de Es-pecialización Intelixente de Galicia (RIS3), a Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego, e con ela a competitividade da comunidade, un obxectivo recollido tamén no Plan Galicia Innova 2020. Ademais do Principia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten posto en marcha varios programas que tiveron un recoñecido impacto na retención de talento en Galicia.

A iniciativa aposta pola captación e retención de talento para aumentar a capacidade en I+D+i en Galicia

Neste senso, destacan iniciativas como os contratos-programa –que apoian aos centros tecnolóxicos e as fundacións sanitarias–, así como as Unidades Mixtas de Investigación e o programa Oportunius. Tamén se inclúe neste apartado a iniciativa Talento Sénior, para reforzar desta maneira a capacidade de innovación de Galicia e tender pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial.

A aposta polo desenvolvemento de proxectos de I+D permitiu que Galicia fose no 2017 a segunda comunidade autónoma española onde máis creceu o gasto de I+D no sector empresarial, triplicando o esforzo que está a facer o resto do Estado. Tamén destaca neste senso o crecemento, nun 9,6%, de traballadores dedicados a este tipo de actividades de I+D.

Teresa Carid Sánchez, traballadora de Qbitia: "Compañeiros que están fóra dinme a sorte que teño de poder quedar e facer o que me gusta"

TERESA Carid Sánchez comezou a traballar en Qbitia hai seis anos, cando aínda non rematara a titulación de Enxeñería de Telecomunicacións, que fixo na rama de Telemática na Universidade de Vigo.

"Para min foi xenial, porque cando estás rematando os estudos moitas veces veste con moito tempo libre e o poder estar traballando, formándote e cotizando está moi ben", sinala. Despois de finalizar a titulación, a firma pontevedresa contratouna coa axuda do programa Principia da Xunta a ela e a outro compañeiro.

Esta moza ourensana de 34 anos traballa agora mesmo nun dos proxectos máis ambiciosos desta empresa pontevedresa dedicada ao desenvolvemento de software, principamente enfocado aos mercados financeiros. En concreto, este plan da firma Qbitia aborda a grandes rasgos o almacenamento e servizo de alto volume de datos e intelixencia artificial para detectar abuso de mercado, "todo o que engloba o poder facer accións de compra e venda".

"Tiven moita sorte –conta Carid–. Hai compañeiros meus de Universidade que non tiveron a posibilidade de centrarse xa directamente no que lles gusta e que ten que ver coa súa carreira, algo que é realmente complicado hoxe en día. Estou moi contenta e a miña idea sempre foi quedarme".

"Este programa –engade referíndose ao Principia, que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta– está moi ben porque en ocasións, os traballos que atopan os mozos cando acaban a titulación non están, por dicilo dalgunha maneira, adaptados aos coñecementos e tampouco son remunerados conforme á formación. Entón, o bo desta axuda é que permite que as empresas poidan captar a persoas formadas sen que estas non teñan a necesidade de irse fóra".

"Pódoche contar –apunta a enxeñeira ourensá– casos de compañeiros de carreira que están por aí fóra en Europa e xa me din a sorte que teño de ter podido quedar cerca de casa e facer o que me gusta. É a gran vantaxe que ten este programa", conclúe Teresa Carid.

Rubén Anta, traballador de Setga: "Isto é coñecemento que queda nas nosas empresas e vai facer que todas melloren"

PARA Rubén Anta, o seu traballo en Setga é a súa segunda experiencia laboral. Este enxeñeiro industrial especializado en Electrónica e Automática incorporouse á firma pontevedresa en xullo do pasado ano e desenvolve o seu labor en dous departamentos: internacional e fabricación.

No primeiro caso, o vigués explica que presta "apoio técnico a posibles clientes e tamén fago apoio comercial, recepción de ofertas, creación de pedidos, fabricacións xa específicas para ese tipo de clientes". "Temos un cliente moi potente nos Países Baixos e está basicamente centralizado nel, pero logo calquera consulta que poida chegar de Sudamérica, países árabes, tamén o tratamos desde aí. E logo o outro departamento é o de fabricación, onde o traballo está encamiñado xa á fabricación interna, coordinación, realizar planificacións e tamén o contacto co desenvolvemento de produto I+D", engade Anta.

Destaca que a experiencia está sendo moi positiva, "aínda que ao principio custa un pouco meterse no ritmo da empresa, adaptarte ás súas formas de traballar". "Pero agora creo que está todo bastante rodado, creo eu, máis controlado", afirma este enxeñeiro.

Para Anta, iniciativas como o programa Principia da Xunta, destinadas á retención do talento de Galicia, son esenciais para o desenvolvemento da industria na comunidade.

"Eu tiven sorte –explica o mozo, de 34 anos de idade– e desde que acabei tiven traballo, non nas mellores condicións, pero fun mellorando. Teño amigos moi próximos traballando fóra en Alemaña, México, e outros que se foron e conseguiron volver. Hai moita xente no mundo dos enxeñeiros que tivo que saír, sobre todo para poder comezar. E xusto nos cadrou a nós hai oito ou dez anos unha época na que non había moita oferta de traballo, a verdade. Por iso, programas como este axudan a conseguir que ese talento quede na casa.Ao final, é coñecemento que se queda nas nosas empresas e vai conseguir que todas melloren e que a fabricación, a enxeñería, e a industria en Galicia estea moito máis potenciada".