"O mercado libre non é agora máis barato que o regulado; só hai algunha oferta mellor"

Un "sinsentido". Así ve Andrés Breijo Fuentes, experto en tarifas e mercado eléctrico, o funcionamento do mercado da luz e o recibo. Especialista na materia, imparte charlas por toda Galicia e presta axuda aos consumidores a través da súa canle de Telegram. O primeiro que aconsella é elixir ben a tarifa para evitar pagar de máis e perder dereitos como o bono social, un desconto que considera un "paripé"
Andrés Breijo. AEP
photo_camera Andrés Breijo. AEP

A PESAR DE que o Goberno central rexeita relanzar a enerxía nuclear, Andrés Breijo cre que Europa debería apostar por esta fonte como apoio ás renovables para reducir a dependencia do gas que se trae doutros países e evitar situacións como a actual, na que os seus elevados prezos se trasladan á factura da luz de fogares e negocios.

A pregunta do millón: ¿cando notaremos un abaratamento considerable do recibo eléctrico?

É difícil aventurar cando haberá unha baixada notable. Todo depende do que a Comisión Europea lle deixe facer a España e Portugal. Se permite limitar o prezo do gas na produción de electricidade, os usuarios coa tarifa regulada terán unha factura máis barata e iso forzará a baixar prezos tamén no mercado libre. Se Bruxelas non autorizara esta medida, esta conxutura de prezos elevados prolongaríase todo o ano e máis.

O principal culpable é o gas.

É o que fai subir desorbitadamente o prezo. Se o quitas do mercado, acábase o problema. A cuestión é que todos os países do mundo apostan polas enerxías limpas para reducir emisións, pero ningún ten renovables suficientes para cubrir a demanda. A fonte que deixan de apoio é o gas, mentras eliminan o carbón e moitos as nucleares. Isto fai que os produtores de gas suban o precio. É a lei da oferta e da demanda. Non me explico como non previron isto.

O problema é a dependencia, ¿non si?

A clave sería ter un sistema enerxético sin dependencia do exterior, pero en Europa non é así. Depende totalmente das importacións e do prezo que marquen os países exportadores. Europa tiña que apostar polas nucleares como fonte de apoio, porque non vai poder subsistir sen iso. Non emiten CO2 e agora hai centrais tecnicamente melloradas. Do contrario, imos estar dependendo dos produtos petrolíferos e do gas doutros países. Fíxate en Arxelia, enfádase con España e sóbelle o gas. Estamos nas mans dos que teñen o poduto.

"Revisei moitísimas facturas e no 2019 e 2020 os usuarios pagaban no mercado libre ata un 80% máis que no regulado"

A ministra Teresa Ribera dixo que en España non hai quen queira investir en centrais nucleares.

Uns países están en contra e outros están instalando máis, como Francia, China e Estados Unidos. España está moi avanzada en renovables pero non chegan para cubrir a demanda. E, ademais, producen cando producen. Ten que haber sol e vento. E coa auga tamén hay limitacións. ¿Quen mantén o equilibrio? Unha enerxía coa que poidas funcionar continuamente: nuclear ou gas.

Bruxelas dou á nuclear e ao gas a etiqueta de enerxías verdes a efectos de investimento. ¿Que lle parece?

É ridículo. O gas ten unha penalización por emisión de CO2. ¿Se contamina por que o declaran verde? Son intereses políticos dos países que mandan. Francia apostou pola nuclear. Alemaña polo gas e aí tes, quedou totalmente nas mans de Rusia. China tamén apostou polo gas e prescindiu das centrais de carbón. O pasado outono tiveron que pechar fábricas porque non tiñan corrente. E tiveron que cortar o suministro de electricidade a vivendas. Viñan varios gaseiros de América cara Europa, parounos polo camiño e pagoulles máis para que foran para China. E tivo que volver ao carbón, igual que nas Pontes.

O sistema de fixación de prezos do megavatio no mercado maiorista é cando menos peculiar. ¿Por que as tecnoloxías más caras marcan os prezos das que teñen custos de produción eléctrica más baixos?

A intención do sistema marxinalista é que todas as fontes de xeración poidan vender e manterse. Na subasta entran primeiro as máis baratas e logo as máis caras, ata cubrir a demanda. A última marca o prezo para todas. E, aínda que non entre a máis cara, marca a pauta igual. As produtoras manexan o mercado como queren. Fíxate como é que o día coa corrente máis cara da historia, o 8 de marzo, o gas marcou o prezo en 8 das 24 horas e foron as máis baratas. As máis caras marcáronas a hidroeléctrica e as renovables.

"Moitos contadores non teñen activada a medición da potencia e o usuario consome máis do que ten contratado"

Tarifa regulada ou mercado libre. ¿Que recomenda neste momento?

Antes era mellor o mercado regulado, agora hai tres ou catro ofertas no libre que son máis baratas. Revisei moitísimas facturas e entre 2019 e 2020 os usuarios que estaban no mercado libre pagaban entre un 40 e 80% máis que no regulado polo mesmo. En España somos 26,4 millóns de consumidores con posibilidade de elixir e o 60% estaba no libre pagando máis e perdendo dereitos porque os enganaban. Ninguén os informou. Botei contas e entre os que estaban nese mercado e os que estaban mal contratados no regulado pagaban entre 3.500 e 4.000 millóns de euros de máis ao ano. Uns 500 millóns eran de Iva paraas arcas públicas e o resto ingresos para as eléctricas. Sempre lle digo á xente que o mercado regulado é a lonxa e o libre é a pescadería, que nunca pode ser máis barata que a lonxa senón que perda cartos. Coa corrente pasa exactamente o mesmo. As comercilizadoras do mercado libre non van ofrecer un prezo máis barato que o das compañías produtoras no mercado maiorista. Non pode haber nada máis barato que o prezo de coste, e ese é o mercado regulado.

¿Entón que ocorreu agora para que o mercado libre poida convir?

Non é que agora sexa máis barato. Salvo esas tres ou catro ofertas, o resto son máis caras que no regulado. Hai esas excepcións porque as grandes compañías que producen electricidade lle venden una parte ás súas comercializadoras de xeito bilateral, fóra do mercado maiorista. Ahí o megavatio está a máis de 200 euros nalgunhas horas do día, pero á hidráulica ou ás renovables cústalles moito menos xerar electricidade, poñamos 20 ou 30 euros. A comercializadora cómpralla a 40 ou 50 euros e ofrece tarifas a 60 ou 65. As dúas partes gañan. Pero trátase unha competencia desleal. Por iso están pechando comercializadoras no mercado libre que non teñen o respaldo dunha produtora. Xa o fixeron 50 ou 60 e desaparecerán máis.

Ao bono social só é posible acceder tendo a tarifa regulada, o PVPC. ¿Supón un alivio importante?

É un paripé, un desconto sobre una parte da factura co que se paga máis que estando no mercado libre. Chegáronme facturas para revisar de familias co bono social de ata 560 euros. E tamén dunha pensionista cunha paga de 400 euros que vive de alquiler á que lle chegou un recibo de 180 euros.

Revisar a potencia contratada pode axudar a aforrar?

O máis importante é ter a tarifa adecuada para non estar pagando de máis. Coa potencia pode que esteamos mellor do que pensamos. Hai moita xente que non lle debe tocar porque na maioría dos casos os contadores non teñen activada a medición e está consumindo máis do que teñen contratado sen que salte o limitador.

Comentarios